O Galego (1936-1978): Historia, Lingüística e Sociolingüística

Clasificado en Lengua y literatura

Escrito el en gallego con un tamaño de 3,29 KB

O Galego entre 1936 e 1978

Contexto Histórico e Recuperación Cultural

Coa chegada da Guerra Civil, o esforzo do primeiro terzo do século de rehabilitación da lingua quedou destruído. Así, o galego viuse convertido case nunha lingua clandestina de uso familiar e coloquial. Nestes anos, Bos Aires hásese converter na capital cultural da Galicia do exilio. Alí apareceron as editoriais: Galicia, Nova e Citania.

Arredor de 1950, a lingua e a cultura galegas comezaron a dar síntomas de recuperación. En 1947, aparecía o libro de poesía de Aquilino Iglesia Alvariño: Cómaros Verdes. Pero a verdadeira recuperación do uso escrito do galego deuse en 1950, cando un grupo de intelectuais fundou a Editorial Galaxia.

Na década dos 60, detectouse un certo aperturismo no réxime e iniciouse a actividade política na clandestinidade. En 1963, creouse o Consello da Mocidade, do que naceron a UPG en 1964, e en 1965 o PSG, formacións que acadaron unha forza significativa na sociedade dos anos 70. Nesta mesma década, produciuse un importante desenvolvemento económico, con creación de industrias (naval, conserveira...) e melloras na produción agrícola (modernización da maquinaria).

Segundo avanzaban os anos 70, as demandas galeguistas eran máis frecuentes, e con elas apareceron publicamente novas mostras da actividade normalizadora. Cando en novembro de 1975 morreu Franco, en Galicia era patente o proceso de recuperación social e funcional do galego. O proceso de recuperación daría o seguinte paso coa chegada da normalidade democrática e co recoñecemento dos dereitos lingüísticos dos galegos na Constitución Española de 1978 e no Estatuto de Autonomía de 1980.

Situación Sociolingüística do Galego

A Castelanización e o Ámbito Urbano

Canto á situación sociolingüística, a castelanización global da sociedade aumentou no período político da ditadura franquista. O castelán seguiu a medrar entre os habitantes de núcleos urbanos, fronte a un maior grao de conservación do galego nas zonas rurais.

Involución Cultural e Depresión Lingüística

Polo que se refire ao proceso de revalorización social, iniciado polo galeguismo na segunda metade do século XIX e continuado no primeiro terzo do século XX, a etapa franquista supuxo unha involución cultural coa conseguinte depresión lingüística.

Características Lingüísticas Fundamentais

A Norma Escrita na Posguerra

O galego escrito na posguerra non respondía a ningunha norma sistemática, polo que se atopaba bastante variedade de solucións. Non obstante, si se avanzou cara a unha maior sinxeleza formal. Ademais, tenderon a moderar os excesos enxebrizantes da etapa de preguerra.

O Papel da Universidade de Santiago

Na Universidade de Santiago déronse novidades importantes na década de 1960, sobre todo a incorporación de xeito opcional de estudos de lingua e literatura galegas na licenciatura de Filosofía e Letras. Precisamente, o primeiro profesor encargado desta docencia, Ricardo Carvalho Calero, foi quen elaborou a gramática máis importante publicada neste período: Gramática elemental del gallego común.

Entradas relacionadas: