O galego durante o franquismo (1936-1975): Lingua e sociedade
Clasificado en Lengua y literatura
Escrito el en gallego con un tamaño de 4,75 KB
O galego durante o franquismo (1936-1975)
Contexto histórico: Guerra Civil e ditadura
En xullo de 1936 o xeneral Franco encabezou un golpe de estado militar contra a República, pero o golpe fracasou en boa parte de España e deu paso a unha guerra civil entre os defensores da legalidade republicana e os que pretendían instaurar unha ditadura militar, co apoio da Italia fascista e da Alemaña nazi. En Galicia o golpe triunfou, a pesar de que houbo algunha resistencia. Seguiu unha dura represión, con encarceramentos, fusilamentos e asasinatos de moitos destacados republicanos e galeguistas; outros tiveron que marchar ao exilio. Algúns grupos de guerrilleiros mantiveron a resistencia armada contra a ditadura ata a década de 1960.
Represión e resistencia cultural
Co triunfo das tropas franquistas, a lingua galega perdeu toda posibilidade de acceder ás instancias oficiais e ao uso público. A ditadura franquista baseábase ideoloxicamente nun nacionalismo español exacerbado, así que volveu aplicar unha política de asimilación forzada, por medio da escola, da Administración e da Igrexa. Nos primeiros anos da posguerra, o clima de temor ante a represión política facía que escribir en galego resultase arriscado, e calquera actuación de fomento e de cultivo da lingua galega podía ser sentida como unha actividade disgregadora, contraria á unidade nacional española.
Aínda así, xa desde a década de 1940 apareceron indicios de recuperación do galego como lingua literaria, e esa recuperación consolidouse nas décadas seguintes. Os continuadores do movemento galeguista trataron de evitar a confrontación coa ditadura e centráronse no movemento cultural. Nesta recuperación tivo un papel destacado a Editorial Galaxia, que se creou no ano 1950.
Situación sociolingüística: diglosia e desgaleguización
Nestes anos, o galego mantíñase na sociedade rural e nas clases populares das cidades. Cando se produciu o éxodo do campo para as cidades, a maioría dos novos cidadáns adaptouse ao esquema diglósico castelán-galego, co emprego da lingua oficial para as funcións elevadas ou para falar con descoñecidos e do galego para os usos familiares ou coloquiais entre amigos ou entre iguais. Como estratexia de adaptación a esa realidade sociolingüística, moitos educaron aos fillos en castelán, rompendo a transmisión da lingua ás novas xeracións.
Rexurdimento cultural e político (anos 60-70)
Na década de 1960 incrementouse a actividade política clandestina e creáronse dous partidos nacionalistas, o Partido Socialista Galego (PSG) e a Unión do Pobo Galego (UPG).
Asemade, polas cidades e vilas fóronse creando numerosas asociacións culturais orientadas á difusión e ao cultivo da cultura e da lingua galegas. Estes movementos políticos e culturais gañaron forza na década de 1970 e trouxeron consigo un fenómeno novo para o galego: un número cada vez máis importante de rapaces e rapazas que tiñan o castelán como lingua primeira aprenderon a lingua galega e, en moitos casos, defendérona e promovérona. Nesta década tiveron lugar acontecementos importantes como a celebración do Día das Letras Galegas (1963), a creación da Cátedra de Lingua e Literatura Galega na Universidade de Santiago (1965), a aparición doutras editoriais e revistas monolingües ou a emisión do programa Panorama de Galicia en galego na TVE (1974).
Factores adversos para o galego
Pese a este proceso de recuperación de usos, o fenómeno de desgaleguización social avanza durante a etapa da ditadura franquista a un ritmo moito máis acelerado:
- O ensino, cada vez máis universal, desenvólvese exclusivamente en castelán.
- A Igrexa, na súa maioría, utiliza o castelán e esa será a lingua da liturxia cando o Concilio Vaticano II (1963) abandone o latín.
- Os medios de comunicación de masas (sobre todo a radio e a televisión) emiten case exclusivamente en castelán.
Persistencia do galego e protoestándar
Mais, malia todos os atrancos, o galego segue sendo, no ano 1975, a lingua maioritaria do país (75-80 % da poboación é galegofalante).
No camiño de busca dunha norma culta, dámoslle a este período o nome de protoestándar: aumenta a conciencia da súa necesidade, e podemos caracterizalo polo desexo de simplificación ortográfica (eliminación de guións e apóstrofos) e de depuración léxica (rexeitamento de castelanismos, incorporación de neoloxismos e cultismos...).