O galego durante o franquismo: represión e resistencia
Clasificado en Otras materias
Escrito el en gallego con un tamaño de 3,8 KB
1. Características lingüísticas fundamentais
Sobre a base construída na preguerra, inténtase buscar unha maior simplicidade ortográfica e gramatical, adoptar solucións supradialectais e corrixir paulatinamente os excesos diferencialistas da etapa anterior. Este período coñécese como “protoestándar”, polo obxectivo unánime de procurar unha norma culta.
Os autores da editorial Galaxia levan á práctica a simplificación reducindo o uso do apóstrofo e os guións, moderando o uso dos hiperenxebrismos e incorporando neoloxismos e cultismos, así como rexeitando os castelanismos nun intento de depuración léxica.
Na década dos 60, a Universidade de Santiago incorpora de xeito opcional os estudos de lingua e literatura galegas en Filosofía e Letras, sendo o primeiro profesor Ricardo Carballo Calero, quen elabora en 1966 a Gramática elemental del gallego común. A RAG asumirá a principios dos 70 o labor de codificación do idioma, publicando as primeiras normas minimamente completas e sistemáticas.
2. Contexto histórico, social e cultural. A guerra do 36 e as súas consecuencias. A ditadura franquista
2.a. Contexto histórico
En Galicia non houbo durante a guerra unha fronte bélica específica. A represión do bando franquista foi planificada e brutal, instaurando un réxime de terror con fusilamentos, torturas, confiscación de bens, abusos sexuais, queimas de bibliotecas... Galicia funcionou como despensa para os franquistas: roupa, alimentos, soldados, o que deu lugar aos “anos da fame”. Houbo unha resistencia popular en forma de guerrillas que perdura ata os anos 50. As saídas a este panorama eran o exilio, fuxir ao monte, agocharse durante anos ou tratar de pasar desapercibido.
O novo réxime ditatorial logrou o apoio da Igrexa. Nos anos 50, Franco pactou cos EEUU, o que deu continuidade á ditadura. A transformación económica dos 60 supuxo a morte do mundo tradicional labrego e a instalación de industrias que provocaron unha nova corrente migratoria dirixida, agora, cara a Centro Europa. En política, represión e uniformización: elimínase calquera clase de oposición ou disidencia.
O Partido Galeguista queda na clandestinidade. Un pequeno grupo dirixido por Ramón Piñeiro centra o traballo no campo cultural, en contra da opinión dos que estaban no exilio (Castelao). Neste contexto xorde a Editorial Galaxia. Na década dos 60 aparecen o PSG e a UPG, nacionalistas de esquerdas, dentro do movemento antifranquista. Nos anos 70, profunda crise e folgas obreiras.
2.b. A situación do idioma
Os logros acadados polas Irmandades da Fala pérdense na Ditadura. As autoridades do franquismo relegan o galego aos ámbitos familiar e laboral, quedando prohibido no ámbito público. A escola, a igrexa, a xustiza e a administración reprimirán o uso espontáneo do galego. Calquera defensa do galego considerarase antipatriótico.
2.c. A evolución do conflito lingüístico
Durante os corenta anos do franquismo, o proceso desgaleguizador coñece unha intensificación sen precedentes. Increméntase o uso do español en cidades e vilas; penetra significativamente no mundo rural; aumenta o monolingüísmo en español; difúndense prexuízos e comportamentos diglósicos. Todo isto débese ao incremento da poboación urbana, sobre todo nas últimas décadas do franquismo, que trae consigo a identificación cidade=español, aldea=galego.
A nivel educativo, as estruturas estatais impuxeron unha represión brutal ao galego. A escola foi un dos piares en que se sustentou o proceso de castelanización; o exército, outro. Por outra banda, a emigración cara a América durante século e medio tivo como consecuencia o maior prestixio do español como lingua útil, provocando o abandono do galego dos emigrados.