O galego entre os séculos XX e XXI: Historia e situación
Clasificado en Otras materias
Escrito el en
gallego con un tamaño de 2,57 KB
O galego a finais do século XX e comezos do XXI
Contexto histórico e situación sociolingüística
Coa morte de Franco en 1975 comezou o proceso de transición democrática. En 1978 aprobouse, en referendo popular, a actual Constitución Española.
O desenvolvemento do Estado das Autonomías posibilitou o acceso ao réxime autonómico para Galicia. Isto materializouse a través do Estatuto de Autonomía (1981), o cal nos dota de organización política e administrativa propia.
Ao mesmo tempo, Galicia vese inmersa no proceso de creación da Unión Europea, que busca proporcionar aos países membros unha unión económica e política.
Transformacións económicas e sociais
A economía atópase nunha época de grandes transformacións:
- A poboación deixa de ser maioritariamente agrícola pola industria e os servizos (turismo, comercio…).
- As melloras das condicións sanitarias e a boa alimentación prolongan a vida dos galegos. Temos a taxa de mortalidade máis baixa do mundo, o que provoca o estancamento da poboación.
- Galicia deixa de ser un país que xera emigrantes; á nosa terra chegan persoas de diferentes países, movidos polo progreso.
O recoñecemento legal da lingua galega
A aprobación da Constitución Española e do Estatuto de Autonomía supuxo un cambio definitivo na consideración legal do galego: a nosa lingua é recoñecida por primeira vez.
O recoñecemento oficial produciuse no Estatuto de Autonomía (1981), que establece no seu artigo 5:
- 1. A lingua propia de Galicia é o galego.
- 2. Os idiomas galego e castelán son oficiais en Galicia e todos teñen dereito de coñecelos e de usalos.
- 3. Os poderes públicos de Galicia garantirán o uso dos dous idiomas e potenciarán o emprego do galego na vida pública.
- 4. Ninguén poderá ser discriminado por causa da lingua.
Este recoñecemento baséase no establecido na Constitución Española de 1978, que di no seu artigo 3:
- 1. O castelán é a lingua oficial do Estado. Todos os españois teñen o deber de coñecela e o dereito de usala.
- 2. As outras linguas españolas serán tamén oficiais nas respectivas Comunidades Autónomas.
- 3. A riqueza das distintas modalidades lingüísticas de España é un patrimonio cultural que será respectado e protexido.
A Constitución Española establece a cooficialidade nun territorio delimitado, mentres que o castelán é oficial en todo o territorio.