O galego a finais do século XX e comezos do XXI: características lingüísticas, contexto histórico e situación sociolingüística

Clasificado en Otras materias

Escrito el en gallego con un tamaño de 4,02 KB

Das características lingüísticas fundamentais do galego nesta etapa cómpre sinalar a influencia de dous factores novidosos: a difusión do actual estándar e a escolarización en galego. Estes feitos permitiron depurar a lingua de castelanismos léxicos propios da fala popular, mais á vez contribuíron a difundir un modelo fonético considerado por algúns menos 'auténtico' (sen gheada, sen seseo, cunha entoación neutra...). Isto dá lugar, na lingua oral, ao que se ten denominado ás veces como 'diglosia interna' entre galego estándar e o espontáneo ou dialectal. Esta é a etapa que se inicia coa disputa pola normativización entre a RAG e o ILG. Por fin establecese o galego estándar (Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego), legalizadas en 1982, con dúas revisións, 1995 e a máis recente de 2003. Soluciónase o problema da normativización, pero non corre o mesmo co da normalización, a que uns cren que debe ser suficiente con promocionar e incentivar o uso do galego, mentres outros pensan que se debe impoñer.


O contexto histórico ven marcado polo remate da ditadura coa morte de Franco en 1975 e a transición cara a instauración dun réxime democrático. O novo sistema de liberdades propicia avances moi positivos. No 1976 constitúese na USC o Departamento universitario de galego-portugués. Pero o dato más relevante é que por primeira vez o galego vese amparado por un marco legal, que lle dá rango de lingua oficialial e promove a súa normalización: Constitución Española (1978), Estatuto de Autonomía (1981), Lei de Normalización Lingüística (1983) e Plan Xeral de Normalización (2004). Para a defensa do galego tamén se crea a Mesa pola normalización lingüística en 1988. En galego desenvólvese a práctica pública dos órganos de poder Xunta e Parlamento de Galiza). A radio e a televisión públicas galegas e estatais usan a nosa lingua; tamén o fan algumas radios e televisións locais e diversos medios escritos (xornais, revistas: Teima, Man común, Luzes, A nosa terra, O correo galego, hoxe desaparecidos. Igualmente publícanse estudos literarios e lingüísticos sobre o galego. No eido educativo, por primeira vez os nenos galegos teñen a oportunidade de ser alfabetizados sistematicamente no idioma propio de Galiza. No ámbito da cultura é no que se acada un maior grao de normalización: teatro, música, literatura e empresas editoriais (Do Cumio, Vía Láctea, Baía, Sotelo Blanco, mesmo as foráneas tamén publican en galego Anaya, Santillana…). Nos últimos anos dánse importantes avances no sector audiovisual: series de TV, filmes, Internet (Nos 90 aparecen programas, correctores, buscadores, páxinas web, blogs en galego).


No tocante á situación sociolingüística, hai feitos que denotan un avance na recuperación social da lingua. Como xa vimos, en comparación con fases precedentes, o galego incrementou a súa presenza na vida pública, hai unha importante mudanza positiva nos códigos de valoración social da lingua (coa perda da forza dalgúns vellos prexuizos) e tamén comezamos a romper cos códigos que reducían o galego aos usos informais. Non obstante, son palpables outros feitos negativos para o futuro da nosa lingua. Así, se ben se recoñece que o seu uso é, en xeral, maioritario, o galego está a sufrir un continuo descenso de falantes, especialmente entre a xente nova. Por outra parte, até hai pouco tempo o galego era a lingua exclusiva no ámbito rural, pero xa non o é; e nas vilas e cidades o seu uso está tamén a descender. Para concluír, 30 anos de política lingüística con pretensións normalizadoras non deron invertido a tendencia desgaleguizadora. Na escola sófrese un claro retroceso, a prensa desaparece, os políticos oran en castelán, os cativos ignoran a lingua... as expectativas son desesperanzadoras agás que nós como individuos; a sociedade na súa totalidade e a Xunta como entidade comecemos a ver no galego o maior sinal de identidade que posuímos.

Entradas relacionadas: