O Galeguismo: Historia, Fases e Figuras Clave en Galicia
Clasificado en Otras materias
Escrito el en gallego con un tamaño de 2,67 KB
O Galeguismo: Historia e Evolución
O Galeguismo reivindicaba, con maior ou menor intensidade, o recoñecemento dos intereses de Galicia, a defensa do galego e do autogoberno. A pesar de que o movemento contou con destacados teóricos e defensores, o seu grao de implantación na sociedade foi escaso. Durante o século XIX estivo limitado a determinados círculos minoritarios de intelectuais e políticos.
Fases do Galeguismo
Na evolución do galeguismo diferéncianse tres fases principais:
- Provincialismo
- Rexionalismo
- Nacionalismo
En todas elas, o punto de partida da reivindicación galeguista está no recoñecemento da pobreza, atraso e afastamento de Galicia, así como no sentimento de aldraxe ante o esquecemento e a marxinación que padecía por parte dos políticos e dos gobernos de Madrid.
Orixes e Primeiras Manifestacións
A Xeración de 1846 foi un grupo de homes, entre os que destacou Antolín Faraldo, que manifestaron as principais características diferenciadoras de Galicia e os problemas que padecía: atraso e illamento. A primeira posta en práctica destas ideas manifestouse no pronunciamento progresista de Solís contra o goberno moderado de Narváez. A pesar do seu fracaso, as súas propostas non quedaron esquecidas e foron continuadas desde perspectivas diferentes.
O Rexurdimento e a Lingua Galega
Desenvolveuse o Rexurdimento, protagonizado por figuras como Rosalía de Castro e Eduardo Pondal, que iniciaron o movemento de recuperación e defensa do emprego do galego como lingua non só popular senón tamén literaria. Tamén historiadores como Manuel Murguía contribuíron cos seus traballos de investigación e interpretación do pasado de Galicia.
O Rexionalismo Galego
Arredor de 1880 aparece en Galicia un movemento de carácter rexionalista. A defensa do rexionalismo galego foi formulada desde dúas posturas ideolóxicas diferentes:
- A liberal, liderada por Manuel Murguía, quen foi o primeiro defensor da existencia dunha nacionalidade galega diferente das demais, xustificando a súa realidade en razóns idiomáticas, xeográficas, étnicas e históricas.
- A conservadora, tradicionalista e católica, representada por Alfredo Brañas, quen, desde posicións tradicionalistas e católicas, defendeu a idea da dobre patria para conxugar as reivindicacións rexionalistas coa unidade de España e avogou pola formación de institucións propias para as rexións.