Galicia na Baixa Idade Media: Crise, Transformación e Resistencia Cultural
Clasificado en Matemáticas
Escrito el en gallego con un tamaño de 3,71 KB
Galicia a fins da Idade Media
Concorda un certo número de historiadores en sinalar o século XV como un momento determinante na historia do noso país. E isto por un dobre motivo: porque os acontecementos que nesa época tiveron lugar determinan a súa proxección durante a Idade Moderna; e porque a denominada por eles "frustración do século XV" viría condicionar o devir de Galicia ata a actualidade.
O Reino de Galicia na Coroa de Castela
En 1230, Fernando III reuniu definitivamente, baixo un só cetro, os territorios de Galicia-León e Castela. Ademais, a acción conquistadora permitiulle ao monarca ampliar os seus dominios logo da toma de Córdoba e Sevilla. A partir dese momento, tan só o reino de Granada ía permanecer, ata 1492, como único testemuño da presenza árabe na Península.
A conquista andaluza supuxo unha mudanza esencial nas coordenadas socioeconómicas e sociopolíticas dos diferentes territorios que conformaban o dominio de Fernando III e dos seus sucesores. Así, o eixe horizontal trazado arredor do Camiño de Santiago foi substituído polo eixe vertical que conduce, desde Sevilla, aos portos cantábricos a través de Toledo e Burgos.
Ao mesmo tempo, episodios relevantes como a desgaleguización da nobreza e, sobre todo, da igrexa, ou a centralización do poder a partir do reinado dos Reis Católicos, contribuíron a conformar unha etapa durante a cal o noso país se converteu nun territorio arredado e sen peso efectivo no conxunto da monarquía hispánica. Polo tanto, Galicia asiste á eclosión e desenvolvemento da Idade Moderna desde unha posición marxinal que se prolonga nos seguintes séculos.
En calquera caso, por máis que se tratase dun organismo debilitado desde o punto de vista político, sería inxusto non dar conta da existencia dunha corrente de opinión defensora dos intereses galegos, partidaria de privilexiar os costumes propios e, xa que logo, dotar a institución de verdadeira entidade. Deste xeito, se ben non se pode falar dunha única causa que explique o devalo político de Galicia durante a etapa do Galego Medio, si podemos dicir que todos os factores conflúen nun apartado fundamental.
Galego-portugués, galego e portugués
Dende o século XIII, coa unión de Galicia-León con Castela e o emerxer do reino castelán como a forza máis poderosa dentro da coroa, ten lugar a chegada de xentes alleas ao país que viñeron ocupar os postos dirixentes. O proceso de castelanización comezou, entón, pola existencia de certas lagoas canto ao emprego do galego no ámbito xurídico-político e espallouse a medida que a marxinalización do noso espazo, a dependencia con respecto da corte e a centralización da monarquía foron en aumento.
Ao tempo que en Portugal ten lugar un proceso de estandarización do idioma, en Galicia é inexistente ese centro de poder.
A Etapa do Galego Medio
A decadencia (política) de Galicia durante os séculos XVI, XVII e XVIII tivo consecuencias decisivas respecto dos usos escritos do galego durante esta longa etapa. Comprobamos como se produciu un continuado retroceso do noso idioma no espazo de Administración ao tempo que a literatura galega entrou nun período de escurecemento que vai durar arredor de 300 anos: a etapa coñecida como Séculos Escuros.
Non obstante o anterior, a conxuntura socioeconómica e demográfica do país galego traza un cadro de expansión durante a maior parte do século XVI. Doutra banda, a perspectiva europea do momento determina que Galicia viva un breve período no cal se revalorizou o seu papel estratéxico-militar dentro da política seguida pola monarquía hispánica. Neste sentido, membros da nobreza galega cobran un papel protagonista.