Galicia no Século XX: Agrarismo e Irmandades da Fala
Clasificado en Matemáticas
Escrito el en gallego con un tamaño de 2,84 KB
Galicia no Século XX: Transformacións Sociais e Económicas
A comezos do século XX en Galicia a sociedade seguía a ser maioritariamente campesiña, marcada polo atraso económico e pola emigración cara a América; non obstante, iniciouse un proceso de modernización que tería continuidade ata o inicio da Guerra Civil Española.
Esta mudanza levou parella unha profunda transformación social e económica: aumentou a poboación urbana; emerxeu un campesiñado propietario, como consecuencia da abolición do sistema foral; desapareceu a fidalguía rendista como clase, xa que deixou de percibir as rendas agrarias; consolidáronse a pequena burguesía comercial e industrial e a burguesía vilá, e tamén apareceu o proletariado.
O Agrarismo Galego (1907-1923)
O agrarismo foi un movemento reivindicativo que estimulou a conciencia política do campesiñado galego, organizándoo en sociedades que se manifestaban a través da prensa, dos mitins e das concentracións agraristas. A máis representativa foi a Liga Agraria de Acción Galega, dirixida por Basilio Álvarez, abade de Beiro (Ourense). Este movemento contribuíu decisivamente á abolición dos foros.
O foro estaba estendido por Galicia e era un contrato polo que unha persoa lle arrendaba terras a outra por unha cantidade de diñeiro ou de produtos da terra.
Nacionalismo Galego: As Irmandades da Fala
Un dos trazos máis significativos desta época foi o agromar do nacionalismo galego. O nacionalismo galego xurdiu coa fundación das Irmandades da Fala en 1916.
As Irmandades, que actuaron nas principais cidades e vilas do país, tiñan como obxectivo inmediato o fomento do uso do galego na vida pública. Como órgano de expresión publicaron, nese mesmo ano, o semanario A Nosa Terra, monolingüe en galego.
Proxecto Político e Cultural das Irmandades da Fala
As Irmandades foron esencialmente un movemento político que definiu a Galicia como unha nación, isto é, un país dotado de lingua, territorio, historia, institucións e cultura propias e diferenciadas.
Reivindicaron, entre outras cousas:
- A cooficialidade para a lingua galega.
- A igualdade de dereitos para a muller.
- O recoñecemento da parroquia como entidade xurídica.
- A proclamación da soberanía da nación galega.
As Irmandades desenvolveron un importante traballo cultural: promoveron agrupacións de teatro, crearon editoriais e revistas, fomentaron o estudo do galego e reclamaron a súa presenza en todos os ámbitos sociais, co obxectivo de culturizar a sociedade galega, maioritariamente analfabeta.