Galiza 1916-1936: Contexto, Irmandades da Fala e Ramón Cabanillas
Clasificado en Lengua y literatura
Escrito el en
gallego con un tamaño de 20,31 KB
Galiza entre 1916 e 1936: Ramón Cabanillas
1. Contexto Histórico e Social
Demografía
Nesta época, Galiza era un territorio moi poboado. A maioría da poboación estaba marcada pola pobreza, sendo, sobre todo, labregos e mariñeiros. Esta situación motivou unha emigración multitudinaria (principalmente a Sudamérica). A poboación concentrábase nas cidades e na costa; en consecuencia, o interior do territorio comezou a despoboarse.
Economía
Dependente e atrasada. Exportábanse materias primas (madeira, gando, minerais...), había pouca industrialización (algunhas conserveiras), e unha constante fuga de capitais e recursos humanos (emigración). Existía un inmobilismo das estruturas agrarias herdadas do Antigo Réxime (sistema foral) e as vías de comunicación eran escasas e precarias.
Na agricultura iniciouse certa renovación grazas á mecanización e á introdución de fertilizantes. Na industria tamén se produciu un tímido desenvolvemento. A Guerra Civil segou estes pequenos avances.
Lingua
A maioría da poboación era galegofalante. O desprazamento da poboación ás cidades e vilas fixo que o número de castelanfalantes aumentase rapidamente. Medrou tamén o aumento de estereotipos negativos sobre o noso idioma. En moitos ámbitos formais, como a Igrexa ou o ensino, a única lingua seguía sendo o castelán.
Política
O sistema político estaba marcado polo turnismo bipartidista (liberais/conservadores) herdado da Restauración, un sistema corrupto e pouco democrático.
O Agrarismo
Aparece o agrarismo, movemento de masas campesiñas que loita pola redención ou abolición dos foros e a mellora das condicións de vida dos labregos. As principais organizacións agraristas foron Solidariedade Galega e a Liga de Acción Galega, liderada por Basilio Álvarez e á que pertenceron Castelao e Cabanillas.
Ditadura e República
En 1923, comeza a Ditadura de Primo de Rivera. O 14 de abril de 1931 iníciase a Segunda República, que trouxo consigo profundos cambios económicos e sociais e supuxo a creación dun marco menos hostil para a nosa lingua.
O Partido Galeguista (PG)
Neste contexto, en decembro de 1931, fúndase en Pontevedra o Partido Galeguista (PG), do que formaron parte, entre outros, Risco, Castelao, Otero Pedrayo e Cuevillas. Desde a súa fundación, o PG canalizou as reivindicacións das Irmandades. No seu programa recollíanse a galeguización do ensino, a cooficialidade das linguas, etc. Ademais, o PG participou decisivamente na elaboración do Estatuto de Autonomía de Galiza, aprobado en plebiscito o 28 de xuño de 1936, apenas dez días antes de que estalase a Guerra Civil.
A Guerra Civil
O 18 de xullo de 1936, comeza a Guerra Civil (sublevación militar encabezada por Franco contra o goberno lexítimo da República, presidido por Manuel Azaña). Galiza permaneceu en mans dos sublevados.
2. As Irmandades da Fala
O contexto literario
A comezos do século XX, a literatura galega vivía un momento problemático. Pese a que o número de obras publicadas ía en aumento, a calidade dos textos non era alta. As obras desta época centrábanse en temas manidos e obsoletos, no costumismo ruralista, no historicismo, etc. A prensa en galego estaba practicamente desaparecida e a narrativa e o teatro case non se cultivaban. Neste contexto, xorden as Irmandades da Fala.
Fundación e desenvolvemento
A primeira Irmandade da Fala fundouse na Coruña en 1916. Estaba liderada polos irmáns Antón e Ramón Vilar Ponte. A eles uníronse decontado unha longa nómina de intelectuais e persoas preocupadas pola situación galega (Lugrís Freire, Uxío Carré Aldao, Porteiro Garea, Francisco Tettamancy...). Todos eles buscaban e defendían a promoción da cultura e da lingua galega. Moi pronto as Irmandades multiplicáronse e xurdiron en distintas cidades galegas (Santiago, etc.).
Pouco despois, tamén en 1916, aparece o xornal A Nosa Terra, que se converteu en voceiro do ideario das Irmandades.
Asembleas e ideario
Na I Asemblea das Irmandades, celebrada en Lugo en 1918, emprégase por primeira vez o termo “nazonalismo”. Desta asemblea saíu un manifesto que supuxo a superación definitiva do rexionalismo, definindo Galiza como nación.
En 1922, en Monforte, as Irmandades dividíronse entre:
- Os que defendían a necesidade de seguir fundamentalmente unha liña cultural (liderados por Risco).
- Aqueles que crían na actuación política (liderados por Lois Peña Novo).
Reivindicacións e accións
As Irmandades demandaban:
- A cooficialidade do galego e do castelán.
- A implantación na Universidade compostelá dunha cátedra de Lingua e Literatura Galega.
- A elaboración dun dicionario e dunha gramática.
- A fin da marxinación do galego en todos os ámbitos. (Na Igrexa, o arcebispo e algúns sacerdotes comezaron a escribir poesía en galego. Ademais, un grupo de cristiáns pontevedreses impulsou unha revista en galego, titulada Logos).
Accións no ámbito educativo
Tentaron paliar a negativa situación do galego nun ámbito clave. Cabe destacar:
- A aparición dunha revista infantil, As Roladas, impulsada por Cabanillas.
- A creación na Coruña das Escolas de Ensino Galego, impulsadas polo editor Ánxel Casal.
- A creación dun método de lectura, Método de lectura, por Josefina Iglesia Vilarelle.
Actividade cultural e lingüística
Os membros das Irmandades despregaron unha intensísima actividade:
- Elaboraron un novo discurso reivindicador e dignificador do idioma, apostando pola renovación estética, formal e temática.
- Impulsaron un avance no proceso de estandarización e na creación dun rexistro culto galego.
- Convocaron certames literarios a través de revistas e xornais.
- Déronlle un enorme pulo, cuantitativo e cualitativo, ao emprego literario (introduciron novos xéneros, como a novela, a prosa científica, o teatro, os artigos xornalísticos...). En consecuencia, ampliáronse os círculos de lectores na nosa lingua, grazas á variada oferta editorial e á maior presenza do galego na prensa.
- Traduciron por primeira vez obras da literatura universal á nosa lingua, demostrando que o galego é válido para expresar calquera idea ou concepto.
- Romperon con pautas diglósicas, pois usaron o galego en ámbitos ata entón insólitos (Igrexa, correspondencia privada, conferencias, radio, escola, Universidade, ciencia...).
- Iniciouse a recuperación da toponimia galega, deturpada desde os Séculos Escuros.
- Crearon editoriais (Lar, Céltiga, Nós...) coas que potenciaron o libro en galego.
- Fundaron compañías teatrais, cadros de declamación e coros que representaban e interpretaban en público obras musicais e teatrais.
- Puxeron na rúa revistas e xornais (A Nosa Terra, Nós, As Roladas...).
- Puxeron en marcha entidades científico-culturais como o Seminario de Estudos Galegos (1923).
3. Ramón Cabanillas (1876-1959)
Traxectoria vital
Fillo de nai solteira. Realizou os primeiros estudos en Cambados para pasar despois ao Seminario de Santiago de Compostela, onde adquiriu unha sólida formación clásica. Regresou a Cambados, comezou a traballar como funcionario, fundou unha familia numerosa e colaborou en xornais anticaciquís do Salnés como El Cometa ou El Umia.
Emigrou a Cuba, onde entrou en contacto cos galeguistas e con Basilio Álvarez, quen o introduciu no agrarismo. Asumiu o ideario agrarista e converteuse en voceiro literario do movemento. Regresou a Galiza e foi aclamado como o gran Poeta da Raza. Participou na creación das Irmandades da Fala e converteuse nun fervente activista, difundindo as ideas das Irmandades tanto en prosa como en teatro.
Ingresou na Real Academia Galega e, posteriormente, na Real Academia Española (non sen conflito).
Na posguerra, converteuse nun símbolo da nosa recuperación cultural. En 1950, cando se fundou a editorial Galaxia para comezar a publicar en galego, escolleuse unha obra de Cabanillas, Antífona da cántiga, como primeiro título do seu catálogo. O seu enterro foi unha auténtica manifestación cívica de galeguismo en plena ditadura franquista.
3.1. Características da súa obra
Está considerado un dos poetas máis importantes da nosa literatura. Encádrase na xeración das Irmandades. Ten unha obra rica e plural, incorporando rexistros e temas pouco frecuentes na literatura galega ata aquel momento (temática relixiosa, o mito artúrico...). Renova o discurso poético mesturando sensualismo, plasticidade e un exquisito dominio do ritmo e da lingua.
Influencias na súa poesía
- Elementos procedentes da tradición:
- A literatura greco-latina: Horacio, Virxilio, Ovidio...
- O romanticismo tardío europeo: Heine.
- O folclore popular galego.
- Os mestres do Rexurdimento: Rosalía (de quen herda o seu lirismo), Curros (moi presente na poesía cívica de Cabanillas) e Pondal.
- Elementos anovadores:
- Modernismo hispanoamericano (Rubén Darío): Versatilidade métrica e rítmica, versos alexandrinos ou sonetos de arte menor, o gusto polo sensual, a musicalidade e os efectos coloristas.
- Saudosismo portugués: Corrente filosófica e cultural de carácter nacionalista que se desenvolveu en Portugal a comezos do XX, que quere ver na saudade unha característica común entre galegos e portugueses. Defenden o regreso ao paraíso perdido (o campo), a intuición e o cristianismo mesturado cun misticismo panteísta. O seu principal cultivador foi Teixeira de Pascoaes.
- Postsimbolismo francés: Baudelaire, Rimbaud, Verlaine, Mallarmé.
3.2. Traxectoria literaria
Acostuman distinguirse catro etapas:
a) Etapa de formación ou pregaleguista (1910-1915)
Caracterizada pola emigración en Cuba, onde coñece a Basilio Álvarez e asume o ideario agrarista.
Obras destacadas:
- No desterro. Visións galegas
- Vento mareiro
Estes dous libros son moi parecidos na súa estética e nos temas que tratan. O poeta asimila a tradición poética do Rexurdimento (Rosalía, Curros e Pondal) e as novidades do modernismo.
Temas:
A nostalxia do desterrado e a voz dun poeta civil que denuncia con versos rabiosos e incendiarios os males derivados dos foros e a miseria dos labregos. Algúns poemas relevantes son: “A Basilio Álvarez”, “Acción Galega”, “Lume no pazo”... Son auténticas proclamas anticaciquís que marcan ao poeta, que pasa a ser visto como un poeta socialmente comprometido, o sucesor de Curros Enríquez.
b) Etapa galeguista (1916-1920)
Cabanillas asume o papel de poeta civil e Galiza pasa a ser o suxeito da súa poesía. Transmite as ideas centrais do discurso das Irmandades: o papel fundamental da lingua na conformación da nacionalidade, o celtismo, Irlanda como modelo, Portugal como nación irmá, etc. Mantén unha actitude didáctica para chegar ao pobo.
Obras destacadas:
- Da terra asoballada (e poemas incluídos na segunda edición de Vento mareiro).
- A obra teatral A man da santiña.
A oposición labrego/fidalgo-cacique, aldea/vila, da fase agrarista transfórmase agora no conflito Galiza/Castela (oprimida/opresor).
c) Etapa mítico-saudosista (1921-1930)
Dentro das coordenadas ideolóxicas do galeguismo e influenciado polo ideario de Vicente Risco. Leva a cabo unha reconstrución mitificadora do pasado nacional, tendo en conta o saudosismo e centrándose na época celta, na época medieval e na crise do século XV.
Obras principais:
- Na noite estrelecida: Composta por tres longos poemas narrativos ou sagas: “A espada Escalibor”, “O cabaleiro do Santo Grial” e “O sono do rei Artur”. Neles actualiza a materia de Bretaña e adapta esta lenda medieval a unha mensaxe patriótica e cristiá, empregando unha linguaxe cargada de simbolismo. Usa unha lingua máis rica e conceptual, con moitas referencias eruditas.
- A peza teatral O Mariscal, sobre Pardo de Cela, a Frouseira e a revolta irmandiña.
- O bendito San Amaro, obra narrativa en verso na que recrea a lenda deste santo.
- A rosa de cen follas, poesía intimista e amorosa en clave modernista.
d) Etapa de posguerra (1939-1959)
Tras un longo período de silencio, Cabanillas volve xogar un papel moi importante na recuperación cultural galega da posguerra.
Obras destacadas:
- Antífona da cántiga: O primeiro libro da editorial Galaxia (1950), creada para a recuperación da nosa lingua e cultura.
- Da miña zanfona: Libro con ecos machadianos no que o poeta utiliza unha voz amarga e un ton moralizante para referirse á tristeza, á mocidade perdida, á vida e á morte.
- Samos: Escrito no mosteiro lucense do mesmo nome, onde viviu retirado cos monxes. Inclúe poemas descritivos de corte clásico nos que o poeta expresa o seu equilibrio interior, o desexo de paz e a comuñón coa natureza.
4. Outros poetas das Irmandades
Antonio Noriega Varela
Naceu en Mondoñedo, onde se formou no seminario. Foi mestre en Foz, onde trabou amizade cos irmáns Vilar Ponte, cos que comezou a publicar unha revista satírica e anticaciquil titulada ¡Guau, Guau! Tivo problemas con algún político da época e foi expedientado, trasladado á fronteira con Portugal e de aí a Trasalba (Ourense), onde coñeceu a Ramón Otero Pedrayo e, a través del, ao resto de membros do cenáculo ourensán.
Estilo e temática
Na súa poesía destaca o seu dominio da lingua e da métrica popular. Son poemas descritivos e paisaxísticos nos que retrata a vida dos campesiños galegos. Nel é moi importante a influencia modernista e saudosista; leu e admirou a Rubén Darío e, sobre todo, a Teixeira de Pascoaes.
Nunha segunda etapa, Noriega déixase influír polo hilozoísmo e convértese no poeta das cousas pequenas (as espiñas dos toxos, o orballo, as folerpas de neve...) cunha actitude de atracción polo humilde e polo desamparado. O franciscanismo é a manifestación externa da profunda relixiosidade do poeta, que ve na natureza unha simboloxía das virtudes cristiás: a humildade e a pobreza.
Obras principais:
- Montañesas
- Do ermo
Outros autores
Outros poetas importantes desta época son:
- Gonzalo López Abente, moi influenciado pola poesía de Pondal.
- Victoriano Taibo, autor de Abrente e Da miña roseira. Taibo é un discípulo de Cabanillas, dos autores do Rexurdimento e do Saudosismo. A reivindicación patriótica é importante na súa obra.
5. As Irmandades e a Narrativa
5.1. As coleccións de novela curta
As Irmandades crearon editoras coa vontade de crear un público cada vez máis amplo. Ademais, promoveron a redacción de textos narrativos e dramáticos, xéneros pouco desenvolvidos ata entón. Para lograr os seus obxectivos, incentivaron a aparición dunha serie de coleccións literarias que publicaban pequenos libros con regularidade periódica. Eran textos breves, de 20 ou 30 páxinas, moi económicos, que presentaban textos tanto en prosa, como en verso ou teatro.
Coleccións máis importantes:
- ¡Terra a Nosa!: Vinculada ao xornal coruñés El Noroeste. Publicou títulos como Do caso que lle aconteceu ao Doutor Alveiros, de Vicente Risco.
- Céltiga: Impulsada pola Irmandade da Fala de Ferrol. Nela apareceu Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete, de Castelao. Esta editorial coidaba moito a súa estética e recorría a algúns dos mellores pintores da época para que realizasen as portadas dos libros.
- Lar. Revista quincenal: Foi unha das máis importantes. Naceu na Coruña, da man de Ánxel Casal e Leandro Carré Alvarellos. É o principal antecedente da Editorial Nós, dirixida por Ánxel Casal cando se separa de Carré Alvarellos e onde se imprentará a revista Nós na súa última etapa.
5.2. Liñas temáticas da narrativa
Os principais temas que abordan son:
- O humor e o macabrismo, considerados elementos distintivos das culturas atlánticas. (Exemplos: Do caso que lle aconteceu ao Doutor Alveiros de Vicente Risco e Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete, de Castelao).
- O neoceltismo.
- A narrativa etnográfica, que supón un achegamento á cultura popular. (Exemplos: Risco publicou en Lar os relatos “A trabe de ouro e a trabe de alcatrán” e “O lobo da xente”. Tamén Cabalgadas en Salnés, de Fermín Bouza-Brey, que presenta a figura do bandoleiro Xan Quinto).
- A narrativa naturalista. (Un título importante é Manecho o da rúa, de Lesta Meis).
- A narrativa de transfondo político, feita desde supostos ideolóxicos galeguistas, con textos moi críticos co caciquismo.
- A narrativa sentimentalista, que aborda temas como o amor.
6. As Irmandades e o Teatro
O teatro como ferramenta de difusión
Os membros das Irmandades viron as representacións teatrais como unha ferramenta importante para propagar as súas ideas. Para poder empregalo como querían, tiveron que superar unha serie de trabas importantes: falta de actrices e actores preparados, ausencia de compañías teatrais dispostas a representar obras en galego e escaseza de textos. Ademais, o cine era unha dura competencia.
Logros das Irmandades no teatro:
- O número de obras e de autores incrementouse notablemente, logrando unha diversificación xenérica e unha calidade superior dos textos.
- Procuraron obras orixinais e mesmo traduciron textos importantes da literatura europea.
- Usaron a prensa para dar a coñecer os espectáculos (con abundante crítica literaria).
- Acolleron influencias de movementos europeos.
- Fundaron pequenos grupos teatrais non profesionais, cadros de declamación e coros populares.
- Ampliou o número de espectadores e coidouse moito a posta en escena.
- As editoras Lar, Céltiga e, sobre todo, Nós, fixeron un esforzo importante por ofrecer textos teatrais. Moitas veces os textos reproducíanse, mesmo por entregas, nos xornais e revistas.
A compañía máis importante foi o Conservatorio Nacional de Arte Galego, que da man de Leandro Carré se convertería na Escola Dramática Galega.
Principais autores teatrais
- Antón Vilar Ponte: Fundador das Irmandades da Fala, ademais de crítico e actor, traduciu obras. Títulos importantes: Almas mortas e Os evanxeos da risa absoluta.
- Ramón Cabanillas:
- A man da Santiña: Obra moi anovadora que se afastaba dos tópicos da dramaturxia anterior, usaba un rexistro culto e dignificador da lingua e presentaba mensaxes galeguizadoras (censura da emigración, idealización da fidalguía galega...).
- Macías o namorado: Incluía un espectáculo musical.
Cabanillas e Vilar Ponte asinaron conxuntamente o drama O Mariscal, unha peza en verso que eleva a figura de Pardo de Cela, axustizado en Mondoñedo, á categoría de protomártir das liberdades galegas.