Grandes Autores da Literatura Galega: Blanco Amor, Cunqueiro e Fole

Clasificado en Lengua y literatura

Escrito el en gallego con un tamaño de 7,17 KB

Eduardo Blanco Amor (Ourense 1897-Vigo 1979)

Novas achegas á literatura galega

Eduardo Blanco Amor trouxo á literatura galega novos temas e formas de narrar:

  • Técnica telefónica: Diálogo no que só se recollen as respostas a unhas preguntas que o lector pode supoñer, pero que non aparecen (como en A Esmorga). É o modo de, sen facer un texto bilingüe, darlle verosimilitude a un diálogo entre un xuíz que falaría en castelán ao facer as preguntas e o reo que fala en galego. O silencio do xuíz simboliza a xordeira da xustiza, o seu papel represor e castigador.
  • Uso dun determinado punto de vista (primeira persoa).
  • Introdución dos espazos urbanos. Xente ao lonxe e A Esmorga aparecen ambientadas no Ourense do primeiro terzo do século XX, ao que lle desfigura o nome en base á súa orixe latina e o denomina Auria.
  • Presenza e análise das clases sociais baixas e personaxes marxinais nas súas obras, inexistentes na literatura galega ata entón (pobreza, fame, marxinación, delincuencia, violencia...).
  • Utilización da lingua popular (reflexo fiel da fala das clases populares).

A Esmorga (1959)

Presidida por unha visión pesimista de Galicia e do ser galego, sometido a unha opresión que non é capaz de vencer, incapacitado para a solidariedade e a comunicación, condenado a destruírse e a destruír. Ambientada nos arrabaldes de Ourense (Auria), a novela constrúese como a declaración ante o xuíz dun dos personaxes, Cibrán, detido tras a tráxica morte do Bocas e o Milhomes, os seus compañeiros nunha longa fin de semana de esmorga. A presenza constante dun clima adverso (choiva) convértese nun motivo recorrente e simbólico que obriga aos protagonistas a buscar refuxio.

Os biosbardos (1962)

Relatos curtos nos que se adopta a narración en primeira persoa (narrador testemuña, narrador protagonista...) e onde se van expoñendo distintas experiencias de personaxes infantís e adolescentes (autoestima, descuberta do amor, amizade, misterio...). Son unha especie de “relatos de aprendizaxe” nos que un personaxe se enfronta a experiencias que transforman a súa vida, a súa percepción do medio e a súa relación cos demais.

Xente ao lonxe (1972)

Cóntasenos, a través dos ollos dun neno, Suso, a historia dunha familia obreira e de esquerdas, no Ourense do primeiro terzo do século XX. Asistimos ao seu proceso de maduración cando ten que ir enfrontándose con acontecementos e experiencias que van modelando a súa conciencia e comprensión da realidade (dúbidas sobre o sexo e a procreación, amizade e traizón, conflitos económicos e ideolóxicos da sociedade na que vive, desintegración da súa familia...). Á par deste proceso, tamén se presenta o movemento obreiro de Auria (Ourense). Ao contrario que A Esmorga, aquí a experiencia e a aprendizaxe abren a esperanza de modificar, mediante a loita, as circunstancias externas.

Álvaro Cunqueiro (Mondoñedo 1911-Vigo 1981)

Características da narrativa de Cunqueiro

A narrativa de Cunqueiro caracterízase por:

  • Tendencia á disgregación da novela: os seus textos están construídos mediante a acumulación de relatos argumentativamente inconexos. Coexisten múltiples narradores.
  • Utiliza sempre técnicas propias da narración realista, con recursos da tradición oral popular (arcaísmos e dialectalismos propios do galego da área de Mondoñedo).
  • Nos seus libros coexisten personaxes e feitos fantásticos con outros que poderían pertencer á vida cotiá.
  • A acción das súas obras desenvólvese en ambientes familiares, o cal provoca no lector unha aparencia de realidade.
  • Os personaxes das súas obras proceden, en moitos casos, de vellos mitos doutras culturas (en Merlín e familia o protagonista é o mago Merlín, mais tamén aparecen o rei Artur e a raíña Xenebra; en Se o vello Sinbad volvese ás illas o protagonista é Sinbad).
  • Outra característica de Cunqueiro é o humor. Non só está presente nas súas novelas, senón tamén nos relatos breves, onde intenta ofrecer unha visión das crenzas e do xeito de entender o mundo que teñen as persoas do rural galego.

Merlín e familia (1955)

É a historia dun neno, Felipe de Amancia, que como criado na casa de Merlín coñece e enche a súa memoria de seres e feitos extraordinarios. O personaxe central é o mago Merlín, instalado nun ambiente galego. Á casa de Merlín chegan personaxes do presente e do pasado, do máis acá e do máis alá. Traen a consultar problemas, relatan a súa historia, pídenlle a Merlín que llelos solucione e este faino cando é posible ou non o fai.

As crónicas do Sochantre (1956)

O ambiente é a afastada Bretaña, descrita con trazos e cores de Galicia. Nárranos a estraña peripecia que lle espera ao sochantre cando se dirixe a tocar nun enterro. Dinlle que debe subir a unha carroza con outras persoas que tamén van ao enterro. Ao pouco de partiren, descobre que os cinco acompañantes son defuntos. Logo do susto inicial, vai collendo confianza con eles. Ao chegar a noite, os corpos perderon as súas carnes, quedando só os esqueletos. E nunha parada da carruaxe, os mortos comezan a contar as súas historias. Ao proseguir a viaxe, que se ve prolongada, vense envoltos nunha batalla da Revolución Francesa e fan unha particular representación de Romeo e Xulieta. O sochantre, á fin, toca, pero vese envolto nun lío amoroso co seu esqueleto e remata fuxindo del. Finalmente, chega de regreso á súa casa, logo de tres anos de viaxe.

Se o vello Sinbad volvese ás illas (1961)

Narra a última aventura do vello mariñeiro d'As mil e unha noites. Sinbad é un vello mariñeiro que vive na súa casa no país de Bolanda. Para recobrar o crédito que van perdendo as fabulosas historias que conta cada tarde, Sinbad decide facerse de novo ao mar. Chéganlle cartas que lle anuncian que ten unha nave esperando por el. Pasa o tempo, ata que un día parte para o porto. Chegando, enfróntase coa dura realidade: non existe ningunha nave, non hai posibilidade de volver ao mar, e Sinbad cega, negándose a admitir a verdade para recluírse nun mundo de soños onde seguir sendo heroe.

Ánxel Fole (Lugo 1903-1986)

Características da narrativa de Fole

A súa narrativa caracterízase por:

  • Empregar unha linguaxe rica e enxebre, con abundantes dialectalismos e barbarismos, recollida entre as xentes do Courel.
  • Fole móstrase na súa obra baixo a figura dun contador de contos.
  • Á luz do candil e Terra brava reflicten o mundo rural das terras do Courel e do Incio e recorren a unha estrutura narrativa semellante á de varias persoas nunha das longas conversas ao redor da lareira ou dunha mesa, tan comúns no mundo rural galego.
  • Contos da néboa e Historias que ninguén cre están ambientadas no mundo urbano da cidade de Lugo, aínda que sigan presentes elementos do conto de medo e misterio que caracterizaban as obras anteriores.
  • Tamén podemos atopar un certo ton de humor nas súas páxinas.

Entradas relacionadas: