Historia da Normativización do Galego: Variedade Estándar e Planificación

Clasificado en Lengua y literatura

Escrito el en gallego con un tamaño de 4,32 KB

Historia da Normativización e a Construción da Variedade Estándar

O galego aspira a ser un instrumento útil e eficaz para a sociedade. Pero, para cumprir esta función, precisa dunha variedade unificada común a todos os seus falantes que sirva de vehículo para a comunicación formal, é dicir, a producida no ensino e nos medios de comunicación.

O proceso a través do cal se elabora esta variedade denomínase estandarización lingüística. Algunhas linguas, como o español, o francés ou o portugués, levaron a cabo este proceso ao longo de varios séculos. Porén, debido á situación de subordinación que vivía, o galego quedou á marxe, conservándose como lingua popular. Só cando o galego empezou a recuperarse no século XIX puido acometerse o labor da súa estandarización.

Normativización e Normalización: Planificación Lingüística

O proceso de normativización dunha lingua está estreitamente relacionado co da súa normalización; ambos se implican mutuamente, englobándose baixo a denominación común de planificación lingüística.

A normalización dunha lingua supón aumentar o seu número de falantes, así como estender as súas funcións, converténdoa en lingua do ensino, da cultura, etc. Para acadar estes obxectivos, resulta imprescindible intervir tamén na estrutura interna da lingua. Cómpre fixar un modelo lingüístico de referencia, unha normativa. Ambos os procesos, intimamente ligados, traen consigo o aumento do prestixio da lingua e a mellora da súa imaxe social.

Fitos na Normativización do Galego

A normativización é un proceso longo e laborioso. Os primeiros pasos son a fixación dunha ortografía e mais a elaboración de dicionarios e gramáticas.

Cómpre esperar ao século XX para que xurdan as primeiras normas comúns, publicadas en 1933 polo Seminario de Estudos Galegos e, posteriormente, as Normas para a Unificación do Idioma Galego. En 1970, aparecen as Normas Ortográficas do Idioma Galego. Ademais, tamén se crea a Universidade de Santiago e o Instituto da Lingua Galega (ILG), órgano fundamental para a normativización. Nese período xorden os primeiros métodos de aprendizaxe do noso idioma:

  • Galego 1
  • Galego 2
  • Galego 3

A Norma Oficial e a Selección da Variedade Estándar

Ao converterse o galego en lingua cooficial en Galicia tras a aprobación do Estatuto de Autonomía, acentúase a necesidade de dispor dunha normativa que unifique o idioma co fin de empregalo nos ámbitos sociais e institucionais.

En 1982, publícanse as Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego, declaradas oficiais pola Xunta de Galicia. Estas normas foron actualizadas e revisadas en 1995 e 2003.

En canto á selección da variedade estándar, había dúas posibilidades:

  1. Escoller unha das variedades xeográficas da lingua para que exercese esa función.
  2. Elaborar unha variedade supradialectal combinando trazos dos diferentes falares.

Esta última foi a elixida.

Criterios da Norma Estándar do Galego

A norma estándar do galego debe excluír castelanismos, hipergaleguismos, arcaísmos e lusismos innecesarios.

Debates sobre o Estándar: Reintegracionismo e Normativa Oficial

A tendencia reintegracionista propugna a aproximación do estándar do galego ao do portugués de Lisboa. Fronte á postura reintegracionista, os partidarios da normativa oficial, sen negaren a existencia dun estreito parentesco e dunha fase común galego-portuguesa, defenden a identidade do galego como lingua autónoma e independente do portugués.

Entre o reintegracionismo e a normativa oficial, xurdiu outra tendencia partidaria dun achegamento ao portugués só en canto ao léxico. É a denominada normativa de mínimos.

Tras anos de discrepancias, a última revisión da normativa oficial significou a superación das diverxencias, que recibiu o nome de Normativa da Concordia.

Impacto da Variedade Estándar

Desde o momento en que existe a variedade estándar dun idioma, esta adoita converterse na variedade de máis prestixio e, en consecuencia, exercerá certa influencia nas distintas variedades xeográficas e sociais, é dicir, nas variedades tradicionais.

Entradas relacionadas: