A Ilustración: Conceptos Clave e o Século das Luces
Clasificado en Filosofía y ética
Escrito el en gallego con un tamaño de 3,15 KB
As Novas Ideas da Ilustración: Razón, Natureza, Progreso e Humanidade
O termo Ilustración fai referencia á “luz” que arroxa a razón ao abordar moitos asuntos considerados antes misteriosos. Indica, xa que logo, o ideal de “iluminar” coas luces da razón humana todos os sectores da realidade.
Un dos aspectos característicos do Século das Luces é a aparición dunha serie de conceptos operativos que dirixirán todo o proceso de creación intelectual da Ilustración, neste obxectivo de “iluminar” a realidade do home e da sociedade. O primeiro e fundamental é a RAZÓN.
A Razón
A razón, como a facultade esencial do home para alcanzar a verdade por riba das crenzas. Todos os pensadores ilustrados coinciden na valoración da intelixencia humana, da razón, como instrumento que pode desvelar os segredos da natureza e proporcionar técnicas que melloren non só as condicións materiais da humanidade, senón tamén facer mellores eticamente os seres humanos.
A Natureza
Outro dos conceptos clave é o da NATUREZA. A natureza concibida non só como espectáculo e como campo de acción da creatividade do home, senón como regra de ouro, como norma segura para dirixir a conduta humana en todos os terreos. O amor á natureza é un feito que se concretou no desexo de descubrir, mediante a aplicación da razón e a observación, as leis que a rexen.
O Progreso
O PROGRESO é outra das ideas motrices da Ilustración, progreso como convicción e como meta, como reflexo do optimismo sobre a posibilidade de alcanzar a perfección moral do home e a perfección política da sociedade, e como obxectivo final, que non é outro que a felicidade do xénero humano. Considérase que o progreso continuará indefinidamente ata que se logre gozar dunha felicidade xeneralizada.
A Educación
A idea do progreso no Século das Luces vai unida á de EDUCACIÓN ou Iluminación nos terreos moral, social e científico, que só é posible se o home fai a súa vida conforme á razón.
A posibilidade do cumprimento de todo o programa da Ilustración só é posible mediante a educación. O pensamento ilustrado ten un carácter pedagóxico xa que se encamiña á difusión do saber e á creación dun novo tipo de home: un home crítico e libre. Esta é a tarefa que esixe o presente e, desde esta perspectiva, sublima os defectos da educación recibida e dos fundamentos da mesma.
A Humanidade
E o progreso e a educación só teñen sentido ao servizo da HUMANIDADE. Humanidade entendida desde a igualdade: Se todos os homes proceden da mesma natureza e todos posúen a capacidade de razoar, entón todos os homes son iguais á luz da razón.
A Civilización
Os conceptos, en todo caso, están ao servizo dun proxecto xeral que trata de obter o adianto da cultura e a reforma da sociedade: unha auténtica CIVILIZACIÓN.
Segundo Kant, o “maior problema da especie” sería a consecución dunha certa “sociedade cívica universal” que administrase a lei da liberdade entre os homes.