A Ilustración: Razón, Progreso e Liberdade
Clasificado en Filosofía y ética
Escrito el en gallego con un tamaño de 6,49 KB
A Ilustración: Características e Pensadores Clave
Ao longo do século XVII, diversos países europeos gozaron dun gran optimismo e dunha total confianza nas capacidades do ser humano. A formación da Ilustración tivo as súas raíces na euforia intelectual do Renacemento, no racionalismo de Descartes e no pensamento empirista inglés. Foi corrente a metáfora da luz para indicar que as sombras da ignorancia quedaran atrás, brillando así a razón. En Francia denominouse como o Século das Luces, as cales propiciaron a Revolución Francesa de 1789.
Os grandes temas da Ilustración
Os grandes temas da Ilustración van ser:
- A confianza no poder da razón (ferramenta única para resolver os problemas humanos).
- A fe no progreso científico cun optimismo que cre na bondade do ser humano e na posibilidade de alcanzar unha felicidade xeral.
- O deísmo que só acepta unha relixión sometida ao criterio da razón. Esta razón indica a necesidade dunha Causa Primeira explicativa do mundo, dun Ser eterno.
- A apoloxía da tolerancia.
- A necesidade de educación, pois esta converte ao alumno en alguén capaz de se valer da súa propia razón.
- Crítica do poder político (separación de poderes).
Newton e a súa influencia na Ilustración
Newton publicou as súas obras máis relevantes: Principios matemáticos da filosofía da natureza, que unifica o movemento celeste e terrestre. Explícaos recorrendo á lei da gravitación e da cal se deduce as leis de Kepler sobre o movemento dos planetas. En canto ao ámbito político, Newton sempre se opuxera ás pretensións absolutistas. Foi elixido deputado para o Parlamento, coñeceu a Locke e ambos defendían as posicións do partido progresista.
A Ilustración en Francia
A Ilustración tivo o seu centro propagador en Francia, alí as ideas vivían un efecto multiplicador e divulgador. É imprescindible coñecer a situación política de Francia nese momento, a cal foi inicialmente moi contraria ao espírito dos ilustrados. Por dito motivo, esta circunstancia incentivou a desenvolver ideas aínda máis progresistas. A Francia do século XVIII atraeu, creou e escoitou numerosos filósofos ou pensadores que tiñan en común un gran afán de coñecemento e a opinión de que a única luz provén da razón humana. As luces da razón iluminaban soamente a vida da burguesía e dunha pequena parte da nobreza.
Montesquieu e a separación de poderes
Montesquieu defendeu a tese que afirma que os costumes e incluso as institucións políticas e relixiosas dependen de acordos convencionais. A obra de maior repercusión histórica é O espírito das leis. A tese fundamental é a famosa separación dos tres poderes: lexislativo, executivo e xudicial, importantísimos para a conservación da liberdade.
Rousseau: O bo salvaxe e a crítica á razón
Rousseau pon en dúbida moitas das ideas características do século das luces e comezan a aparecer valores propios da etapa posterior: o Romanticismo. El vía a razón como unha causa de corrupción humana. Deulle primacía ao sentimento natural, non á razón ilustrada. Do mesmo xeito que Hobbes, imaxina o home natural como un ser bo e feliz. A literatura confirmaba o estado natural do home como "bo salvaxe". O home contemporáneo de Rousseau, perdeu a bondade orixinal e a súa inocencia converteuse en hipocrisía. É un ser vil, egoísta, cheo de odio. Os temores, o odio e a traizón ocultábanse continuamente baixo esta máscara á que lle chamamos educación.
Kant e a fundamentación da Ilustración
Kant é un pensador ilustrado porque fai dos seus principios unha fundamentación da Ilustración. O pensamento dos límites permite fixar as verdadeiras posibilidades fronte ás pretensións. A súa obra pódese dividir en dous grupos de escritos: os precríticos, anteriores ao ano 1770 e os críticos, nos cales expón a filosofía e comezan a partir desta data.
A razón crítica e autónoma en Kant
Este autor equipara a Ilustración á "idea da razón", unha razón liberada de autoridades, imposicións. Defende os ideais ilustrados, en especial, a razón crítica e autónoma, a cal permitirá, como afirma no seu texto Que é a Ilustración?, saír a todos os seres humanos do que chama "minoría de idade", da incapacidade de servirse do propio entendemento e ter que buscar a seguridade en algo exterior ao propio suxeito. Recolle as ideas da época ilustrada e centra o seu pensamento nunha razón crítica, a cal analiza os límites do coñecemento (razón teórica) e elabora os principios ou leis (imperativos) que rexen o noso comportamento na vida moral (razón práctica).
A maioría de idade e a conquista da liberdade
A maioría de idade implica a conquista da liberdade e da autonomía persoal fronte a calquera axente exterior que poida influír no noso comportamento. A Ilustración, tamén representa un novo humanismo que loita pola conquista dos dereitos humanos e que se consolida na Revolución Francesa, un humanismo filosófico e científico que pon os fundamentos da instauración científica dos "saberes humanos" que se pretenden consolidar sobre as pautas do coñecemento científico.
O cientifismo de Newton e a filosofía de Kant
Newton modela este cientifismo onde os datos da experiencia pasan a estar sometidos a unha metodoloxía de control baixo a formulación matemática. Para Kant a filosofía non é psicoloxía ou teoloxía, senón teoría da unidade do coñecemento. Exerce unha crítica entendida como proxecto dun novo modelo cultural para unha humanidade libre.
As obras críticas de Kant
Coa publicación da primeira edición da Crítica da razón pura comezaron os anos máis brillantes do autor. Posteriormente publicou Prolegómenos a toda a metafísica futura que queira presentarse como ciencia, onde se expoñen os mesmos contidos, pero de maneira máis accesible. Destes anos tamén é Resposta á pregunta: que é a Ilustración?, un dos manifestos programáticos máis famosos deste movemento cultural. En canto ao tema da ética tratouno na Fundamentación da metafísica dos costumes e na Crítica da razón práctica. Publicou a última crítica, Crítica do xuízo, coa que aspiraba establecer unha síntese ou superación das críticas anteriores.