Impacto Ambiental da Acción Humana: Contaminación e Cambio Climático
Clasificado en Geología
Escrito el en gallego con un tamaño de 5,28 KB
Repercusións Ambientais da Acción Humana
Na actualidade, moitas actividades humanas levan consigo grandes e graves consecuencias non desexadas, especialmente sobre o medio: a contaminación e o cambio climático quizais sexan dúas das máis preocupantes. Por esta razón, ás veces é necesario realizar avaliacións de impacto ambiental.
Contaminación: Tipos e Impactos
A contaminación é unha das maiores e máis negativas consecuencias ambientais e sociais que teñen as actividades humanas. Supón a introdución, nun medio calquera, dunha substancia en cantidade abonda como para xerar algún dano ou desequilibrio, irreversible ou non, e que pode ser prexudicial para a saúde, para a seguridade ou o benestar da poboación ou para a vida vexetal ou animal.
Clasificación da Contaminación por Medio
A contaminación clasifícase segundo os medios aos que afecta:
- Contaminación atmosférica: Os principais contaminantes proceden de procesos de combustión en actividades de transporte, industrias, xeración de enerxía eléctrica e calefacción doméstica, así como da evaporación de disolventes orgánicos e das emisións de gases, que orixinaron un buraco na capa de ozono.
- Contaminación da auga: Xeralmente a contaminación de ríos, mares e augas subterráneas provén de verteduras e refugallos industriais, así como de augas residuais non tratadas procedentes do saneamento de vilas e cidades.
- Contaminación do solo: Aparece logo da aplicación de insecticidas, por filtracións ou roturas de canalizacións de augas residuais e produtos industriais.
Clasificación da Contaminación por Método
A contaminación tamén se pode clasificar en función do método contaminante ambiental. Así, podemos distinguir entre:
- Contaminación química: Significa a introdución de substancias potencialmente perigosas nos alimentos, no aire ou na auga.
- Contaminación radioactiva: Derivada da dispersión de materiais radioactivos, usados en instalacións médicas ou de investigación, en reactores nucleares de centrais enerxéticas ou en probas atómicas.
- Contaminación acústica: É a contaminación debida ao ruído, causado polas fábricas, os medios de transporte ou certas actividades de lecer.
- Contaminación térmica: Ten lugar no momento en que un proceso vén a modificar a temperatura do medio de forma prexudicial.
- Contaminación electromagnética: É a producida a partir das radiacións xeradas por equipos electrónicos e por instalacións eléctricas.
- Contaminación luminosa: Refírese ao resplandor de luz difundido no ceo nocturno e producido pola luz artificial procedente das cidades, dos vehículos e doutras infraestruturas.
- Contaminación visual: Prodúcese cando a abundancia, a desorde ou o tipo de elementos que se atopan na paisaxe deterioran a súa estética.
Cambio Climático: Causas e Consecuencias
O cambio climático é a modificación que sofre o clima en relación ao paso do tempo e no ámbito global. Sobre o clima inflúen moitos fenómenos: a órbita da Terra, o tipo e cantidade de insolación, a composición da atmosfera, a disposición dos continentes, as correntes mariñas.
Os seres humanos son un máis dos axentes que poden influír no cambio climático. As accións humanas están a inducir notables transformacións das condicións climáticas e, o que é peor, a unha gran velocidade. Para se referir ao cambio de orixe humana, úsase tamén a expresión cambio climático antropoxénico: as accións humanas de hoxe non só están a condicionar o clima a longo prazo senón no futuro máis próximo.
Factores Clave no Cambio Climático
Entre os elementos que inflúen no cambio climático cabe citar:
- O efecto invernadoiro e o quecemento global: A enerxía solar quenta o solo terrestre, que devolve unha parte desa enerxía ao espazo exterior mentres que o resto é retido polos gases das capas superiores da atmosfera, producindo o seu quecemento. O preocupante é que nos últimos tempos a proporción dos gases que producen este efecto se elevou enormemente, de xeito que impide que saia ao espazo exterior parte da enerxía que emite a superficie da Terra. Como consecuencia, elévase a temperatura da atmosfera, empezando así un proceso de quecemento global e de cambio climático antropoxénico.
- O quecemento global e os océanos: O aumento global da temperatura ten un efecto directo nos océanos. Isto é unha das grandes causas do desxeo.
A Pegada Ecolóxica e a Sustentabilidade
A chamada pegada ecolóxica é un indicador de sustentabilidade que resume, para cada individuo, cal é a área necesaria para producir os recursos que utiliza e para asimilar os refugallos que xera. O seu obxectivo consiste en avaliar o impacto sobre o planeta nun determinado modo de vida. Globalmente consómense máis recursos e xéranse máis refugallos dos que o planeta pode xerar e admitir.