Impacto da Globalización na Industria Española: Desafíos e Deslocalización
Clasificado en Geografía
Escrito el en gallego con un tamaño de 3,04 KB
Impacto da UE e Globalización na Industria Española
Na Unión Europea iniciouse unha tendencia xeral á baixa, que en España se reflectiu nunha recesión da carteira de pedidos, un aumento dos stocks e unha desaceleración do emprego.
Desafíos da Ampliación da UE para España
A incorporación de novos países á UE afectou á industria española por diversos motivos:
- Proximidade xeográfica: Estes países gozan dunha maior proximidade ao gran eixo industrial europeo (países nórdicos, Alemaña e norte de Italia).
- Estrutura produtiva: A súa estrutura produtiva é semellante á española.
- Custos laborais: A man de obra é máis barata.
- Produtividade e cualificación: A súa produtividade e cualificación en alta tecnoloxía son maiores.
Así mesmo, o investimento de capital estranxeiro permitiulles implantar empresas de alta tecnoloxía, aumentando o seu potencial industrial dentro da UE.
O Sector Automobilístico Español: Un Caso de Estudo
Un dos sectores da industria española máis afectados é o dos automóbiles, no que España mantivo un bo ritmo de exportacións. Este sector está dominado por empresas de capital estranxeiro que poden deslocalizar as industrias na procura de menores custos.
España debería orientar o seu tecido industrial cara a unha maior calidade e produtividade para facer fronte á competencia dos novos países da UE, que tenden a desprazar a España do seu segmento do mercado exportador.
A Deslocalización na Economía Globalizada
O actual tecido industrial español estase a incorporar á globalización económica, de maneira que as nosas zonas industriais se configuran como puntos dunha rede de produción a nivel mundial.
Causas da Deslocalización Empresarial
Nunha economía globalizada, as empresas buscan a competitividade para aumentar a súa cota de mercado. Disto derívanse as causas da deslocalización:
- Busca de menores custos laborais.
- Esixencias medioambientais.
- Mellores condicións fiscais e técnicas.
Ademais, esta vese favorecida pola facilidade e inmediatez das comunicacións e o abaratamento dos transportes. Por esta razón, as empresas trasládanse a lugares como o Leste de Europa, o Sueste Asiático ou China.
Nova División do Traballo Global
Así pois, estamos ante unha nova división do traballo. Uns países ofrecen man de obra barata e outros posúen capital financeiro, investigación e innovación; nestes últimos atópanse as sedes da maioría das empresas transnacionais.
Algunhas multinacionais españolas, como Inditex, deslocalizaron as súas fábricas de confección a países do norte de África ou Asia, pero o deseño realízase en España.
Consecuencias da Deslocalización
As consecuencias das deslocalizacións son o incremento da taxa de paro e a perda de emprego no sector secundario, que tende cada vez máis a terciarizarse.