Irmandades da Fala e a Obra de Cabanillas e Noriega Varela
Clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en
gallego con un tamaño de 3,61 KB
As Irmandades da Fala: Defensa da Lingua e Cultura Galega
As Irmandades da Fala tiñan como obxectivo fundamental a reivindicación da lingua e a cultura galega. A primeira delas constituíuse en 1916 na cidade da Coruña por iniciativa dos irmáns Antón e Ramón Vilar Ponte. A eles uníronse, nun primeiro momento, unha serie de intelectuais da época, entre os que podemos citar a Lois Porteiro, Manuel Lugrís, Xoán Vicente Viqueira ou Ramón Cabanillas; e posteriormente Vicente Risco ou Otero Pedrayo. En pouco tempo constituíronse Irmandades por toda Galicia e utilizaban como vehículo para espallar as súas ideas o seu xornal A Nosa Terra. En 1918 celebrouse en Lugo a I Asemblea Nacionalista, cuxo manifesto marca o nacemento do nacionalismo galego. En 1922 celebrouse outra Asemblea en Monforte na cal se discutiron dúas posturas contrapostas: unha partidaria da participación activa na política, defendida por Peña Novo, e outra que prefería manter a actividade do movemento no aspecto cultural, defendida por Vicente Risco. Un dos labores fundamentais das Irmandades foi a creación de editoriais que facilitaron a publicación de novela e teatro a través das súas coleccións literarias. Entre as máis importantes están a colección Terra a Nosa! (A Coruña, 1919), Céltiga (Ferrol, 1922) ou Lar (A Coruña, 1924). Esta última é o antecedente da revista Nós. As Irmandades supuxeron un enorme avance para a nosa cultura e a nosa lingua, pois crearon os medios necesarios para desenvolver os xéneros literarios menos desenvolvidos ata ese momento, como a narrativa ou o teatro. Contribuíron á modernización da nosa literatura e á formación dun público lector na nosa lingua.
Ramón Cabanillas: O Poeta da Raza
Ramón Cabanillas (Cambados, 1876-1959) vinculado aos movementos agrarios, ás Irmandades da Fala, á Revista Nós e ao Seminario de Estudos Galegos, Cabanillas é considerado “O Poeta da Raza”. A súa poesía serve de ponte entre os poetas do Rexurdimento, de quen é claro herdeiro, e a poesía do século XX (Saudosismo, Modernismo). Na súa obra podemos ver tamén a influencia da poesía grecolatina e da poesía popular galega. Foi fundamentalmente poeta, pero escribiu tamén obras teatrais. Podemos clasificar a súa obra en 4 etapas:
- Etapa de formación ou pregaleguista (1910-1915). A poesía desta primeira época presenta unha asimilación da tradición poética do Rexurdimento xunto coa incorporación de trazos métricos e estilísticos do Modernismo.
- Etapa galeguista (1916-1920). Presenta unha postura didáctica co fin de achegar o galeguismo ao pobo, para o que escribe poemas en loanza de personaxes representativos do galeguismo, tanto históricos como contemporáneos.
- Etapa mítico-saudosista (1921-1930). Cabanillas realiza unha reconstrución mítica do pasado en Na noite estrelecida (1926).
- Etapa de posguerra ou segunda madurez (1939-1959). Cando xa parecía que rematara a súa obra, publica nos seus últimos anos unha serie de libros: Da miña zanfoña (1954) e Samos (1958).
Antonio Noriega Varela: Poeta da Paisaxe
Antonio Noriega Varela (Mondoñedo, 1869-Viveiro, 1947). A súa poesía está influenciada polo saudosismo e o franciscanismo e ten como temática fundamental a paisaxe. A súa obra poética está composta por un só libro que nun principio recibiu o título de Montañesas (1904) e en posteriores edicións foi ampliando ata chegar á edición definitiva en 1946 co título de Do ermo.