A Lingua Galega: Conflito, Resistencia e Recuperación no Franquismo

Clasificado en Matemáticas

Escrito el en gallego con un tamaño de 4,26 KB

Evolución do Conflito Lingüístico en Galicia

O proceso de desgaleguización sufriu durante o franquismo unha intensificación sen precedentes, observada en catro fenómenos clave: o claro incremento do uso do español entre a poboación nas zonas urbanas e vilas, a penetración do español no rural (ata entón monolingüe en galego), o aumento significativo das persoas monolingües en español e a intensa difusión de prexuízos contra o galego e de comportamentos diglósicos.

Os principais factores que influíron nesta situación foron:

  • Modificación dos Contextos Sociais e Tipos de Hábitat

    O paso da aldea á cidade implicou, en moitos casos, o abandono do galego en favor do castelán.

  • Influencia das Estruturas Estatais

    A escola foi un dos piares da castelanización, onde se plasmou a actitude agresiva do Estado contra o galego. Outra institución que contribuíu foi o exército, que reforzou a ideoloxía diglósica na poboación masculina mediante o servizo militar obrigatorio.

  • Impacto Sociolingüístico da Emigración

    O éxodo masivo da poboación galega a América causou que moitos abandonasen o galego e empregasen o castelán, que gañou o prestixio de ser unha “lingua útil”.

  • Influencia doutras Institucións

    A Igrexa foi un soporte social fundamental do franquismo e da castelanización.

  • Influxo de Novos Medios de Comunicación de Masas

    Estes medios, maioritariamente en castelán, constituíron unha auténtica revolución cultural e contribuíron á expansión masiva do español.

A Resistencia Lingüística e Cultural Galega

O Exilio e a Resistencia Interior

O galeguismo do interior enmudeceu, e foron os exiliados os que mantiveron vivo o proceso de recuperación lingüística e cultural iniciado polas Irmandades, promovendo a publicación de libros, a emisión de programas de radio no noso idioma, a celebración de actos culturais coma exposicións ou concertos, etc.

A finais dos anos 40 comezaron a aparecer síntomas dunha lenta e dificultosa recuperación do galego en ámbitos cultos. A primeira obra de calidade na posguerra foi Cómaros verdes (1947), de Aquilino Iglesia Alvariño. Editoras e coleccións como Benito Soto ou Xistral comezaron a editar volumes en galego.

Recuperación nos Anos 50

En 1950 constituíuse en Santiago a Editorial Galaxia, encabezada por Ramón Piñeiro. Naceu considerando que a lingua é o principal sinal de identidade de Galicia e defendendo que é preciso prestixiala. A súa primeira publicación foi Antífona da cantiga de Ramón Cabanillas. Galaxia facilitou a publicación de obras de novos escritores e escritoras a través da colección Illa Nova.

O réxime suavizou levemente a súa presión sobre as actividades culturais en lingua galega tras a denuncia en 1954 polo Centro Galego de Bos Aires: a Denuncia diante da UNESCO da persecución do idioma galego polo Estado Español.

Anos 60: Resistencia Política e Cultural no Franquismo

Os anos 60 trouxeron cambios importantes que afectaron á situación xeral do idioma e incidirán positivamente na súa lenta recuperación de usos en ámbitos cultos. Feitos importantes de 1963 inclúen a reaparición da revista Grial, a celebración do centenario da publicación de Cantares gallegos (Día das Letras Galegas), e a aparición da editorial Ediciós do Castro.

Nesta época apareceron organizacións políticas nacionalistas (UPG e PSG) que promoveron a creación de asociacións culturais coas que conseguiron burlar a clandestinidade (O Galo, O Facho, etc.). Despregouse así unha importante e diversificada actividade en galego: representacións teatrais, mesas redondas, concursos de lingua, creación do Instituto da Lingua Galega (ILG), aparición do movemento Nova Canción Galega, etc. Aumentou a demanda de oficialización do idioma e moitas persoas reintegráronse ao uso do galego.

Máis síntomas da recuperación do galego apareceron coa agonía do franquismo: letreiros toponímicos corrixidos, comunicados de prensa, voceiros de todo tipo de entidades, a aparición do programa Panorama de Galicia (1974, TVE Galicia), etc.

Entradas relacionadas: