Lingua e sociedade: conflito, diglosia e prexuízos
Clasificado en Lengua y literatura
Escrito el en gallego con un tamaño de 4,2 KB
As funcións sociais da lingua: conflito e diglosia
Estereotipos e prexuízos lingüísticos: a súa repercusión nos usos
As funcións sociais da lingua
As funcións sociais dunha lingua son, en realidade, funcións xerais de relación social realizadas mediante a lingua. Entre as distintas maneiras en que unha lingua pode concretar a función comunicativa no seo dunha sociedade, salientamos as seguintes:
- Función de identidade. A lingua opera como articulación do pensamento propio.
- Función familiar. A lingua fálase na casa, cos membros da familia. Esta supón o primeiro espazo de socialización.
- Función laboral. Primeiro espazo onde se realiza a mudanza de código en lugares onde coexisten dúas ou máis linguas.
- Función local. A lingua utilízase con normalidade nos contactos diarios entre persoas do mesmo contorno. O cambio de residencia provoca, ás veces, o cambio de lingua.
- Función institucional. Un idioma cumpre esta función cando os seus cidadáns o empregan para se comunicaren coas institucións e administracións.
- Función cultural. Cando a súa comunidade de usuarios se serve dela para expresar e recibir os conceptos e as mensaxes das artes e as ciencias do seu tempo histórico.
- Función internacional. A lingua cumpre esta función cando é empregada non só por aquelas persoas que a aprenderon orixinariamente como lingua inicial, senón por cidadáns doutras comunidades lingüísticas que a aprenderon voluntariamente como segunda lingua pola súa “utilidade”.
Conflito lingüístico e diglosia
En xeral, enténdese por conflito lingüístico a disputa entre dúas linguas por desempeñar todas as funcións posibles nun mesmo territorio. É, por tanto, unha situación derivada do contacto de linguas.
En Galicia, a presenza do castelán non pode desligarse da política de uniformización lingüística promovida pola Coroa de Castela. O castelán comezou a desprazar o galego dos usos cultos e públicos, relegando a nosa lingua a unha función familiar. Esta situación provocou, co paso do tempo, a idea de que o castelán era a lingua apropiada para os usos prestixiosos (lingua A). Pola contra, a lingua galega, recluída na oralidade, pasou na conciencia dos falantes a considerarse inferior e inadecuada para usos elevados (lingua B).
É esta situación de desequilibrio lingüístico nos usos á que denominamos diglosia. Trátase, pois, dun bilingüismo social, unha situación na que o falante adopta unha percepción diferenciada para as dúas linguas, de xeito que só unha delas (a lingua A = castelán) se utiliza nas situacións formais, mentres que a outra (lingua B = galego) se restrinxe a usos informais.
Na actualidade, esta situación ten mudado. Hai capas sociais cultas, urbanas e acomodadas que non renuncian á utilización da súa lingua. Ademais, non existen ámbitos de uso nos que o galego non teña presenza, mesmo que sexa testemuñal, como pode ser a esfera xudicial.
Estereotipos e prexuízos lingüísticos
As linguas non son alleas aos estereotipos, aos prexuízos ou ás valoracións negativas. Todas estas ideas preconcibidas inflúen, á súa vez, na percepción e nos usos lingüísticos dos cidadáns, chegando a provocar nalgúns casos un complexo de inferioridade con respecto á súa lingua inicial (autoodio). Pretenden transmitir tamén a idea de que a lingua minorizada (o galego, no noso caso) non é tan válida como a hexemónica. Algúns dos prexuízos máis estendidos son:
- O galego é lingua de pobres.
- O galego é lingua de aldeáns.
- O galego non serve para fóra de Galicia.
- O galego é un idioma imposto.
- O galego estándar é un idioma inventado.
En síntese, o repertorio de prexuízos que existen sobre o galego non é moi distinto dos prexuízos que existen sobre outros idiomas noutros lugares do mundo.
Afortunadamente, estereotipos negativos sobre a lingua como os arriba comentados están en retroceso, sobre todo entre os falantes máis novos.