Literatura Galega Contemporánea: Poesía, Prosa e Teatro (Finais s. XX - s. XXI)

Clasificado en Lengua y literatura

Escrito el en gallego con un tamaño de 7,15 KB

A poesía galega de finais do século XX e comezos do XXI

Con obras como Con pólvora e magnolias, de Ferrín; Mesteres, de López Casanova; ou Herba de aquí e de acolá, de Cunqueiro, iníciase un clima de busca dunha nova expresión poética que impulsará a aparición de colectivos coma Cravo Fondo, en Santiago, ou Rompente, en Vigo. Ao longo da década dos 80 empezan a proliferar revistas de poesía como Nordés ou Cen Augas e tamén se celebran certames de poesía entre os que destaca O Esquío, a través do cal se dan a coñecer o grupo de poetas que conforman a Xeración dos 80. Este grupo de poetas caracterízase polo culturalismo, a utilización dun rexistro culto e a preocupación polos aspectos formais. É unha xeración cosmopolita e europeísta, que trata temas recorrentes como o amor, o paso do tempo, a morte...

Autores destacados da Xeración dos 80 na poesía

  • Manuel Rivas (Balada nas praias do oeste)
  • Fernán-Vello (Memorial de brancura)
  • Lois Pereiro (Poesía última de amor e enfermidade)

A poesía nos anos 90: Poetas dos 90 e a voz feminina

Nos anos 90 combínanse unha serie de fenómenos de grande relevancia que modifican positivamente o cadro dominante de finais dos anos 80. Nesta década prodúcese unha eclosión dunha multitude de escritores novos, os chamados Poetas dos 90, que amosaron unha actitude activa e dinamizadora no panorama galego. Publican libros individuais e colectivos, gañan diversos premios, comparten recitais e presentacións e mesmo chegan a polemizar cos poetas das xeracións anteriores. Prodúcese unha proliferación de grupos poéticos como Dolmen ou Batallón Literario da Costa da Morte, que promoveron unha aproximación da poesía ao público a través de recitais, pubs, concertos...

Un acontecemento importante destes anos é a incorporación da muller á literatura. Créase a revista Festa da palabra silenciada como un punto de encontro da presenza feminina; todas trasladan aos seus poemas, en maior ou menor medida, un imaxinario do feminino que reivindica figuras marxinadas na sociedade como as bruxas, as prostitutas, as lesbianas...

Autoras destacadas dos anos 90

  • Olga Novo
  • Yolanda Castaño
  • Entre outras.

Últimas promocións poéticas

As últimas promocións destacan pola pluralidade. Así, podemos atopar propostas clásicas como a de Miro Villar ou ensaios poéticos como os de Lino Braxe.

A prosa galega de finais do século XX e comezos do XXI

A partir de 1985, a narrativa galega entra nunha nova etapa de consolidación e diversificación temática. No impulso da produción narrativa xogou un papel decisivo a introdución do galego no ensino, que favoreceu a ampliación do mercado do libro. Este factor explica a aparición dunha rica literatura infantil e xuvenil con autores como Fina Casalderrey ou Agustín Fernández Paz. Tamén se fundan novas editoriais como Ir Indo ou do Cumio e adquiren relevancia os premios literarios como o Premio Torrente Ballester ou o Premio Eixo Atlántico. Ademais, hai diversas tendencias:

  • Narrativa de xénero
  • Narrativa humorística
  • Novela histórica
  • Novela fantástica e marabillosa
  • Narrativa lírica
  • Narrativa urbana e experimental

Autores referentes da narrativa actual (a partir dos 80)

Os autores que publican a partir dos anos 80 son o referente da narrativa actual coas súas múltiples tendencias:

Suso de Toro

Ten unha proposta estética extraordinariamente ambiciosa desde o punto de vista lingüístico, técnico e temático, que serve como modelo a distintas liñas dos anos 90. Salientan as súas obras Caixón desastre e Calzados Lola.

Darío Xohán Cabana

Con obras como Vidas senlleiras ou O cervo na Torre.

Manuel Rivas

Na actualidade é o escritor con maior proxección editorial e mediática. Ten moitas obras e continúa a publicar, entre elas podemos citar Que me queres, amor?, Un millón de vacas ou O lapis do carpinteiro.

O ensaio: unha etapa de esplendor

O ensaio coñece neste momento unha etapa de esplendor. Xa nas décadas dos 80 e dos 90, conxugáronse distintos factores que produciron unha auténtica eclosión do xénero:

  • Consolidación de revistas de pensamento: Encrucillada, Andaina...
  • A creación de coleccións específicas para o ensaio nas editoriais xeneralistas como Galaxia, Xerais ou Laiovento.
  • A galeguización de certas esferas universitarias, que permitiu a formación de novas promocións de estudosos e o desenvolvemento de liñas de investigación sobre Galiza e en galego. Aquí destacan autores como Carballo Calero, Beiras ou Pilar García Negro.

O teatro galego de finais do século XX e comezos do XXI

O teatro é o xénero que menor grao de desenvolvemento acadou. Non obstante, durante os 80, vanse producindo avances importantes:

  • Creación do Centro Dramático Galego.
  • Convocatorias de premios como o Álvaro Cunqueiro e o Rafael Dieste.
  • Publicacións de coleccións teatrais como Biblioteca Arlequín e os Cadernos da Escola Dramática Galega.
  • Apertura de novas salas teatrais estables tanto públicas como privadas (Sala Nasa en Santiago)...

O teatro desta época caracterízase por catro liñas perfectamente delimitadas:

  • A crítica, baseada no humor e na sátira.
  • A irónica.
  • A lúdica.
  • A culta, baseada na técnica do teatro dentro do teatro.

Autores destacados da Xeración dos 80 no teatro

Xesús Pisón

Autor dunha obra moi persoal, caracterizada pola axilidade da lingua e a teatralidade das situacións, logrando ritmo escénico. Salientan as súas obras O pacto e Ei, Feldmühle - Fantasía do Valdouro con vampiros.

Xoán Guisán Seixas

A súa obra ten dúas características fundamentais: a personificación de elementos da escenografía e a ironía. Ademais, Guisán pon de manifesto moitos dos defectos morais do home culto e ofrece unha refinada crítica do sistema cultural establecido. Salientan obras como Un canario chamado Federico ou Teatro para se comer.

Outros cultivadores teatrais destes anos son Cid Cabido ou Antón Reixa.

A Xeración dos 90 no teatro

A xeración dos 90 está encabezada por Raúl Dans, quen iniciou a súa andaina coa peza Water-Look, na que ofrecía unha visión do refugallo social e moral da vida urbana e alcanzou o recoñecemento xeral cando gañou o Premio Rafael Dieste con Matalobos. Outros autores destacados dos 90 son Cándido Pazó, Lino Braxe ou Quico Cadaval.

Entradas relacionadas: