Literatura Galega: Prosa, Teatro e Nova Narrativa (1936-1975)

Clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en gallego con un tamaño de 9,43 KB

A Prosa Galega entre 1936 e 1975: Os Renovadores

Fole, Cunqueiro, Blanco Amor e Neira Vilas

En abril de 1939 asínase o derradeiro parte de guerra da Guerra Civil española. A partir dese intre comeza, coa ditadura de Franco, unha longa noite de pedra para a cultura galega. Temos que agardar ata os anos 50 para albiscar os primeiros indicios de recuperación, liderada pola editorial Galaxia. A primeira novela publicada na posguerra é do ano 1951, A xente da Barreira, de Ricardo Carvalho Calero. Denomínanse “renovadores da prosa” catro autores que, polas súas particularidades, non é posible incluílos nun mesmo grupo ou xeración.

Ánxel Fole

Falemos, en primeiro lugar, da prosa de Ánxel Fole. Trata temas da nosa etnografía, tanto a material (paisaxe, traballos e costumes da sociedade tradicional) como inmaterial (humor, crenzas, lendas, experiencias sobrenaturais...). En Á lus do candil (1953) ou Terra brava (1955) Fole recrea historias da mitoloxía popular, sendo un verdadeiro mestre do misterioso e inexplicable. En Contos da néboa (1973) ou Historias que ninguén cre (1981) presenta unha ambientación urbana e vilega, aínda que os personaxes manteñen crenzas e misterios do rural.

Álvaro Cunqueiro

A principal achega de Álvaro Cunqueiro Mora ás nosas letras é unha maxistral mestura do cotián e o marabilloso, humanizando o mito en novelas como Merlín e familia (1955), As crónicas do Sochantre (1956) ou Se o vello Sinbad volvese ás illas (1961). Pola contra, mitifica o humano nos protagonistas dos seus libros de relatos: Escola de menciñeiros (1960), Xente de aquí e de acolá (1971) e Os outros feirantes (1979).

Eduardo Blanco Amor

A obra máis senlleira de Eduardo Blanco Amor é A esmorga (1959). Presenta importantes novidades: a presenza de dous narradores (editor e protagonista) ou a innovadora técnica telefónica na declaración de Cibrán perante o xuíz. Mais tamén conta con novidades de contido, dándolles voz a personaxes nun ambiente urbano e suburbial. Trátanse temas inéditos ata o momento na nosa literatura: a violencia, o sexo e as frustracións dos protagonistas, antiheroes que viven na marxinalidade. Completa a súa narrativa con Os biosbardos (1962) e Xente ao lonxe (1972)

Xosé Neira Vilas

En contraposición, a obra de Xosé Neira Vilas denuncia a crueldade da vida no rural ou a dureza da emigración. Pola súa idade podería incluírse dentro da Nova Narrativa Galega, mais afástase desta polo seu fondo realista. Deixou para as nosas letras obras inesquecibles como Cartas a Lelo (1971), Xente no rodicio (1965) ou a derradeira Aquel neno (2013). Foi o autor dun dos best sellers da nosa literatura: Memorias dun neno labrego (1961). Que lector/a non coñece o seu inicio? “Eu son Balbino. Un rapaz da aldea. Como quen di, un ninguén. E ademais, pobre. Porque da aldea tamén é Manolito e non hai quen lle tusa”.

O Teatro Galego entre 1936 e 1975

A Xeración dos 50 e o Grupo de Ribadavia

En abril de 1939 asínase o derradeiro parte de guerra da Guerra Civil española. A partir dese intre comeza, coa ditadura de Franco, unha longa noite de pedra para a cultura galega. O teatro sofre a eiva maiúscula ao non contar con infraestruturas que permitan a representación.

A Xeración dos 50

A chamada Xeración dos 50 inclúe autores que escriben illadamente, conscientes de que as súas obras estaban concibidas só para ser lidas. Otero Pedrayo publica O desengano do prioiro (1952); con temática existencial podemos destacar O auto do prisioneiro, de Carballo Calero ou O incerto señor don Hamlet, príncipe de Dinamarca (1959) de Cunqueiro.

O Rexurdir do Teatro Independente

A partir dos 60, rexorden as actividades dramáticas grazas ao chamado Teatro Independente, pequenos grupos que apostan por un teatro integramente en galego, estreando obras dos nosos dramaturgos. A O Facho da Coruña ségueno outros ao longo de todo o país: o Teatro Popular Galego, Auriense... Entre os autores desta década destaca Daniel Cortezón, dramaturgo-historiador que pretende recuperar momentos da historia galega en obras como Prisciliano ou Pedro Madruga. Da súa parte, Manuel María incidirá nun teatro popular e, ao tempo, reivindicativo en obras como Barriga verde (1968) ou Farsa do bululú.

O Grupo de Ribadavia

En 1973, a Agrupación Cultural Abrente, de Ribadavia, convocou a Primeira Mostra e o Primeiro Certame Abrente de Teatro Galego. Ribadavia transformouse no punto de encontro para todos os interesados no teatro: os grupos puideron saber uns dos outros e tiveron a posibilidade de contrastar a opinión do público e dos críticos. Os dramaturgos con participación destacada nestas Mostras son coñecidos como Grupo ou Xeración Abrente ou Grupo de Ribadavia. Fixeron un teatro comprometido centrándose na realidade socio-política de Galicia e conxugaron as tendencias vangardistas europeas coa tradición galega, fundamentalmente Castelao e Blanco Amor. Deste grupo formaron parte autores como Manuel Lourenzo, Euloxio R. Ruibal e Roberto Vidal Bolaño. Manuel Lourenzo escribe teatro mítico no que pretende reflectir a denuncia do presente mediante a recreación da mitoloxía grecolatina como na obra Electra. Euloxio Ruibal escribe obras de marcado compromiso social e político (Zardigot). En Azos de esguello fai un retrato despiadado da realidade cultural galega. Roberto Vidal Bolaño escribe, entre outras moitas, Ledaíñas pola norte do Meco e Laudamuco, señor de Ningures, obras de compromiso antifranquista. Máis tarde asume a crítica sociocultural en Saxo Tenor. A súa estética é profundamente innovadora, combinando elementos da cultura teatral popular galega, da vangarda e da linguaxe cinematográfica. O Grupo de Ribadavia deixou o camiño preparado para o nacemento do teatro profesional nos anos 80... Mais iso xa pertence a outro acto...

A Nova Narrativa Galega

En 1954 “Nasce un árbore”. E canda el, agroma un novo xeito de narrar: Rodríguez Mourullo inaugura o movemento coñecido como Nova Narrativa Galega.

Na Galicia dos anos 50 sobrancea a represión e o medo. Nesta década convulsa, xorde un grupo de escritores moi novos que pretenden superar modelos existentes e narrar seguindo a autores estranxeiros: Kafka, Joyce, Faulkner...

Comparten características que nos permiten falar dun grupo:

  • Por unha banda, posúen afinidade ideolóxica, con total compromiso coa lingua galega.
  • Participan, ademais, en feitos colectivos xunto con poetas do tempo: a recuperación das Festas Minervais ou a publicación na colección Illa Nova de Galaxia.

Temática, Forma e Autores da NNG

Canto á TEMÁTICA, céntranse no existencialismo. Os seus personaxes son antiheroes anónimos, agresivos, a miúdo trastornados. Fuxindo do ruralismo, localizan as súas obras en espazos urbanos, moitas veces claustrofóbicos, deshumanizados. Xogan a romper o discorrer lineal do tempo, xustapoñendo planos temporais.

A renovación na FORMA pasa por distintas técnicas narrativas, desaparecendo o narrador tradicional en beneficio do narrador en primeira persoa ou mesmo múltiples voces. Fan uso do obxectalismo, a técnica epistolar ou o novidoso monólogo interior.

Autores Destacados

Entre os seus autores destacamos a Gonzalo Rodríguez Mourullo, coa xa citada Nasce un árbore (1954). Máis tarde publica Memorias de Tains. En ambos libros superpóñense planos reais/fantásticos e predomina a instrospección do subconsciente.

Da extensa produción de Carlos Casares, só dúas seguen os principios da NNG: Vento ferido (1967) e Cambio en tres (1969). Casares busca innovar, sobre todo, na forma. O resto da súa narrativa segue outras liñas: dende as narracións pseudo-históricas de Os escuros soños de Clío (1979) ata un amor imposible en O sol do verán (2002, obra póstuma).

A achega de Xosé Lois Méndez Ferrín á NNG só se produce en tres obras: Percival e outras historias (1958), O crepúsculo e as formigas (1961) e en Arrabaldo do norte (1964). Continuará como narrador con obras alegóricas sobre a patria sometida: “Retorno a Tagen Ata”, “Arnoia, Arnoia” ou a máis recente “No ventre do silencio”(1999).

Outros Autores da NNG

Camilo Gonsar participa con Lonxe de nós e dentro (1961), e Como calquera outro día (1962).

Cómpre destacar dúas autoras: Xohana Torres coa súa única novela, Adiós, María (1971) e María Xosé Queizán con A orella no buraco (1965). A narrativa desta continuará por camiños progresistas e feministas ata desembocar na actualísima Vivir a galope (2018).

Como ela mesma explicou: “As narracións da Nova Narrativa Galega son resultado dunha crise persoal e ideolóxica e dunha toma de conciencia nacional e política”.

Entradas relacionadas: