Luis de Narváez: Catro Diferenzas sobre Guárdame las vacas

Clasificado en Música

Escrito el en gallego con un tamaño de 3,51 KB

Catro Diferenzas sobre Guárdame las vacas

A presente audición corresponde á obra chamada "Catro diferenzas sobre Guárdame las vacas" de Luis de Narváez. "Los seys libros del Delphín" (Valladolid) é a segunda publicación para vihuela en España, e o primeiro libro onde aparecen composicións denominadas diferenzas (a denominación española para as variacións). Entre elas está este ciclo de diferenzas sobre Guárdame las vacas, baseada nun vilancico popular homónimo moi coñecido na época.

Luis de Narváez e a Vihuela

Luis de Narváez, nado en Granada e falecido entre 1550 e 1560, foi un compositor e vihuelista español. En canto á súa obra, dedicouse sobre todo á polifonía vocal e en segundo lugar á música para a vihuela española; non obstante, hoxe en día lembráselle máis por esta última faceta.

A vihuela é un instrumento de corda, en forma de oito, parecida á guitarra actual, e utilizada en todos os estratos sociais. Tiña seis ou sete pares de cordas que se afinaban ao unísono e obtivo o seu máximo esplendor na Península Ibérica durante o século XVI.

Narváez foi tamén compositor de motetes, dous deles foron publicados en Lión (Francia).

Contexto Histórico: O Renacemento

"Catro diferenzas sobre Guárdame las vacas" atópase dentro do período histórico coñecido como Renacemento, un amplo movemento cultural que se produciu en Europa Occidental entre os séculos XV e XVI. Os seus principais expoñentes atópanse no campo das artes, aínda que tamén se produciu unha renovación nas ciencias e foi froito da difusión das ideas do humanismo. Italia foi o lugar de nacemento e desenvolvemento deste movemento.

Características Musicais do Renacemento

Entre as características musicais do Renacemento destacan:

  • A unión entre a música profana e a relixiosa.
  • Un maior sentido imitativo no contrapunto.
  • Unha progresiva substitución de voces por instrumentos.

Xénero da Obra

En canto ao xénero da obra, é música profana, xa que constitúe un vilancico, e instrumental para vihuela.

Textura e Notación: A Tabulatura

A súa textura é homofónica, posto que apenas cambia, salvo algún xogo ocasional de contrapunto.

Esta obra está escrita mediante unha grafía utilizada enormemente na época para escribir a música dos instrumentos de corda pulsada: a tabulatura, un sistema de notación relativamente sinxelo que contribúe á difusión destes instrumentos.

Forma e Afinación da Vihuela

A forma da obra non é sempre igual, a pesar de que a estrutura sexa bipartita en todas elas. As tonalidades nas transcricións das tabulaturas varían, xa que había distintos tipos de vihuelas, as máis comúns en Fa, Sol e Mi.

Variacións sobre Baixo Ostinato

Guárdame las vacas clasifícase como variación sobre baixo ostinato (Este baséase na utilización dun ostinato como base sobre a cal se constrúe a melodía). As maiores transformacións ao longo da melodía ocorren na súa rítmica e na súa ornamentación.

Cabe destacar a gran capacidade improvisatoria coa que contaba Narváez, perceptible ao longo da obra.

En conclusión, as variacións seguen un mesmo patrón rítmico e melódico. As diferenzas están en que cada variación é máis movida ca anterior, por exemplo:

  • Na primeira utilízanse negras.
  • Na segunda corcheas.
  • E así sucesivamente.

Entradas relacionadas: