A Metafísica e as Formas do Saber: Teoría, Praxis e Poiese
Enviado por Bernabe y clasificado en Filosofía y ética
Escrito el en
gallego con un tamaño de 6,53 KB
As Tres Formas do Saber (Actividades Humanas)
Actividade Teórica ou *Theoria*
A guía é a sabedoría teórica ou ciencia (contemplativa). En grego, episteme.
- Exemplos: Filosofía, Física.
- Correspondencia: Razón Pura.
Actividade Práctica ou *Praxis*
A guía é a sabedoría práctica ou ética (prudencia). En grego, phronesis.
- Exemplos: Ética e Política.
- Correspondencia: Razón Práctica.
Actividade Produtiva ou *Poiese*
A guía é o saber facer técnico (na produción e na creación). En grego, techne.
- Exemplos: Música, Danza.
- Correspondencia: Razón Instrumental.
A Metafísica: Definición e Nocións
A Metafísica pódese definir como o estudo das características da realidade que transcende o sensible, é dicir, do ser como esencia da realidade, así como as súas propiedades, principios e causas.
Os Dous Sentidos da Metafísica
Os dous sentidos da metafísica son:
- Nun sentido xeral, a metafísica ocuparíase do ser en canto ser, é dicir, de Ontoloxía.
- Noutro sentido, particular, ocuparíase do “suprasensible ou os seres que carecen de materia e son eternos”, ou sexa, de Teoloxía.
Tres Significados Básicos da Noción de Metafísica
A metafísica como noción ten tres significados básicos:
- Saber puro de obxectos suprasensibles: a alma e Deus.
- Sistema dunha filosofía teórica pura.
- Saber como esixencia de fundar un conxunto sistemático de coñecementos referidos á realidade na súa totalidade.
Temas Centrais da Metafísica
O Ser
É o eixe sobre o que se construíu a metafísica. Ser é un termo análogo, é dicir, expresa en certo sentido cousas comúns e noutro sentido cousas distintas. Ten dous usos:
Usos do Termo Ser
- Uso predicativo: Segundo este uso, atribuímos ao suxeito dunha proposición unha determinada calidade.
- Uso existencial: Pódese expresar simplemente a existencia ou presenza dun obxecto, pero tamén pode querer indicar o recoñecemento que identifica a un obxecto como tal.
O problema do ser consiste en establecer cales se poden considerar trazos esenciais e cales aspectos aparentes do obxecto.
A Substancia e os Accidentes
A Substancia é a definición propia e fundamental do obxecto. É o que permanece constante e inalterado a pesar dos cambios que poida padecer ese obxecto. En contraposición, os Accidentes son aquelas características dos obxectos que non son fundamentais para a súa configuración.
O Problema da Alma
A alma é a realidade inmortal, de natureza sobrenatural, principio de coñecemento racional e de goberno moral, mentres que o corpo é a realidade mortal, de natureza animal e guiada polas paixóns.
Tipos de Alma
- Vexetativa (plantas): nacer, medrar, reproducirse e morrer.
- Sensitiva (animais): coñecemento sensible, apetencia sensible, locomoción.
- Racional (humanos): coñecemento racional, apetencia racional.
O Asunto de Deus
A Conciencia Relixiosa
A orixe da conciencia relixiosa márcase a partir dos primeiros soterramentos dos que se teñen evidencias. O fundamento dos nosos costumes funerarios segue sendo o mesmo: o desexo de recordo, o anhelo de inmortalidade.
Probas da Existencia de Deus
As probas da existencia de Deus clasifícanse en:
- Probas de tipo ontolóxico: Anselmo de Canterbury formula o argumento ontolóxico: “Deus é aquilo cuxo maior non pode ser pensado”. Tamén é aquilo maior que non pode ser pensado, pero debe existir, porque se non, non sería o maior que pode ser pensado, pois habería outra cousa inferior que, ao estar dotada de existencia, sería maior. Logo, Deus existe. Esta idea foi moi criticada, pois dedúcese ilexitimamente a realidade a partir da idea e presupón que a idea de sumo ser esixe a súa existencia.
- Probas de tipo causal: As cinco vías de Tomé de Aquino. Pártese dun feito da experiencia, e chégase a través do efecto a Deus como primeiro motor, causa incausada, ser necesario, ser perfecto ou intelixencia suprema. Hai dous elementos importantes que fan posible ese paso: o principio de causalidade e a imposibilidade dunha cadea infinita de causas.
- Probas de tipo ético-moral ou experiencial: Apóianse na liberdade humana que esixe a existencia dun ser que colme as aspiracións éticas do home. Estas aspiracións non se poden acadar neste mundo.
Obxeccións contra a Existencia de Deus
A pesar de que as crenzas relixiosas se mantiveron vixentes durante milenios, non quere dicir que sexan lexítimas. Diversos pensadores criticaron a noción de Deus:
- Feuerbach apuntou que a imaxe de Deus non é máis que unha proxección das calidades humanas.
- Freud denunciou a súa imaxe paternalista.
- Marx ligou o fenómeno relixioso á necesidade dos grupos de poder para xustificar o seu dominio sobre as clases populares.
- Nietzsche explica que a crenza nese trasmundo e nos seus valores transcendentais nace dos sentimentos de culpa e de resentimento, inculcados pola clase sacerdotal nos espíritos dos débiles.
Críticas á Metafísica
Crítica Gnoseolóxico-Lingüística
Di que os conceptos da metafísica clásica eran tan só entidades mentais e non reais. Tamén que o uso da palabra “ser” ten deficiencias lóxicas.
Crítica Ético-Moral
Denuncia que na metafísica tradicional se comete un erro básico ao crer que os valores morais non proveñen do noso mundo terreal, senón de Deus. Nietzsche nega con rotundidade todo tipo de metafísica, pois implica o menosprezo da vida.
Crítica Histórico-Política
Representada polo marxismo, corrente filosófica que rexeita a validez do pensamento metafísico. Esa negación débese a que o marxismo ofrece un pensamento máis dinámico e explicativo da realidade e do coñecemento, e tamén porque desvela que a metafísica non é senón un produto ideolóxico que ten a función de defender e encubrir os intereses da clase dominante.