Molière: O Cume da Comedia Francesa do Século XVII
Clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en
gallego con un tamaño de 3,62 KB
O Teatro Francés do Século XVII: Corneille, Racine e Molière
O ámbito literario-cultural máis destacado do século XVII francés é o teatro. Este é o xénero de maiores mostras, o de maior éxito, o de máis recepción e importancia sociolóxica.
Principais Autores do Teatro Francés do Século XVII
Pierre Corneille: O Enxeño da Traxedia e Comedia
Obtivo o éxito co seu teatro enxeñoso. As súas traxedias e comedias satisfán cumpridamente os gustos do público. Empezou destacando coa comedia (como A Viúva ou A Praza Real) e acabou triunfando con traxedias como O Cid, Cinna, Andrómena, Atila, Tito e Berenice.
Jean Racine: O Poeta Tráxico Xansenista
Foi un poeta tráxico de considerable importancia, cunha vida bastante mediatizada por diversos conflitos amorosos e teatrais. A súa concepción xansenista contribuíu a unha mentalidade pesimista. O seu clasicismo vese caracterizado por unhas tramas sen complicacións, acción simple, exposición clara, crescendo sentimental, contados personaxes e lirismo nos versos.
As súas pezas foron ben acollidas: Andrómaca, Británico, Berenice, Iphixenia e Fedra. Un éxito acompañado polas disputas, campañas, liortas e ataques entre racinistas e corneillistas. As dúas últimas pezas máis significativas que escribiu son as traxedias relixiosas Esther e Atalía.
Molière: O Cume da Comedia Moderna Francesa
Molière é o cume dramático da época, o máis grande comediógrafo. É considerado como o creador da comedia moderna. Foi actor e, coma Plauto na antigüidade romana, tiña a súa propia compañía teatral.
Tiña unha concepción do teatro como plataforma para a súa ideoloxía, instrumento ou medio de expresión e representación dos seus pensamentos e visión crítica. A intencionalidade é clara: facer rir e agradar. Para iso, usa dun xeito sabio o elemento satírico e o retrato psicolóxico, habilidade na que xa destacara na República romana Plauto. A sensibilidade, a agudeza e a imaxinación fan da súa comedia de caracteres unha alta representación da literatura universal.
Aspectos Destacados da Obra Cómica de Molière
Tartufo ou o Hipócrita
É unha sátira en cinco actos contra os falsos devotos. A hipocrisía de Tartufo, descuberta polo seu protector Orgón, lévao a enfrontarse coa xustiza, polo que é arrestado. Esta obra causou problemas e incluso foi prohibida.
O Misántropo
Cóntanse en cinco actos en verso as peripecias de Alcestes, que detesta a mentira e toda forma de compromiso, e que acaba sendo procesado e abandonado pola súa amada Célimène.
O Avaro
Cinco actos en prosa, inspirada na Aulularia de Plauto. Céntrase na personalidade avarenta de Harpagón mediante o recurso tópico dun tesouro que oculta, que é roubado e ao final aparece.
O Burgués Xentilhome
Cinco actos separados por un intermedio danzado. Retrata enredos amorosos e a vida das aparencias de Monsieur Jourdain, un rico comerciante.
O Enfermo Imaxinario
Comedia-ballet en tres actos. É un enfermo imaxinario moi maníaco de quen se aproveitan a súa segunda muller, que trata de ser a única herdeira. Por unha serie de circunstancias, descóbrese a cobiza de Béline ou a sinceridade da súa filla. Nesta obra acada unha mestría a psicoloxía conseguida do seu protagonista.