A Normalización do Galego: Leis, Avances e Desafíos Lingüísticos
Clasificado en Lengua y literatura
Escrito el en
gallego con un tamaño de 3,12 KB
A Normalización Institucional do Galego (1976-2004)
A partir de 1976, a democracia fixo posible a cooficialidade do galego co castelán. Este proceso de legalización institucional desenvolveuse en varias etapas:
- 1978: A Constitución recoñece a diversidade plurilingüe e pluricultural de España.
- 1981: O Estatuto de Autonomía aproba a cooficialidade do galego e do castelán na nosa comunidade e establece a obriga dos poderes públicos de promover as dúas linguas para que se cumpra a igualdade entre elas.
- 1983: A Lei de Normalización Lingüística concreta as medidas para levar a cabo a promoción e normalización do galego.
A Lei de Normalización Lingüística (1983)
Esta lei establece dereitos fundamentais e regula o uso do galego en diversos ámbitos:
- Establece o dereito dos cidadáns ao uso do galego coa administración pública.
- Determina que a única toponimia oficial é a galega.
- Encárgase de regular os medios de comunicación públicos en galego.
- Recolle que a lingua oficial nas administracións autonómicas, locais e as entidades públicas dependentes na nosa comunidade será o galego.
- Promóvese o uso do galego oral e escrito nas relacións da administración cos administrados.
- Regula o galego no ensino para que acade a igualdade co castelán.
A institución que se encarga de que se cumpra a Lei de Normalización é a Secretaría Xeral de Política Lingüística. Este proceso denomínase Legalización Institucional, aínda que finalmente será o individuo o que lle dea sentido a estas normas e lle dea futuro ou non ao galego.
Estandarización e Consenso Lingüístico
Con respecto ás características lingüísticas, hoxe en día baséanse nunha variedade estándar que se acadou despois de sucesivas normas desde 1982 ata o 2003. Así, no 2003, a chamada Normativa de Concordia supera a histórica polémica entre reintegracionistas e oficialistas, conseguindo o consenso entre as dúas posturas. Xunto a estas normas, temos unha gramática de mediados dos 80 e numerosos dicionarios que enriquecen o noso léxico e a nosa lingua.
Avances e Desafíos para o Futuro do Galego
A pesar do importante avance do galego nesta época, no 2004 chegouse á conclusión de que había 7 ámbitos nos que non se desenvolveu con normalidade. Para subsanar este problema, apróbase por todos os partidos políticos daquel momento o Plan Xeral de Normalización Lingüística (PXNL). Este plan trata de fomentar o emprego do galego neses 7 ámbitos con aproximadamente 500 medidas.
Feitos Preocupantes para o Futuro do Galego
Aínda así, hai dous feitos preocupantes para o futuro do galego:
- Cada vez diminúe máis o emprego do idioma no ámbito urbano e na xente máis nova.
- A ruptura xeracional que se produciu desde os anos 60, que fai que moitos rapaces non reciban a lingua galega a través de familiares, senón a través da escola.