Normativización do Galego: Etapas, Estándar e Interferencias

Clasificado en Lengua y literatura

Escrito el en gallego con un tamaño de 3,41 KB

A Normativización Lingüística do Galego

As linguas teñen tendencia á diversidade. A existencia dunha variedade estándar contribúe a frear a dispersión, o que se coñece como normativización lingüística: a fixación dunha ortografía, gramática e dicionario que sirvan de modelos cultos a imitar.

O galego sufriu un proceso de minorización e non emprendeu esa tarefa ata o século XIX cos autores do Rexurdimento. Este proceso divídese en catro etapas:

1. Etapa Popularizante

Caracterízase por non ter intención normatizadora. Emprégase o galego oral popular, cheo de vulgarismos, castelanismos e dialectalismos.

2. Etapa Enxebrista (ou Enxebrizante)

Sente a necesidade dunha norma escrita e inclínase por un modelo diferente ao castelán. Inténtase evitar castelanismos, pero preséntanse *hiperenxebrismos*. O portugués é tomado como modelo de lingua culta.

3. Etapa Protoestándar

Medra a necesidade dun modelo culto. Caracterízase pola simplificación ortográfica, coa eliminación de apóstrofos, guións, acentos graves e circunflexos.

4. Etapa Estándar (Normativa Oficial)

Recórrese a diversas fontes para a fixación léxica:

  • Galego antigo: para recuperar palabras (ex: *igrexa*, *rúa*).
  • Portugués: para incorporar novas (ex: *autoestrada*, *orzamento*).
  • Creación de novas: (ex: *beirarrúa*).

En 1982 publícanse as *Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego* (NOMIG), declaradas oficiais pola Xunta de Galicia, e actualízanse e revísanse en 1995 e 2003. Para a fixación ortográfica, predomina o criterio etimolóxico e a tradición escrita do Rexurdimento.

Debate e Consenso Normativo

Existe polémica entre a proposta *oficialista* (máis diferenciada do portugués) e a *reintegracionista* (máis próxima á normativa portuguesa). Actualmente, é vixente a **normativa de concordia** (2003) para buscar un achegamento entre as distintas posturas. Hai bastante consenso na normativa escrita fronte á oral, xa que se acaba de editar o primeiro dicionario como modelo ortofónico.

Interferencias Lingüísticas no Galego

As interferencias son o influxo dunha lingua sobre outra en situacións de contacto lingüístico, afectando xeralmente á lingua máis débil.

Interferencias do Castelán sobre o Galego

As interferencias do castelán sobre o galego maniféstanse en varios planos:

  • Plano Fónico: Redución de 7 a 5 vogais; uso do /n/ velar como alveolar.
  • Plano Morfolóxico: Cambio de xénero de determinados substantivos; confusión entre *te* e *che*; uso incorrecto de tempos compostos.
  • Plano Sintáctico: Incorrecta colocación dos pronomes persoais átonos.
  • Plano Léxico: Substitución da forma galega pola castelá; alteracións; restricións de significado, deixando a palabra castelá para a realidade de maior prestixio.

Desviacións e a Norma Estándar

As desviacións son formas que non se axustan á normativa porque non pertencen ao nivel culto, ou por seren palabras de uso actual ou *inventos* xerados pola presión do castelán. A norma estándar do galego debe excluír tanto as interferencias como as desviacións.

Entradas relacionadas: