O pensamento de Vicente Risco sobre os inadaptados, a arte e a nación

Clasificado en Otras materias

Escrito el en gallego con un tamaño de 2,39 KB

Caracterización dos inadaptados e a súa idea da arte

Vicente Risco caracteriza aos inadaptados como auténticos vencidos da vida. Insatisfeitos, non conformistas, decote rebeldes. Vencidos da vida por inadaptados. O problema dos inadaptados é un dos grandes problemas das decadencias. Hai neses tempos de economía, de política, unha chea de naturezas extremadamente delicadas e conscientes que non se poden sentir solidarias co camiñar histórico do momento. E son os malcontentos, os difíciles de gusto, os desprezativos, os desgustados de todo, os que andan á procura das cousas lonxanas, estrañas e requintadas, os anormais por supernormais.

O pensamento de Vicente Risco sobre a arte e o artista

Vicente Risco opina que o único que realmente coñecemos é o home, e todo o noso coñecemento ha de partir de aí, se é que habemos de explicar o descoñecido en función do coñecido. Nisto estriba a futura importancia da arte e da emoción estética, que acaso está chamada a revelarnos o que hai detrás do parecer das cousas, o máis adentro da súa aparencia convencional. Está probado que o espírito artista ve nas cousas o que os demais non ven, posúe un sentido máis, polo menos, que os demais mortais. Porque o que podemos chamar pensamento poético é por natureza ultraconvencional. Hai dúas maneiras de afrontar o problema do mundo: pódese adoptar a actitude crítica do filósofo [o sabio, o científico...], a actitude analítica fundada na dúbida, e pódese adoptar a actitude mística [= de unión co divino] do poeta, a actitude do que ama as cousas sen interrogalas. O artista sabe que non se vive tan só coa verdade, que alén da verdade hai na vida outras cousas adorables.

Definición de “o sentimento da terra” en relación co concepto nación

Vicente Risco parte das definicións de nación dadas por outros autores. Insiste no valor da terra galega, debido a que o fondo sentimento da terra é o que distingue a alma galega. Os elementos da natureza constitúen “o gran escultor da humanidade”. De igual xeito que a auga lle dá á pedra a súa labranza, así do mesmo xeito –segundo Risco- a paisaxe modela a súa raza de homes a través dos costumes. Un pobo é un repertorio de costumes e na Europa unha nacionalidade é un pobo fixado nunha terra. A nación consiste nunha comunidade de intereses espirituais e materiais determinada pola natureza.

Entradas relacionadas: