Principios da Normativa do Galego: NOMIG 2003
Clasificado en Lengua y literatura
Escrito el en gallego con un tamaño de 2,46 KB
Principios NOMIG 2003
(Son criterios que seguiron a RAG e o ILG).
- Criterio de identidade: A lingua normativa ten que estar ao servizo da cultura dun pobo, e, polo tanto, ha de ser necesariamente continuadora da lingua falada pola comunidade e ha de achegarse canto sexa posible a ela, co fin de enraizar sobre bases seguras e vivas. Non podemos crear unha lingua normativa (escrita) coa que non se identifique o pobo.
- Criterio purista: A norma debe acoller un galego fiel a si mesmo e limpo de canto alleo innecesario hai incrustado na fala viva pola presión do castelán. É dicir, a lingua común debe ser o máis galega posible: que o galego sexa o máis galego posible, sen interferencias do castelán.
- Criterio supradialectal: O galego normativo ten que ser o vehículo expresivo e común para todo o pobo galego, voz apta e dispoñible para as súas manifestacións tanto escritas como orais. O galego común non pode basearse nun único dialecto, debe prestar atención á extensión xeográfica e demográfica das formas para seleccionar as normativas. Ha de ser supradialectal e lograr que o maior número de falantes galegos se identifiquen coas solucións acordadas: o galego normativo ten que ser válido para todos e non basearse nun dialecto só.
- Criterio conservador e tradicionalista: O galego común debe seguir as boas tradicións da antiga lingua galega que sexan compatibles coa maneira de ser moderna da lingua. As formas tradicionais deben ser preferidas ás máis innovadoras e evolucionadas. Debe recoñecer tamén a súa propia literatura e cultura máis recentes: recuperar a forma fonética tradicional, non renunciar á fala antiga pero si modernizala.
- Criterio de harmonía: As escollas normativas deben ser harmónicas coas das outras linguas, especialmente coas romances en xeral e coa portuguesa en particular. O portugués será considerado recurso fundamental sempre que esta adopción non for contraria ás características estruturais do galego: consolidarse coas outras linguas (portugués) para o arrequecemento da lingua.
Normativización
Creación da variedade estándar, por medio da elaboración de gramáticas e de dicionarios normativos (NOMIG 2003).
Normalización
É a recuperación lingüística, isto é, o uso xeral da lingua en todos os niveis e funcións por parte de toda a comunidade.