A Prosa Galega do Primeiro Terzo do Século XX: Grupo Nós e Outros Autores
Clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en gallego con un tamaño de 3,84 KB
A Prosa Galega do Primeiro Terzo do Século XX
A Consolidación da Prosa Contemporánea
A consolidación da prosa contemporánea galega débese principalmente ao Grupo Nós, formado por Vicente Risco, Florentino López Cuevillas e Ramón Otero Pedrayo. Estes autores compartían características comúns, como a súa procedencia social acomodada e a súa evolución cara ao galeguismo. Esta evolución foi explicada por Cuevillas no artigo Dos nosos tempos, por Otero na novela Arredor de sí e por Risco no ensaio Nós, os inadaptados.
A eles únese Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, con outras características como a súa procedencia social popular e un sentimento de proximidade ás clases populares que o afasta do culturalismo dos seus compañeiros. O nome do grupo procede da revista Nós, que eles fundan co obxectivo de europeizar e universalizar a cultura galega.
Vicente Risco
Os seus principios filosóficos foron o irracionalismo e a exaltación das culturas orientais e atlánticas. En 1920 asume a dirección literaria da revista Nós e nese ano publica Teoría do nacionalismo galego. Outras obras de ensaio son Nós, os inadaptados, onde reflexiona sobre a evolución ideolóxica do seu grupo, e Mitteleuropa. Entre as súas obras narrativas destaca O porco de pé, onde expresa a degradación da sociedade burguesa ao substituír a intelixencia e a cultura polo diñeiro e a vulgaridade.
Ramón Otero Pedrayo
Pasou a súa infancia no pazo familiar de Trasalba e na Segunda República foi elixido deputado nas Cortes Constituíntes. A súa obra é moi extensa e podemos clasificala en:
- Novelas histórico-culturalistas: A romaría de Xelmírez.
- Novelas histórico-realistas: Os camiños da vida, onde mostra o proceso de decadencia da fidalguía e os cambios que experimentan a sociedade tradicional.
- Contos: Contos do camiño e da rúa e Entre a vendima e a castañeira, onde recrea o mundo rural.
- Novelas psicolóxicas: Arredor de sí, que trata a evolución cara ao galeguismo dos autores da súa xeración. O protagonista sente a necesidade de buscar un sentido á súa existencia.
- Ensaio: Destacan Xeografía física da 'Historia de Galicia' e Pelerinaxes, un libro de viaxe cara Santo André de Teixido.
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao
Asumiu a dirección artística da revista Nós e na Segunda República foi elixido deputado nas Cortes Constituíntes. A súa obra narrativa componse de Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete; Cousas; Retrincos e Os dous de sempre. Os temas que trata son o humanismo e o compromiso cos máis débiles, o protagonismo das clases populares e a defensa da lingua galega. No ensaio, destaca Sempre en Galiza, onde expón o seu pensamento político, e As cruces de pedra na Bretaña/Galiza.
Outros autores e publicacións
O narrador máis destacado dos escritores novecentistas é Rafael Dieste, co seu libro de relatos Dos arquivos do trasno. O ensaio en lingua galega nace e consolídase coas Irmandades da Fala e o Grupo Nós. Os autores mencionados destacan como ensaístas: Castelao escribiu sobre arte e política, Risco cultivou especialmente este xénero e Otero dedicouse ao ensaio xeográfico e histórico, así como a libros de viaxes.
Para difundir e construír as bases do galego, a prensa creou publicacións como A Nosa Terra ou a revista Nós. Entre as revistas culturais de vangarda destacan Alfar (A Coruña), Cristal (Pontevedra) e Resol (Santiago).