Relacións Semánticas entre Palabras en Galego
Clasificado en Química
Escrito el en gallego con un tamaño de 2,97 KB
Denotación
A denotación é o significado obxectivo dunha palabra illada do contexto. Ese significado obxectivo é o que aparece definido nos dicionarios.
Connotación
A connotación é o resultado de engadir ao significado base outros significados adicionais derivados do seu uso nunha determinada sociedade (ex. Es coma un toxo! = Persoa pouco afectiva).
Antonimia
A antonimia consiste na oposición de significados; establece unha relación de incompatibilidade. Pode ser:
- Complementaria ou privativa: exclúense un ao outro; a afirmación dun dos elementos implica a negación do outro e á inversa (vivo/morto).
- Gradual: non se exclúen totalmente, hai graos intermedios (frío/quente).
- Inversos ou recíprocos: a presenza dun supón a existencia do outro (vender/comprar).
Sinonimia
A sinonimia dáse cando un significado pode estar expresado por máis dun significante, é dicir, varias palabras significan o mesmo (“coñecemento público dunha persoa”: fama, sona, popularidade, notoriedade). Podemos ter:
- Sinonimia absoluta: cando os termos son completamente intercambiables en calquera contexto. Para iso teñen que posuír o mesmo significado denotativo e connotativo. P. ex. labio/beizo.
- Sinonimia parcial: cando os termos son intercambiables só en determinados contextos e presentan matices diferentes, p. ex. ollar/fitar/mirar.
Polisemia
A polisemia ocorre cando a un único significante lle corresponden dous ou máis significados. Así pois, un signo lingüístico vai gañando, ao longo da historia da lingua, novos significados ou acepcións que están, normalmente, emparentadas entre si.
Homonimia
A homonimia consiste en que dúas palabras distintas, con distintos significados, coinciden no significante. Neste caso, a evolución fonética fixo coincidir na súa forma (significante) dous significados orixinariamente diferentes. A homonimia pode ser de dúas clases:
- Homófonos: pronúncianse igual pero escríbense de xeito diferente (vaca/baca; valor/balor).
- Homógrafos: escríbense igual e tamén se pronuncian igual (veu (verbo vir) / veu (verbo ver)).
Hiponimia
A hiponimia é a relación entre un termo máis específico (o hipónimo) e outro máis xeral. Todos os trazos do termo máis xeral están contidos no hipónimo (p. ex. rosa é o hipónimo de flor).
Hiperonimia
A hiperonimia é a relación inversa á hiponimia, é dicir, a que se dá entre un termo máis xeral (hiperónimo) e outro máis específico (hipónimo).
Cohiponimia
A cohiponimia é a relación existente entre hipónimos dun mesmo hiperónimo.