O Relevo Terrestre: Formas, Meteorización e Erosión
Clasificado en Geología
Escrito el en gallego con un tamaño de 4,84 KB
Que é o Relevo Terrestre?
O relevo é o aspecto da superficie terrestre, prescindindo dos elementos bióticos.
Clasificación Descritiva das Formas do Relevo
As formas do relevo clasifícanse polo seu aspecto. Nesta clasificación utilízanse termos como:
- Montaña: Relevo illado que ten un gran desnivel entre a súa base e a súa cima.
- Outeiro: Relevo illado con escaso desnivel.
- Desfiladeiro: Val de fondo estreito que presenta paredes abruptas aos seus lados.
- Meseta: Relevo illado de cima plana.
- Terrazas: Relevo graduado.
Principais Relevos Terrestres
Na superficie terrestre poderíanse diferenciar dúas zonas principais:
Codia Oceánica
Composta por basalto, forma as concas oceánicas e encóntrase cuberta por auga.
Relevos Característicos da Codia Oceánica
- Chairas abisais: Extensísimas chairas submarinas cunha profundidade media de 4500 m.
- Dorsais oceánicas: Aliñacións de volcáns cunha intensa actividade volcánica fisural.
- Relevos volcánicos illados: Volcáns illados resultado dunha actividade volcánica concreta.
- Fosas oceánicas: Regos alongados nos que se alcanzan enormes profundidades; son zonas de intensa actividade sísmica.
- Arcos de illas: Cordilleiras volcánicas que emerxen do mar e forman arquipélagos; a súa actividade volcánica relaciónase co afundimento da codia que se produce nas fosas.
Codia Continental
Constituída por granito e rochas metamórficas, é máis grosa e menos densa ca a oceánica.
Relevos Característicos da Codia Continental
- Penechairas: Extensas chairas resultado da erosión producida polos axentes xeolóxicos.
- Cordilleira: Aliñacións de montañas formadas por pregamento de materiais.
- Rifts: Depresións alongadas formadas pola rotura, distensión e afundimento da codia continental ao longo de grandes fracturas.
- Plataformas continentais: Parte da codia continental cuberta polo mar.
- Noiros continentais: Representan os bordos dos continentes e abranguen as zonas en pendente situadas entre a plataforma continental e a codia oceánica.
Meteorización: A Disgregación das Rochas
A meteorización é a disgregación das rochas. Prodúcese de varias formas:
Meteorización Mecánica
Consiste na rotura das rochas debido a tensións que poden orixinarse por distintos procesos:
- Xelifracción: É a acción de cuña que realiza a auga ao conxelarse e ao aumentar de volume dentro das fendas das rochas.
- Termoclastia: É a rotura das rochas expostas a unha intensa insolación, debido a que quecen e se dilatan máis no exterior ca no interior.
- Descompresión: É a expansión e o agretamento que se produce en rochas que se formaron a gran profundidade, como o granito.
Meteorización Química
Consiste na disgregación das rochas debido á alteración química dos seus minerais. Pode ocorrer por:
- Oxidación: O osíxeno do aire, ou o que hai disolto na auga, reacciona con algúns minerais, como a mica.
- Disolución: Afecta os minerais que se disolven na auga, como carbonatos e cloruros.
- Carbonatación: É a reacción que se produce nalgúns minerais, como a calcita, ao entrar en contacto con auga que leva CO2 en disolución.
- Hidrólise: É a alteración dos minerais ao reaccionar cos ións H+ e OH- da auga.
Meteorización Biolóxica
Consiste na rotura ou alteración química das rochas debido á acción dos seres vivos.
Erosión: Modelaxe e Transporte
Os axentes xeolóxicos erosionan o relevo e producen varios efectos sobre a superficie terrestre:
- Evacuación de detritos: Que son os fragmentos de rocha ou clastos producidos pola meteorización e acumulados ao pé das escarpas.
- Modelaxe de formas características: Durante a erosión, os axentes xeolóxicos tamén poden arrincar clastos das rochas, producindo unhas formas de relevo características.
- Formación de penechairas: Son extensas superficies planas, resultado da erosión producida polos axentes xeolóxicos durante longos períodos.
- Redistribución da masa dos continentes: A erosión, xunto co transporte dos sedimentos e o seu posterior depósito nas concas sedimentarias, redistribúe a masa continental.