A Revolución Industrial: Orixe, Factores Clave e Impacto
Clasificado en Ciencias sociales
Escrito el en gallego con un tamaño de 3,05 KB
A Revolución Industrial: Factores Impulsores
A Revolución Industrial tivo a súa orixe en Gran Bretaña a mediados do século XVIII. Estes factores explican por que Gran Bretaña foi a pioneira e se converteu no primeiro país industrial:
- Un sistema político no que o poder da monarquía estaba limitado polo Parlamento desde o século XVII.
- Un crecemento da poboación que implicou o aumento da demanda de produtos e a dispoñibilidade de man de obra para as novas fábricas.
- Abundancia de recursos e materias primas como o carbón.
- Facilidade de transporte a través de ríos e canles.
- A posesión dun imperio colonial que permitiu un doado acceso ás novas materias primas e xerou un gran mercado para exportar a produción industrial.
Revolucións Paralelas da Industrialización
A Revolución Industrial foi posible grazas ao desenvolvemento dunha serie de cambios que, interconectados entre si, provocaron unha gran transformación no sistema económico. O elemento común de todos eles foi a innovación, que produciu unha serie de revolucións paralelas:
- Unha revolución agrícola que aumentou a cantidade de alimentos.
- Unha revolución demográfica que incrementou a poboación.
- Unha revolución tecnolóxica que puxo ao servizo da industria novas máquinas e fontes de enerxía.
- Unha revolución no transporte e no comercio que permitiu vender a produción a mercados afastados e extensos.
- Unha revolución nas finanzas que achegou novos sistemas para financiar as empresas e facilitar os pagamentos.
O Sistema Fabril de Produción
O sistema fabril caracterizouse por varios elementos clave:
Mecanización
Consiste no uso de máquinas que substitúen parcialmente o traballo humano para a produción de bens. Substituíu as tarefas manuais e a tracción animal polas máquinas, tanto para a fabricación industrial como para o transporte de mercadorías e pasaxeiros (ferrocarril).
Fontes de Enerxía
As fontes de enerxía anteriores á revolución procedían fundamentalmente da forza humana ou animal, do vento e da auga. A primeira innovación foi o perfeccionamento da roda hidráulica para mover as máquinas da industria téxtil. A segunda foi a utilización do carbón grazas á máquina de vapor de Watt.
O Sistema Fabril
A mecanización, o uso de grandes instalacións para as novas fontes de enerxía e o interese dun maior control sobre a man de obra provocaron a concentración de traballadores e traballadoras en edificios destinados á produción (fábricas). Esta maneira de producir coñécese como sistema fabril e implicou a produción en serie e un notable aumento da produtividade. A xeneralización do sistema fabril implicou a ruína de moitos artesáns e a fin da produción realizada manualmente de forma artesanal. Con iso, os gremios que controlaban a produción desde a Idade Media foron desaparecendo.