Saúde e enfermidades: tipos e prevención
Que é a saúde?
Segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS), "a saúde é un estado de completo benestar físico, mental e social, e non só a ausencia de afeccións ou enfermidades".
Factores de risco para a saúde
Os factores de risco poden ser:
- Non modificables: herdanza xenética, idade e sexo.
- Modificables: dependen do comportamento das persoas, como os hábitos alimentarios e hixiénicos, os comportamentos de risco e os factores ambientais nocivos.
Clasificación das enfermidades segundo a súa orixe
Enfermidades infecciosas
- Causadas por microorganismos patóxenos (virus, bacterias, fungos ou protozoos).
- Poden ser transmisibles ou contaxiosas.
Enfermidades non infecciosas
- Non son causadas por microorganismos.
- Non son transmisibles.
- Exemplos: enfermidades hereditarias ou xenéticas, mentais, específicas de órganos e sistemas, autoinmunes ou causadas por accidentes.
Axentes patóxenos
Os microorganismos patóxenos que causan enfermidades infecciosas en seres vivos susceptibles (hóspedes) son: virus, bacterias, protozoos e fungos.
Clasificación das enfermidades segundo a súa rapidez e duración
Agudas
- Maniféstanse rapidamente.
- Son de curta duración.
- Exemplos: catarros, gripe, gastroenterite.
Crónicas
- Desenvólvense con lentitude.
- Duran moito tempo, en ocasións toda a vida.
- Exemplos: artrite, diabetes mellitus.
Clasificación das enfermidades segundo a súa distribución
Esporádicas
- Só se producen algúns casos na poboación.
- Exemplo: derrames cerebrais.
Endémicas
- Exclusivas ou habituais dunha rexión concreta.
- Exemplos: paludismo en zonas tropicais, tuberculose en Galicia.
Epidémicas
- Enfermidades infecciosas que atacan a un gran número de persoas nun período curto de tempo.
- Se afecta a moitos países ou a todo o planeta, denomínase pandemia.
- Exemplos: peste, gripe, SIDA.
Vías de transmisión dos axentes patóxenos
As vías de transmisión dos axentes patóxenos (que poñen en contacto ao patóxeno co hóspede) son:
- Contacto directo (tétano, ETS).
- Vectores de transmisión (malaria, peste).
- Auga ou alimentos (cólera, salmonelose).
- Aire (gripe, catarro, tuberculose).
Etapas da enfermidade infecciosa
- Período de incubación: entre o comezo da infección e a aparición dos primeiros síntomas.
- Período prodromal: o corpo comeza a reaccionar ao patóxeno. Aparecen signos xerais inespecíficos (malestar, febre, dor de cabeza...) pero aínda non se manifestan os síntomas característicos da enfermidade. A enfermidade é, neste período, altamente contaxiosa.
- Período clínico: aparecen os síntomas característicos da enfermidade. A reacción do organismo ao patóxeno é aparente.
- Período de convalecencia: os síntomas da enfermidade comezan a desaparecer. O organismo elimina ao patóxeno e repáranse os deterioros sufridos.
Reservorio e fonte de infección
- Reservorio: hábitat natural dun axente infeccioso, no que se multiplica e perpetúa.
- Fonte de infección: hábitat ocasional a partir do que o microorganismo patóxeno pasa ao hóspede.
Nalgúns casos o reservorio é tamén a fonte de infección, como no sarampelo, no que as persoas son reservorios e fontes; mentres que noutros casos ambos os factores son distintos, como na peste, na que o reservorio son as ratas e a fonte de infección as pulgas.
Defensas contra a infección
Defensas externas
Barreiras naturais:
- Pel e mucosas intactas.
- Secrecións ácidas (zumes dixestivos, secrecións vaxinais).
- Saliva, bágoas.
- Flora intestinal.
Defensas internas
- Inespecíficas: fagocitose e inflamación.
- Específicas: ataque de linfocitos e anticorpos.
Inmunidade
A inmunidade é a resistencia do organismo fronte á infección causada por patóxenos ou substancias estrañas. Hai dous tipos de inmunidade:
- Inmunidade innata ou inespecífica.
- Inmunidade adquirida ou específica.
Memoria inmunolóxica
Unha característica da resposta inmune específica é a memoria inmunolóxica, que consiste na capacidade do sistema inmune de xerar unha resposta maior, máis rápida e máis duradeira ao contactar de novo co mesmo antíxeno. Isto débese a que en cada contacto cun antíxeno, os linfocitos deixan unha descendencia de linfocitos de memoria que se activan rapidamente no seguinte contacto co mesmo antíxeno.
Inmunidade adquirida
Pode ser:
- Natural ou artificial.
- Pasiva ou activa.
Inmunización artificial
Conséguese mediante a utilización de vacinas e soros.
- Vacinas: preparacións inocuas dun axente infeccioso ou dalgún compoñente ou produto tóxico seu tal que, ao ser administradas ao organismo, non causan a enfermidade nin danos, pero inducen nel unha resposta inmune primaria.
- Soros: preparados que conteñen anticorpos específicos contra o axente causante dunha enfermidade e producen a curación desta enfermidade ao ser inoculados no organismo enfermo.