Séculos Escuros: Historia da Lingua Galega (XV-XVIII)
Clasificado en Lengua y literatura
Escrito el en gallego con un tamaño de 3,54 KB
Os Séculos Escuros (XV-XVIII)
Coñecemos co nome de Séculos Escuros o período abranguido entre os séculos XV e XVIII, que se caracteriza pola case ausencia total de literatura escrita en galego.
A lingua galega nos Séculos Escuros
O español converteuse na lingua da cultura e da administración, mentres que o galego foi relegado á consideración de lingua oral e rural. Até o século XIX non houbo signos evidentes de recuperación.
Producíronse no galego grandes cambios fonéticos e morfosintácticos:
- Gheada.
- Perda dos correlatos sonoros do «s» e o «x».
- Imposición do artigo precedendo ao posesivo.
- Desaparición das formas átonas do posesivo feminino, etc.
Manifestacións literarias e culturais
- Vilancico de Nadal: Dende o século XVII ao XIX a Panxoliña de Nadal galega difundiuse por toda a Península en composicións nas que se produce a galeguización do misterio do Nadal.
- Poesía anónima tradicional e composicións de circunstancias: Nesta época, sen dúbida, existiron toda unha serie de cantigas anónimas de carácter tradicional e transmisión oral, herdeiras das cantigas medievais, que van ser a orixe da nosa tradición oral. Temas como o saqueo de Cangas polos turcos ou a execución do Mariscal Pedro Pardo de Cela.
- A poesía culta: Da poesía renacentista só conservamos un soneto de Isabel de Castro e Andrade, Condesa de Altamira, dedicado ao poeta Alonso de Ercilla. Da poesía barroca xa conservamos máis mostras.
- Teatro: A primeira peza dramática que conservamos é o Entremés famoso sobre a pesca no río Miño (1671).
- O século XVIII: O século XVIII merece un estudo especial xa que neste período van xurdir unha serie de intelectuais que, rompendo coa despreocupación anterior, se van interesar pola situación do galego reivindicando a súa consideración como lingua irmá do castelán: Padre Feijoo (1676-1764), Padre Sarmiento (1695-1772), Cura de Fruíme, Diego de Cernadas e Castro (1698-1777).
Contexto histórico: A transición á Idade Moderna
A transición da Idade Media á Idade Moderna foi especialmente traumática en Galicia. A nobreza galega apoiou a Xoana a Beltranexa na guerra civil contra Isabel a Católica (tras a morte de Henrique IV de Trastámara, 1474). A vitoria de Isabel a Católica sinala o comezo dos Séculos Escuros, como consecuencia da represión e o esquecemento a que foi sometido o Reino de Galicia.
Poucos anos antes, a sociedade galega fora moi castigada pola Gran Guerra Irmandiña (1467-1469), onde os nobres galegos víronse na obriga de fuxir das súas terras debido ao empuxe do campesiñado, que chegou a derrubar un gran número de castelos coa esperanza de conseguir melloras. Porén, os nobres seguiron a exercer un poder omnímodo. En 1483, o Mariscal Pedro Pardo de Cela, o último nobre galego, foi degolado na praza da catedral de Mondoñedo, traizoado por servos ao servizo de Isabel a Católica. Conta a lenda que a muller do Mariscal, co perdón real, foi entretida na Ponte do Pasatempo por servos do bispo de Mondoñedo. O perdón non chegou a tempo. Coa súa morte, desaparecía o último reduto de nobreza galega e Galiza perdía autonomía en favor da nobreza foránea e de órganos administrativos alleos a ela.