O Solo: Formación, Composición e Tipos

Clasificado en Geología

Escrito el en gallego con un tamaño de 5,03 KB

Interfaces nos Sistemas Naturais

As interfaces son zonas que limitan dous ou máis sistemas naturais. Distinguimos dous tipos de interfaces:

  • O solo: a parte máis superficial dos continentes. Orixínase debido á interacción entre os sistemas hidrosfera, atmosfera, xeosfera e biosfera. A principal propiedade do solo é a de constituír o soporte para a vexetación, á que lle subministra auga e nutrientes.
  • O litoral: a zona de contacto entre os continentes e os océanos. Na súa formación interveñen a xeosfera e a hidrosfera, aínda que tamén interactúan a atmosfera e a biosfera.

O Solo

É a capa superficial da codia terrestre, de grosor variable, que procede da alteración de rochas preexistentes, e sobre a que se desenvolve a cuberta vexetal.

A Edafoloxía ou Pedoloxía é a disciplina da xeoloxía que estuda o solo, a súa constitución e as súas propiedades.

Composición do Solo

Podemos distinguir tres grandes tipos de compoñentes, aproximadamente nesta proporción:

  • 50% de materia sólida
  • 25% de auga
  • 25% de gases

Materia Sólida

Está constituída por materia inorgánica e orgánica.

A materia inorgánica representa o 45% da composición do solo e está constituída por rochas e minerais meteorizados. Estas partículas clasifícanse de maior a menor tamaño en:

  • Gravas
  • Areas
  • Limos
  • Arxilas

A materia orgánica constitúe o 5% da composición do solo. Procede dos seres vivos que habitan no solo ou na superficie deste, principalmente dos vexetais. Existen dous tipos de transformacións:

  • Mineralización: a materia orgánica que se descompón con maior facilidade transfórmase rapidamente en materia inorgánica.
  • Humificación: o resto da materia orgánica, composta por substancias máis complexas (como a celulosa), ten un proceso que a converte en humus. O humus está formado por substancias orgánicas sinxelas que lle dan á superficie do solo unha cor escura.

O espazo poroso é o espazo intersticial entre as partículas sólidas, que pode estar ocupado por aire ou por unha disolución acuosa.

Auga

Provén principalmente das precipitacións e, cando estas son moi abundantes, os sales do solo son arrastrados a maior profundidade. Este proceso recibe o nome de lixiviación.

Aire

O aire contido no solo procede da capa atmosférica que está en contacto con el.

Formación do Solo

Para chegar a ter as características descritas, o solo ten que pasar por un longo proceso de formación e evolución, que se inicia sobre unha extensión rochosa da superficie terrestre, denominada rocha nai. Este proceso leva a cabo durante anos, ata que o solo chega ao seu máximo desenvolvemento, que se caracteriza porque aparece un conxunto de horizontes ou capas diferentes que forman o perfil do solo:

  • Horizonte O: É a capa máis superficial, composto por follaxe e restos vexetais.
  • Horizonte A: Tamén recibe o nome de horizonte de lavado. Predomina a materia orgánica, polo que é rico en humus e adoita ser de cor escura.
  • Horizonte B: Tamén se denomina horizonte de acumulación. Está constituído por material das dúas capas nas que se encontra, e é de cor máis claro que o horizonte A.
  • Horizonte C: Tamén recibe o nome de horizonte de transición. É a capa máis profunda e está formada por fragmentos de rocha nai de distinto grosor.

Tipos de Solo

Pódense distinguir varios tipos:

  • Solo autóctono: Todo o que o forma procede da meteorización da rocha nai.
  • Solo alóctono: Formados por materiais erosionados nunha zona e transportados a outra, onde se sedimentan e forman un solo.
  • Solos aluviais: Formados por materiais transportados pola auga superficial.
  • Solos de loess: Constituídos por finas partículas que foron transportadas polo vento.
  • Solos antrópicos: Creados artificialmente polo home.

Factores na Formación do Solo

Factores que interveñen na formación dun solo:

  • Condicións atmosféricas: As principais condicións son as precipitacións e a temperatura.
  • Constitución da rocha nai: Segundo o tipo de rocha nai, o solo terá distintas características e diferentes procesos de formación.
  • Relevo: A velocidade de formación dun solo está condicionada polas diferenzas de nivel do terreo.
  • Seres vivos: Os vexetais son protagonistas claros da formación dun solo.
  • Tempo: Canto máis tempo de formación ten un solo, este é máis duro, ten maior grosor e os seus horizontes están mellor diferenciados.

Entradas relacionadas: