A Teoría das Ideas de Platón: Concepto, Evolución e Crítica
Clasificado en Filosofía y ética
Escrito el en gallego con un tamaño de 2,83 KB
Platón: A Teoría das Ideas
A teoría das ideas desenvólvese no dualismo ontolóxico no que se contrapoñen o mundo sensible e o mundo intelixible, como ámbitos da realidade contrapostos. A concepción platónica da realidade desenvólvese na teoría das ideas.
Evolución da Teoría das Ideas
Analizando dita teoría, poderiamos dicir que precisou unha longa evolución, dado que o autor a foi desenvolvendo ao longo da súa vida. Comezou nos diálogos de transición, onde presenta as ideas nun sentido lóxico, como concepto xeral ou definición universal das causas que nos permiten coñecelas cientificamente.
Nos diálogos de madurez, as ideas preséntanse nun sentido ontolóxico, tendo como principal suposto unha duplicación da realidade en dous ámbitos distintos:
- O mundo sensible: o mundo das aparencias e dos fenómenos cambiantes (natureza).
- O mundo intelixible: o mundo das ideas.
Estas ideas posúen unha existencia real independente do pensamento humano e están separadas das cousas. Caracterízanse por ser eternas, inmutables, universais e intelixibles.
Xerarquía e Organización das Ideas
As ideas subsisten nun lugar celeste, que están en continuo movemento circular e de acordo cunha xerarquía ontolóxica, dende as máis universais ás máis próximas ao mundo sensible.
Estas organízanse da seguinte maneira:
- A Idea do Ben (a máis elevada).
- As ideas de Xustiza, Beleza e Ser.
- As ideas matemáticas.
- As ideas abstractas.
- As ideas dos seres sensibles e cambiantes (home, lume...).
Función das Ideas
As ideas son a causa que explica a multiplicidade dos seres do mundo sensible. As realidades do mundo sensible participan en diversos graos de perfección ontolóxica das ideas. Ademais, as ideas están presentes e maniféstanse en todos os seres como a súa esencia, é dicir, aquilo no que realmente consisten.
As cousas aspiran a realizar o seu ideal, a realización material da súa idea. Así, todos os seres tenden por natureza ao cumprimento da súa esencia, como realización do seu ben particular e como consecución do seu fin último. Polo tanto, as ideas son tamén as causas finais das cousas.
Crítica á Teoría das Ideas
Finalmente, Platón remata coa súa teoría das ideas nos diálogos críticos, onde o autor cuestiona abertamente a teoría das ideas polas dificultades que presenta. Por un lado, critica a existencia de ideas de todos os seres sensibles e, por outro, arguméntase que as ideas son incognoscibles para o home, posto que o pensamento limitado e mundano non pode penetrar nas esencias absolutas dun mundo ideal e eterno.