Teoría da interacción social de Vygotsky: Unha análise da adquisición da linguaxe
Clasificado en Psicología y Sociología
Escrito el en gallego con un tamaño de 2,64 KB
Teoría da interacción social de Lev Vygotsky
Unha análise da adquisición da linguaxe
Lev Vygotsky, na súa teoría da interacción social, discute a postura de Piaget argumentando que, antes das etiquetas e da experiencia socio-motora, o esencial para a base cognitiva mínima é a interacción social. Parte da premisa de que existe unha disposición comunicativa que se adestra na conversación. Os estímulos conversacionais son imprescindibles, e o neno non adquiriría a lingua se o sentamos fronte á televisión, xa que para el iso non son estímulos verbais comunicativos.
Dende a vida intrauterina, o neno é capaz de distinguir voces máis graves ou máis agudas. Dende ese momento, ata aproximadamente os 9 meses (antes de comezar a etapa lingüística), pode discriminar as voces do pai e da nai. De feito, con só 8 horas de vida, xa é capaz de distinguilas. Durante os dous primeiros meses de vida, o neno é como un animal, e os seus pais resólvenlle os problemas fisiolóxicos. É importante mencionar que é necesario pasar por un proceso de adaptación mutua, tanto por parte dos pais como do neno.
Etapas do desenvolvemento
A segunda etapa vai dende o segundo ao quinto mes. O neno adquire máis control visual do contorno e certa concentración na atención visual; entón, reciprocamente, o adulto devólvelle miradas longas. Chámanlle a atención os contornos e os rostros humanos (seguramente por unha predisposición xenética para recoñecer seres humanos da mesma especie). A sincronización visual nai/fillo é a base da sincronización conversacional. Tamén se dá unha atención conxunta a un mesmo obxecto.
A terceira etapa vai dende o quinto/sexto mes ao oitavo mes. O neno analiza os constituíntes do rostro, mostrando unha capacidade analítica incipiente. Interésase polos obxectos e comeza a ampliarse a súa capacidade manipulativa. O adulto comeza a ensinarlle xogos.
A cuarta fase, e a máis importante, vai dende o oitavo/noveno mes aos 18 meses. Neste período, o neno alcanza un nivel cognitivo e neurolóxico considerable. Aparecen os protodiálogos (respóndelle con vocalizacións) e préstalle máis atención ás persoas. Vaise establecendo o sistema de turnos, aínda que a nai, xa dende as primeiras semanas, intuitivamente pon en práctica este sistema.
Adquisición da linguaxe e roles sociais
A adquisición da lingua está relacionada coa adquisición de roles sociais: a gramática e o léxico adquírense en medida que o neno adquire comportamentos no mundo social. A transmisión dos roles de xénero tamén se manifesta nas diferenzas entre o estilo materno e o paterno.