A Teoría Política Liberal de John Locke: Pacto, Dereitos e Estado

Clasificado en Filosofía y ética

Escrito el en gallego con un tamaño de 3,18 KB

UN PACTO LIBERAL: A Teoría Política de Locke

A teoría política de Locke atópase, por unha banda, moi próxima á de Hobbes, pero, pola outra, nos antípodas do absolutismo deste. Para Locke, a orixe e a lexitimación do Estado tamén son froito dun pacto entre os individuos que forman a sociedade. De feito, a convivencia en sociedade non se entende se non hai un consentimento por parte dos seus membros. Agora ben, este contrato, mediante o que se lexitima o Estado, non comporta a renuncia ós dereitos persoais nin a xustificación do absolutismo.

Coa súa teoría do contrato, Locke pretende precisamente xustificar a lexitimidade de dereitos persoais, como o dereito á subsistencia ou o dereito á propiedade privada. Dito doutra maneira, segundo Locke, a submisión ó poder político en ningún caso pode significar unha renuncia ós dereitos individuais. O Estado, desde unha perspectiva liberal, subordínase ós intereses individuais.

O ESTADO DE NATUREZA

A concepción do estado de natureza de Locke apártase significativamente da idea de guerra constante que tiña Hobbes. Para Locke, neste estado, ademais de gozar de liberdade e de igualdade, os homes posúen dereitos naturais (téñense polo simple feito de pertencer á especie humana, aínda que non se viva en sociedade): dereito á subsistencia, dereito á propiedade, á saúde, á integridade... Agora ben, ter dereito a todo isto non quere dicir que na realidade todos estes dereitos se respecten, e máis se temos en conta que, no estado de natureza, non hai ningunha forza que teña suficiente poder como para obrigar a que se cumpran.

O PACTO

Coa intención de asegurar o cumprimento destes dereitos, os homes libres pactan a súa incorporación á sociedade e a creación da autoridade. Segundo Locke, cando os homes se deciden a constituír a sociedade, non renuncian ós seus dereitos transferíndollos ó soberano; en realidade, o que fan é, precisamente, outorgarlles ós gobernantes o poder necesario para que os protexan.

O ESTADO LIBERAL

Deste pacto, pois, xorde o Estado, pero, ó contrario do que sucedía segundo Hobbes, o poder do Estado non pasa a ser absoluto, senón representativo. Noutras palabras, os gobernantes están ó servicio dos individuos, xa que estes renuncian a unha parte da súa liberdade para que a autoridade protexa os seus dereitos. No caso de que o soberano non cumpra esta función, o pobo ten dereito á insurrección e á anulación do pacto.

A División de Poderes

A diferenza máis evidente entre a formulación política de Hobbes e a de Locke é que en Hobbes a teoría do contrato social serve para lexitimar o absolutismo político, mentres que no segundo o contractualismo é unha defensa do liberalismo e un ataque frontal e explícito ó autoritarismo real. Un dos puntos clave para evitar o absolutismo real é, segundo Locke, a división de poderes. O poder non pode concentrarse nunhas únicas mans, porque este será o camiño máis rápido para o abuso e a corrupción. Locke sostén que en calquera sistema político poden distinguirse, e de feito teñen que distinguirse, tres tipos de poder: lexislativo, executivo e federativo.

Entradas relacionadas: