Teorías do Desenvolvemento na Educación: Vygotski, Piaget e Bandura
Clasificado en Química
Escrito el en
gallego con un tamaño de 4,09 KB
Teorías do Desenvolvemento e a Educación: Vygotski, Piaget e Bandura
Vygotski: O Desenvolvemento como Proceso Sociocultural Mediado
Segundo Vygotski, na educación hai que partir desde onde o neno/a se atopa para chegar así a novos niveis. O desenvolvemento é un proceso social e cultural mediado, e a función da educación consiste en realizar a labor de mediación entre o individuo e o grupo social. Isto é aplicable a calquera situación educativa.
Interaccións e Condicións para a Educación Promotora do Desenvolvemento
As interaccións crean desenvolvemento, promoven evolución e cambios nas persoas. Aínda que non toda a educación é promotora do desenvolvemento, debe cumprir as seguintes condicións:
- A criatura debe ter un certo nivel de madurez.
- Partir do que o suxeito sabe e levalo máis alá.
- Continuidade nas interaccións.
- É necesario que a criatura estea motivada, que teña interese, que se sinta cómoda e confiada.
A Metáfora da Andamiaxe (Scaffolding)
A metáfora da andamiaxe subliña a importancia da educación como promotora do desenvolvemento e as súas limitacións. O neno/a non debe ser pasivo neste proceso; debe haber unha construción conxunta coa persoa adulta cunha dinámica interna propia, seguindo un calendario madurativo que condiciona os resultados, abrindo posibilidades e imposibilidades a priori. O desenvolvemento debe ser entendido como un proceso no que se relacionan forzas internas e externas.
Piaget: A Construción Activa a través da Interacción co Obxecto
Para Piaget, a interacción social para un bo desenvolvemento é necesaria, pero tamén se precisa da relación cos obxectos e os materiais do seu contorno. Por exemplo, se unha criatura atopa unha pelota debaixo dunha mesa, constrúe a noción de que os obxectos existen aínda que nós non os vexamos (noción de obxecto permanente); cando xogan con bonecas de distintos tamaños, adquiren a noción de correspondencia, orde, etc.
Ademais, a relación criatura-obxectos resulta construtiva e promotora do desenvolvemento: segundo a teoría evolutiva de Piaget, o desenvolvemento é coñecido como unha construción activa, lograda como resultado da experiencia obxecto-contorno.
Síntese das Perspectivas: Complementariedade Educativa
Ambas perspectivas non subliñan que unha sexa máis importante ca outra como fonte de aprendizaxe e desenvolvemento. Aínda que conteñan o pensamento dos seus autores, non deben ser consideradas contraditorias desde o punto de vista educativo. A educadora, para fomentar o desenvolvemento, debe mover dous planos:
- Construción de significados compartidos a través da interacción social conxunta sobre o contido da aprendizaxe.
- Construción de significados a través da interacción directa dos nenos/as co contido.
Bandura: Aprendizaxe por Observación e Imitación
Bandura considera importantes as interaccións sociais e a exploración de obxectos, pero para el é máis importante a aprendizaxe por observación e imitación. As persoas aprendemos mediante as consecuencias, pero temos gran capacidade de aprender vendo a outras persoas. A aprendizaxe a través de modelos sérvenos para resaltar as diversidades de vías polas que ocorre a aprendizaxe e a importancia que o medio humano e social ten na determinación do desenvolvemento.
O Papel da Educación no Desenvolvemento
Desde este punto de vista, considérase que o desenvolvemento é tarefa da educación. Para que a educación estimule e promova isto, a persoa educadora debe coñecer previamente o proceso evolutivo, as súas leis e os principios xerais. Isto aportaralle:
- Que desenvolvementos son posibles en cada momento en función do nivel madurativo e dos contidos que se deben tratar.
- Que novas aprendizaxes son susceptibles de promover o desenvolvemento, e como impulsalos para que a educación se transforme nun desenvolvemento efectivo.