Transformacións agrarias, artesanía e comercio no Antigo Réxime e século XVIII
Clasificado en Ciencias sociales
Escrito el en gallego con un tamaño de 2,78 KB
As transformacións agrarias
No Antigo Réxime a maior parte da poboación traballaba no campo, principalmente no cultivo de cereais, que nesta época constituían a base fundamental da alimentación.
As técnicas agrarias empregadas eran rudimentarias. Basicamente, consistían na rotación bienal ou trienal, deixando cada ano en barbeito a metade ou un terzo da terra. Por iso, os rendementos eran baixos.
Ademais, a maioría das terras eran señoríos en mans da nobreza e o clero, que lles cobraban numerosos impostos ou dereitos señoriais aos seus habitantes.
No século XVIII, a agricultura progresou. Así, difundíronse novos cultivos procedentes de América (millo, pataca...), que diversificaron a alimentación.
E implantáronse melloras técnicas nalgúns países, como as Provincias Unidas e Gran Bretaña, que ao substituír o barbeito pola rotación continua de cultivos aumentaron os rendementos.
O réxime señorial, non obstante, mantívose.
Os cambios na artesanía
No Antigo Réxime, a produción artesanal era escasa e centrábase nos sectores téxtil e do metal. O traballo realizábase en talleres urbanos, controlados polos gremios.
No século XVIII, a produción artesanal creceu debido, especialmente, ao aumento da poboación e da demanda.
Ademais, desenvolvéronse novas formas de produción co fin de evitar o control dos gremios. Estas novas formas foron o traballo a domicilio e as manufacturas,
- O traballo a domicilio levábano a cabo os campesiños no seu propio fogar, por encarga dun empresario. Este pagáballes un salario, proporcionáballes as materias primas e as ferramentas, e encargábase de comercializar o produto.
- As manufacturas eran grandes talleres especializados, onde numerosos artesáns traballaban a soldo para o Estado ou para particulares fabricando artigos de luxo.
Os cambios no comercio
No Antigo Réxime, o comercio interior realizábase en carros ou dilixencias a través de malos camiños, e celebrábase en mercados urbanos semanais, nos cales se cambiaban produtos agrarios da contorna por produtos artesanais. O comercio exterior, pola súa banda, centrouse nas grandes cidades portuarias, sobre todo desde os descubrimentos xeográficos e o establecemento de colonias en África, Asia e América.
No século XVIII, o comercio interior progresou coa mellora dos camiños, a construción de canles navegables e o aumento da produción agraria e artesanal. No exterior, as colonias proporcionaban metais preciosos e produtos de plantación (algodón, café, té, cacao, azucre), e demandaban manufacturas e escravos africanos. Os grandes beneficios obtidos impulsaron o capitalismo comercial, o crédito, as compañías comerciais, os bancos e as bolsas.