Turismo en España: Evolución e Estratexias

Clasificado en Geografía

Escrito el en gallego con un tamaño de 3,58 KB

O Turismo

O turismo é a actividade que leva implícito un cambio temporal de residencia por motivos de lecer.

España é unha das grandes potencias turísticas mundiais, tanto polo volume de visitantes como polos ingresos obtidos por esta actividade. O auxe turístico español iniciouse nos anos sesenta e foi motivado por:

  • O crecemento económico de Europa trala Segunda Guerra Mundial (incremento do poder adquisitivo da clase media, vacacións pagadas para os traballadores, etc.)
  • O progreso dos transportes (xeralización do automóbil; mellora das redes viaria, ferroviaria e aérea; abaratamento dos prezos...).
  • A variada oferta española: condicións climáticas, recursos naturais, gastronomía, folclore, monumentos...
  • O baixo custo (cambio favorable da moeda estranxeira fronte á peseta).
O apoio estatal prestado a esta actividade

O apoio estatal foi clave, convertendo o turismo nunha fonte esencial de ingresos para financiar a industrialización e equilibrar a balanza comercial española.

Aparición de grandes complexos hoteleiros

Tamén foi importante a aparición de grandes complexos hoteleiros e de axencias de viaxes.

O modelo turístico tradicional español tense caracterizado por unha oferta abundante, dirixida a unha clientela masiva, de poder adquisitivo medio ou medio baixo, aloxada maioritariamente en hoteis ou apartamentos de categoría intermedia e en zonas de sol e praia. Tamén é característica a dependencia do sector respecto a tour-operadores internacionais, polo que boa parte do gasto total dos turistas queda fóra de España.

  • A demanda internacional creceu dende finais da década de 1950. O turismo estranxeiro procede maioritariamente do occidente e do norte de Europa; acode na época estival e diríxese principalmente ás zonas de Baleares, Canarias e Cataluña, seguidas de Andalucía e a Comunidade Valenciana, atraído principalmente polo clima e as praias destas rexións, ocupando a maioría das prazas hoteleiras.
  • A demanda interna española tamén medrou dende 1960, a medida que aumentaba o nivel de vida do país. En xeral, o turismo español procede das zonas máis industrializadas, non se limita á época estival e, aínda que elixe como destinos preferentes as comunidades do litoral mediterráneo, espállase por toda a xeografía española, ocupando a maioría da oferta extrahoteleira (cámpings, albergues, segundas residencias...).

Este modelo tradicional entrou en crise a partir dos anos 90 debido, entre outras, ás seguintes causas:

  • A excesiva estacionalidade da demanda
  • O descenso do nivel económico medio dos turistas
  • A rixidez da oferta
  • A suba dos prezos sen unha mellora equivalente da calidade
  • O deterioro ambiental e as alteracións paisaxísticas dalgunhas zonas turísticas
  • A competencia doutros países mediterráneos e do leste de Europa.

Para superar estes problemas, a política turística actual pretende:

  • Potenciar o turismo de calidade (de alto poder adquisitivo), modernizando as instalacións e infraestruturas, mellorando a cualificación profesional, coidando o medio ambiente, rexenerando espazos degradados, revitalizando as cidades históricas, etc.
  • Ampliar a oferta, fomentando novas modalidades de turismo: deportivo, rural, ecoturismo, para a terceira idade...
  • Diminuír a dependencia do exterior mediante a creación de tour-operadores españois.

Entradas relacionadas: