As vangardas en Europa e a poesía de Álvaro Cunqueiro
Clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en
gallego con un tamaño de 2,34 KB
O xurdimento das vangardas en Europa
Nos anos posteriores á Primeira Guerra Mundial produciuse en Europa unha fonda ruptura en todas as artes: literatura, pintura e arquitectura. Esa ruptura significou o nacemento da arte contemporánea.
París foi o principal foco de irradiación dunha serie de movementos que se coñecen co nome xenérico de ismos: o surrealismo, o cubismo, o dadaísmo... que inflúen sobre todo na pintura e na poesía.
Estes movementos xeraron outros semellantes nas literaturas ibéricas e sudamericanas. A Xeración do 25 (Manuel Antonio e Álvaro Cunqueiro, sobre todo) foi a que creou un movemento equivalente na cultura galega.
A poesía propugnada por estas correntes baséase na:
- Acumulación de imaxes xustapostas.
- Perda de importancia da rima e o ritmo tradicional.
- Disposición gráfica como elemento esencial no poema.
A poesía de Álvaro Cunqueiro
No ano 1981 morría Álvaro Cunqueiro, un dos máis grandes escritores da literatura galega de tódolos tempos. Este autor, que destacaría tamén na narrativa, comezara o seu labor literario no eido da poesía, nos anos anteriores á Guerra Civil.
Cunqueiro naceu en Mondoñedo no ano 1911. Estudou en Lugo e Santiago, onde asistiu ás tertulias literarias e artísticas, entrando en contacto con outros escritores da súa xeración (Fole, Pimentel, Seoane...). Cando nace o Partido Galeguista vencéllase a el, movido sobre todo polo seu amor á lingua e á cultura galegas.
Escribe poesía, colaborando en diversas revistas. El mesmo fundará unha, Papel de Color.
Os seus primeiros libros, Mar ao norde e Poemas do si e do non, están moi influídos polo surrealismo. Nos seus libros seguintes, Cantiga nova que se chama ribeira e Dona do corpo delgado, participa da corrente neotrobadorista que inaugurara Bouza-Brey. O neotrobadorismo caracterízase por imitar as formas e os ritmos das cantigas medievais, pero dotándoas duns contidos e dunhas imaxes propias da poesía actual.
Aínda que nunca abandonou a creación poética, despois da guerra adicouse sobre todo á narrativa e ao xornalismo. O seu derradeiro libro de poesía, Herba aquí e acolá, apareceu en 1980.