A Vexetación: Tipos, Dominios e Fraga Atlántica
Clasificado en Geografía
Escrito el en gallego con un tamaño de 3,18 KB
A Vexetación
As Especies Vexetais
Para o estudo da vexetación e a súa distribución espacial, podemos clasificar as especies atendendo á súa orixe:
Especies autóctonas son as orixinarias ou propias dun lugar.
- Especies silvestres son aquelas que se desenvolven de maneira natural, sen intervención humana, acadando unha ampla distribución xeográfica. Un exemplo: a aciñeira.
- Especies endémicas son aquelas que, por diferentes razóns (destrución do hábitat, adaptación a características biotópicas moi específicas, illamento...) só se atopan en áreas reducidas moi concretas. Un exemplo: o drago de Canarias.
Especies alóctonas son especies que non son orixinais dun territorio, senón que foron introducidas polo home ou accidentalmente.
- Especies introducidas son aquelas que o home favoreceu para o seu aproveitamento. Dentro delas están moitos cultivos pero tamén árbores madeireiras, coma o eucalipto.
- Especies ventureiras son especies introducidas hai tempo pero que se adaptaron ao territorio, medrando agora de maneira silvestre, igual que se foran especies autóctonas. Destacan polo seu exotismo as figueiras chumbas.
Especies cosmopolitas son por definición especies que se poden dar en calquera lugar, e que se espallan moitas veces involuntariamente, ao viaxar sementes ou esporas nos medios de transporte, arraigar e prosperar. A maioría das especies de broza ou malas herbas entran dentro desta categoría.
Os Grandes Dominios da Vexetación
Conceptos
Chamamos formacións vexetais clímax a aquelas que representan o máximo desenvolvemento da cobertura vexetal en condicións óptimas (de solo, clima, etc.).
Chamamos formacións secundarias a aquelas que veñen dadas pola degradación da formación clímax, ou por estar en desenvolvemento e non ter acadado aínda ese estadio, ou ben tamén porque as condicións naturais non son as óptimas.
O Dominio Eurosiberiano
Correspóndese esencialmente á área de distribución do clima oceánico.
Formación Clímax: A Aestisilva
A formación clímax é a fraga atlántica, ou aestisilva, un bosque mixto de árbores frondosas e caducifolias, con predominio do carballo (nas zonas cálidas) e a faia (nas áreas frías ou de montaña).
Baixo este bosque medra un sotobosque de teixo, acivro, sobreira, arandeira e buxo, e unha grande cantidade de herbas, fentos e canizas na primavera.
As especies arbóreas das fragas atlánticas caracterízanse por ter follas relativamente pequenas e finas, e por perdelas ao longo do inverno para resistir mellor o frío. Os troncos son rectos e altos, porque no bosque denso as árbores deben competir pola luz. A casca é relativamente delgada e a madeira semidura. Nos bosques conviven unha grande variedade de especies, aínda que predomine unha. Xunto a carballos, castiñeiros ou faias medran bidueiros, abeleiras, olmos, e tamén salgueiros e ameneiros nas ribeiras dos ríos.