Xéneros Menores da Lírica Galego-Portuguesa Medieval

Clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en gallego con un tamaño de 3,87 KB

Xéneros Menores da Lírica Galego-Portuguesa

A Pastorela

Composición que relata o encontro dun cabaleiro cunha pastora nun lugar idílico ou locus amoenus. Este tipo de cantigas adoitan ter unha estrutura semellante:

  • Comezo narrativo: explica o encontro do cabaleiro e a pastora.
  • Establecemento eventual dun diálogo entre eles.
  • Aceptación ou rexeitamento da pastora.

Algúns considérano un xénero híbrido ou contaminado, xa que comparte trazos con outras cantigas:

  • Cos temas e parte do léxico (amigo) das cantigas de amor.
  • Co punto de vista do poeta, parte do léxico e recursos formais das cantigas de amor.
  • Co comezo narrativo e os ocasionais diálogos das cantigas de escarnio e maldicir.

A Tenzón

É unha composición con forma dialogada, elaborada por dous poetas que van defendendo, simetricamente de estrofa en estrofa e de finda en finda, a súa opinión sobre un tema.

O autor da primeira escollía o esquema estrófico, métrico e de rima, seleccionaba o tema, expoñía a súa tese e aproveitaba para aludir ao que sería o seu interlocutor. O autor da segunda debía mostrar o seu dominio da arte de trobar facendo fronte ao desafío presentado. Para isto, retomaba o tema e os trazos formais da primeira cobra e construía a súa réplica.

Temas Comúns na Tenzón

Os temas máis comúns nas tenzóns galego-portuguesas son:

  • Aldraxes aos xograres: critícase a súa aspiración a ser trobadores, a incompetencia profesional, os malos costumes; o outro deféndese.
  • Afirmacións presuntuosas dos trobadores: O primeiro gábase de ser o mellor e o segundo desménteo.
  • Censuras a distintas persoas: critícase a outros trobadores, ás soldadeiras, aos privados do rei, reprócheselle ao rei...

O Pranto

É un tipo de composición galego-portuguesa derivada da forma poética provenzal planh e, en última instancia, da latina planctus. Todas elas son cancións de dor e loanza creadas a raíz da morte dun persoeiro (rei, raíña, un nobre protector do poeta...).

Estrutura do Pranto

É posible establecer unha estrutura común á maior parte dos prantos:

  • Lamento pola morte do persoeiro.
  • Loanza das virtudes do defunto. Para exaltar o persoeiro morto, úsanse apelacións a Deus, hipérboles, maldicións, pregarías...
  • Ocasionalmente, conciso eloxio do sucesor do morto ou oración polo defunto.

Os prantos galego-portugueses conservados son cinco: catro de Pero da Ponte e un do xograr leonés Xoán, con motivo da morte de Don Denís.

A Cantiga de Seguir

É unha composición irónica ou paródica construída, segundo determinadas convencións, a semellanza dunha cantiga doutro poeta.

Tipos de Imitación ou de Seguir

Diferéncianse tres tipos:

  1. Adóptase a melodía e a estrutura silábica dunha cantiga xa existente. É a imitación menos complicada e orixinal.
  2. Séguense os versos, as rimas, a estrutura métrico-estrófica e, polo tanto, a música do modelo.
  3. Úsanse os versos, as rimas, a estrutura métrico-estrófica e mais a maioría das palabras do modelo, pero cun significado diferente.

Relación con Outros Xéneros

Estas cantigas relaciónanse con outros tipos:

  • Coa cantiga de escarnio e maldicir pola temática paródica.
  • Coa tenzón, porque nas dúas se desenvolve unha disputa amigable e pública entre dous poetas.

Nos nosos cancioneiros só aparecen tres composicións declaradas explicitamente como tales, porén hai outros textos que teñen carácter paródico.

Entradas relacionadas: