A Xustiza e o Estado Ideal en Platón: Análise da República

Clasificado en Filosofía y ética

Escrito el en gallego con un tamaño de 2,89 KB

Platón e a Xustiza na República

Este é un fragmento do libro IV da República, obra escrita polo filósofo grego Platón. Nel, Platón expón a súa idea de xustiza, que o levará a describir o modelo ideal de estado.

Contexto Histórico e Filosófico de Platón

Platón foi un autor que viviu entre os séculos V a.C. e IV a.C. en Atenas. Esta foi unha época marcada polo enfrontamento entre as poleis gregas na Guerra do Peloponeso, que culminou coa derrota de Atenas. Platón foi discípulo de Sócrates e del chegáronnos numerosas obras, todas escritas en forma de diálogo.

Platón é especialmente relevante por ter desenvolvido o primeiro sistema filosófico completo: continuou a investigación da filosofía da physis que empezaran os presocráticos, pero tamén se ocupou de desenvolver concepcións sobre a natureza humana, a ética e a política (continuando o labor dos sofistas e Sócrates).

A Concepción Platónica da Xustiza

Ao principio do texto, Platón considera que a idea de xustiza consiste en que cada un se ocupe da súa propia función, pretendendo así construír un ideal de cidade ou estado. Isto estaría relacionado coa parte da alma que predomine en cada persoa, determinando así a súa función neste estado ideal. No caso da xustiza, esta non corresponde a ningunha parte concreta da alma, senón que consiste en que cada parte da alma cumpra a súa función en harmonía.

Os Tres Estamentos do Estado Ideal

No seu Estado ideal, o filósofo ateniense dinos que deben existir tres estamentos:

  • Campesiños, Artesáns e Comerciantes: Son os cidadáns nos que predomina a parte concupiscible da alma. A súa virtude será a temperanza, é dicir, a orde e o control dos desexos e praceres.
  • Gardiáns: Son os cidadáns nos que predomina a alma irascible. A súa virtude, polo tanto, será a coraxe; vixiarán e defenderán á poboación.
  • Gobernantes: Son os cidadáns nos que predomina a parte racional da alma. A súa virtude será a sabedoría; deben guiar correctamente a cidade.

Conclusión: A Harmonía como Xustiza

Concluíndo, Platón considera que unha cidade é xusta cando cada quen fai o que debe facer, como cita no texto: “excelencia da cidade, a capacidade para facer cada un o seu”. Isto só se pode conseguir no Estado ideal, no que campesiños, artesáns e comerciantes; gardiáns; e gobernantes realizan as súas tarefas específicas e os tres tipos de virtudes existen cun adecuado balance. Así, a xustiza reside na harmonía e no cumprimento da función propia de cada parte.

Entradas relacionadas: