O Antigo Réxime, a Ilustración e a Era das Revolucións

Otras lenguas extranjeras5,54 KB

1. A economía no Antigo Réxime

A economía no Antigo Réxime era de base agraria e pouco produtiva (economía de subsistencia):

  • A terra era propiedade dos dous grupos privilexiados.
  • Existencia de crises e de grandes fames.
  • Tamén se desenvolvían actividades artesanais nas que destacou o domestic system.
  • O comercio triangular, que tiña no tráfico de escravos un elemento esencial: eran apresados en África para seren vendidos en América para traballar de xeito inhumano nas plantacións agrícolas.

2. Modelos políticos do Antigo Réxime

Monarquía absoluta

O rei ten poder absoluto e ilimitado (goberna, aproba leis, recada impostos...). O seu poder foille outorgado por Deus (dereito divino) e considérase o representante de Deus na Terra. O absolutismo relaciónase co regalismo, é dicir, co control do rei sobre as institucións relixiosas.

Monarquía parlamentaria

O Parlamento limita o poder do rei: non pode aprobar leis, recadar impostos ou recrutar un exército sen a aprobación parlamentaria. Ademais, as eleccións dos membros do Parlamento son libres.

3. A Ilustración

No século XVIII, Francia converteuse no principal centro de difusión das ideas ilustradas. As bases do pensamento ilustrado foron:

  • Crítica á relixión e distanciamento da mesma (o que non significa que fosen ateos todos eles). A tolerancia debía ser a base da convivencia.
  • A razón debía aplicarse en todos os ámbitos da vida. Rexeitaban todo aquilo que se rexía polo costume e confrontaba coa razón (privilexios, regulamentacións dos gremios e absolutismo).
  • A educación concibiuse como instrumento fundamental para difundir a razón.
  • Despotismo ilustrado: o lema «Todo para o pobo, pero sen o pobo» define a actitude dos monarcas que querían actuar a prol do pobo mais sen renunciaren aos seus propios privilexios.

4. A Revolución Americana

O conflito comezou en 1776 e a independencia foi recoñecida en 1783:

  • Os colonos non tiñan representación no Parlamento de Londres e tampouco se lles permitía ocupar novas terras.
  • Influenciados polas ideas ilustradas de liberdade e igualdade procedentes de Europa, manifestaron a firme intención de defender os seus dereitos.
  • En 1773, Gran Bretaña decidiu aumentar aínda máis os impostos, o que provocou como reacción o Motín do té de Boston. Este fito supuxo a ruptura das relacións comerciais coa metrópole.
  • A chegada de tropas británicas en 1775 para someter os colonos marcou o inicio da guerra.

5. A Revolución Francesa

En 1789, Francia estaba gobernada polo rei absolutista Luís XVI e mantiña unha sociedade dividida en estamentos, típica do Antigo Réxime.

Causas da Revolución

  • Unha crise de subsistencia provocada polas malas colleitas e a fame.
  • O descontento da burguesía, que se enriquecera ao longo do século XVIII, ante un sistema que non lle permitía participar na vida política do reino.
  • A difusión das ideas ilustradas, que serviron de fundamento para as demandas burguesas.
  • A reforma fiscal que tentou levar a cabo a monarquía para salvar as finanzas do Estado, pretendendo que as clases privilexiadas comezasen a pagar impostos. Ante a súa negativa, o rei viuse obrigado a convocar os Estados Xerais.

Desenvolvemento revolucionario

Os Estados Xerais

Inauguráronse en maio de 1789. Neles votábase por estamentos, polo que a nobreza e o clero reunían dous votos contra un do Terceiro Estado. Este último reclamou o voto persoal. Ante a negativa, os representantes do Terceiro Estado reuníronse no Pavillón do Xogo da Pelota, onde constituíron a Asemblea Nacional Constituínte o 20 de xuño.

Pouco despois comezou unha revolta popular en apoio á Asemblea. O 14 de xullo, ante o temor de que as tropas reais interviñesen, os parisienses protagonizaron a toma da Bastilla (e os ataques estendéronse).

Monarquía constitucional

A Asemblea aboliu os privilexios feudais e proclamou a Declaración dos dereitos do home e do cidadán. En 1791 aprobouse a Constitución, que establecía:

  • A separación de poderes.
  • A soberanía nacional.
  • O sufraxio censatario.

Os xirondinos non concedían dereitos aos sans-culottes. Xunto coa guerra exterior, isto provocou un novo estalido revolucionario en 1792, tralo cal o sector radical dos xacobinos tomou o poder.

Descargar

PDF Word HTML