As Vangardas na Literatura Galega: Amado Carballo e Manuel Antonio
Clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en
español con un tamaño de 3,46 KB
As Vangardas na Literatura Galega
Por volta da Primeira Guerra Mundial produciuse en Europa a eclosión dos movementos de vangarda. Por todas as partes comezaron a aparecer proclamas en prol dunha renovación estética na literatura: o futurismo en Italia, o dadaísmo en Suíza, o creacionismo con Huidobro e o ultraísmo en España. Os poetas galegos aproveitaron o que creron útil das vangardas e tamén se inspiraron nos predecesores inmediatos e medievais. Atopamos os seguintes ismos:
- HILOZOÍSMO: Tendencia que asume a tradición paisaxística do século XIX combinándoa con recursos propios das vangardas. Amado Carballo é o seu iniciador.
- CREACIONISMO: Manuel Antonio converte a súa imaxe en centro do poema.
- NEOTROBADORISMO: Corrente xurdida como consecuencia da fascinación que produce no ambiente literario galego a divulgación da lírica medieval. Destacan Bouzas Brey e Cunqueiro.
- NEOVIRXILIANISMO: Responde a unha visión poética da paisaxe da que tenta captar os mínimos matices fuxitivos.
Amado Carballo
Amado Carballo (Pontevedra, 1901-1927) comezou a súa andaina literaria con dúas narracións curtas: Maliaxe (1922) e a noveliña Os pobres de Deus (1925). Como poeta só publicou Proel (1927). Despois de morto, os seus amigos reuniron uns poemas que publicaron como O galo (1928). Pese á escaseza da súa obra, exerceu unha notable influencia; pódese falar dunha escola amadocarballista que tiña como meta a creación de imaxes a fin de nos presentar unha natureza dotada de actividade, forza e vida.
Na súa poesía combina as imaxes vangardistas con estrofas populares. Pódese dicir que Amado e a súa escola hilozoísta seguen e, ao mesmo tempo, renovan unha tradición poética baseada na paisaxe, moi presente na literatura galega desde comezos do século XX.
Manuel Antonio
Manuel Antonio (Rianxo, 1900-1930) estudou Náutica en Vigo. Como piloto da mariña viaxou ata que enfermou de tuberculose; regresou a Rianxo e alí morreu. En 1922 asinou o manifesto Máis alá que, ademais de ser unha declaración dos seus principios estéticos, constitúe unha enérxica defensa da lingua galega e do ideario galeguista.
Obra Cume: De catro a catro
Publicou De catro a catro. Folla dun diario d'aborto (1928), un conxunto de 19 poemas co mar como tema central, que comeza con Intencións e remata con Adeus. Os outros poemas son crónicas dunha viaxe marítima, monótona e reflexiva, que se pode interpretar como a viaxe do poeta pola vida.
Este libro presenta unha tripe novidade: temática, lingüística e formal:
- Nos temas: Ofrece unha visión subxectiva e mistérica do mar.
- No aspecto lingüístico: O libro segue os postulados do futurismo, que apostaba pola renovación formal, e ecoan as imaxes creacionistas de Huidobro e as imaxes fragmentadas e simultáneas do cubismo.
Outras achegas
En 1972, Galaxia publicou un volume onde se recolle este libro e catro cadernos descoñecidos que non engaden nada esencial, pero que corresponden a un primeiro período de formación e aprendizaxe do poeta no que combina os elementos tradicionais con outros máis innovadores. Trátase de poemarios como Con anacos do meu interior, Foulas e Sempre e máis dispor.