As Variedades Dialectais do Galego: Unha Exploración Lingüística Detallada
As Variedades Diatópicas do Galego: Xeografía e Características Lingüísticas
As diferenciacións que se dan na lingua atendendo a un criterio espacial reciben o nome de variedades diatópicas ou dialectos. A xeografía lingüística do galego non coincide coas fronteiras administrativas da Comunidade Autónoma de Galicia. Na fronteira oriental, o galego penetra no occidente de Asturias ata o río Navia, Os Ancares e o Bierzo occidental de León, e mais na zona zamorana das Portelas, da Canda e do Padornelo. Polo sur, a fronteira lingüística coincide máis ou menos coa fronteira administrativa que separa Galicia de Portugal. O mapa dialectal do galego actual presenta unha división do dominio lingüístico en tres grandes bloques: Oriental, Central e Occidental. Para delimitar estes bloques tense en conta a concorrencia dun grupo de características que permiten individualizar un bloque fronte a outro. Os límites que presentan xeograficamente os fenómenos lingüísticos márcanse por medio das isoglosas, que son liñas imaxinarias que serven para trazar a fronteira entre unha zona onde existe un fenómeno lingüístico determinado e outra onde non.
Principais Trazos Lingüísticos das Variedades Territoriais
a) Fonética
1. Gheada
Fenómeno fonético que consiste na pronuncia da consonante oclusiva velar sonora /g/ coma aspirada farínxea /h/ en calquera posición.
2. Seseo
É a ausencia do fonema interdental fricativo xordo /θ/ e a súa pronuncia como /s/, alveolar, fricativo, xordo.
- Seseo total ou explosivo: cando se produce en posición inicial de sílaba e en posición final (cosiña por cociña).
- Seseo parcial ou implosivo: cando se produce só en posición final de sílaba (lus por luz).
3. A evolución das vogais nos grupos latinos -ULT-, -UCT-
A variante maioritaria -oi- aparece ao lado de -ui- e -u- (loita, luita, luta).
4. Os grupos latinos QUA-, GUA-
Redúcense na maior parte do territorio galego, aínda que nalgunhas zonas se mantén o ditongo (catro, cuatro).
b) Morfosintaxe
1. A evolución das terminacións latinas -ANUM, -ANAM
Presenta dúas solucións maioritarias:
- -án para masculino e feminino (o irmán - a irmán; verán; mañán).
- -ao para masculino e -á para feminino (irmao - a irmá; verao, mañá).
2. A evolución das terminacións latinas -INUM, -INAM
Contrapón a solución maioritaria (-iño) coa solución -ín: camiño, veciño / camín, vecín.
3. O plural dos nomes rematados en -l
Exemplos: animais, animás, animales.
4. O plural dos nomes rematados en -n
Exemplos: cancións, camiós, camiois.
5. Os demostrativos
Presentan tres modelos:
- Este, esta, esto: É o de maior extensión xeográfica.
- Iste, esta, esto: O masculino aparece caracterizado coa vogal radical i-.
- Este, esta, isto: Aquí é o neutro o que aparece hipercaracterizado.
6. Pronome suxeito de 2ª persoa singular
Variantes: Ti/tu.
7. Pronome suxeito de 3ª persoa singular
Variantes: el/il.
8. Os pronomes átonos te/che
Na maior parte do territorio distínguense pola súa función: te (CD) e che (CI). Non obstante, hai zonas onde hai teísmo (uso de te para CD e CI) e zonas onde hai cheísmo (uso de che para CD e CI).
9. No sintagma verbal
- As formas de 1ª persoa do pretérito dos verbos da 1ª conxugación presentan as seguintes variantes: cantei, canteín, cantén e cantín.
- As formas de 2ª e 3ª persoa do singular do Pretérito dos verbos da 2ª conxugación tamén presentan variantes: (colliches, colleu / colleches, collín).
- O morfema de número e persoa nas 2ª persoas do plural do pretérito tamén ten as seguintes variantes: cantastes - cantáchedes, cantástedes.
c) Léxico
As diferentes áreas xeográficas tamén poden presentar variantes para un único significado:
- raposo / golpe
- arume / candea
- faísca / penica
- ver / mirar
- cheirar / ulir
Bloques e Áreas Dialectais do Galego
O mapa dialectal do galego actual confórmase en tres grandes bloques:
- Occidental: abrangue o occidente da Coruña e Pontevedra.
- Central: corresponde a boa parte das provincias de Lugo e Ourense, así como a franxa interior das de Pontevedra e A Coruña.
- Oriental: inclúe o leste das provincias de Lugo e Ourense e mais as zonas galegofalantes de Asturias, León e Zamora.
A nivel xeral, debemos precisar que os bloques occidental e oriental son os que presentan unha serie de fenómenos lingüísticos peculiares, innovadores no primeiro caso, conservadores no segundo, fronte ao central, que non presenta tantos fenómenos característicos e que, ademais, apróximase ao que consideramos galego común. A isoglosa que delimita os tres bloques é a correspondente á formación do plural dos nomes rematados en -n: pantalóns / pantalós / pantalois.