Auge da Ilustración no Século XVIII: Transformacións Políticas, Sociais e Culturais
Factores Políticos, Sociais e Culturais que no Século XVIII conducen á Ilustración
O século XVIII é un século de recuperación económica e de explosión demográfica, unha época de grandes transformacións, que se aceleran sobre todo a partir da segunda metade do século. Estas transformacións inflúen en todos os ámbitos da vida política, económica, social, etc. No terreo filosófico é o século do empirismo e a ilustración.
A Situación Económica
Nesta época vanse producir unha serie de cambios fundamentais que afectan dun xeito ou outro á economía europea:
- A economía segue sendo fundamentalmente agrícola. Nesta época, sobre todo, nos Países Baixos e Inglaterra, prodúcese unha auténtica revolución agrícola como consecuencia fundamentalmente de dous factores: as novas técnicas agrícolas e a introdución e mellora de ferramentas.
- Prodúcese, sobre todo a partir da segunda metade do século, unha explosión demográfica. En 50 anos duplícase a poboación, cousa sen precedentes na historia coñecida da humanidade.
- Desenvólvese, por primeira vez, un intento de explicación científica da economía, que dará orixe a dúas escolas principais:
- Os fisiócratas franceses: Para os que a base da riqueza económica é a terra, ocupando a industria e o comercio un plano secundario.
- O liberalismo inglés: cuxo representante máis destacado, Adam Smith, pon á base do sistema económico o traballo e non a terra. Defende un modelo de economía baseado na “lei da oferta e a demanda”, onde o Estado non debe intervir no mecanismo das leis económicas.
- Ao final de século iníciase a revolución industrial, como consecuencia, sobre todo, da invención da máquina de vapor por James Watt (1785), e a súa aplicación ao terreo produtivo.
- Un elemento decisivo como desencadeante das revolucións liberais é o ascenso dunha burguesía comercial que impulsou a esixencia dun mercado libre.
A Situación Social
Respecto da situación política é necesario destacar a supervivencia da sociedade estamental, dividida en tres grandes estamentos: nobreza, clero e o denominado “terceiro estado”.
Sen embargo, este tipo de organización social entra nunha crise forte. A nobreza, que basea o seu poder económico na posesión da terra, comeza a perder peso fronte á burguesía que domina o comercio e a industria. Para evitalo, inténtase pecha-lo paso da burguesía aos altos cargos do Estado e afianzar a servidume do campesiñado; o que vai dar lugar a un malestar crecente que conducirá á Revolución Francesa de 1789 e a outras revoltas en Europa continental.
A Situación Política
Este período caracterízase polo predominio das monarquías absolutas en gran parte de Europa. Casos excepcionais o son Gran Bretaña (onde goberna unha monarquía parlamentaria); Suíza, Venecia (con sistemas republicanos); e Polonia (cunha monarquía electiva). Na Europa do Leste, onde segue persistindo o feudalismo, xurde unha forma de goberno que será coñecida como despotismo ilustrado: o estado toma baixo a súa responsabilidade, a falta dunha clase burguesa, a modernización da sociedade (colocándose con frecuencia fronte aos intereses da aristocracia). Así sucede na Prusia de Federico II O Grande, baixo cuxo reinado escribe Kant gran parte da súa obra.
En 1776 os EE.UU. de América declaran a independencia, e en 1787 proclaman a súa constitución, a primeira constitución democrática posta en funcionamento na historia. O parlamentarismo inglés, a constitución americana, e a Revolución Francesa de 1789 coa Declaración dos Dereitos do home e do cidadán, serán os puntos de partida para a organización moderna da sociedade, en sistemas democráticos liberais, que liquidarán paulatinamente o “antigo réxime”.
Arte e Cultura
No século XVIII o Barroco deixa paso ao Clasicismo, que podería definirse como un intento de aplicar o espírito cartesiano -racionalidade, sinxeleza, orde- á arte. Unha manifestación tardía do Barroco é o Rococó, unha frivolización do Barroco que se volve unha arte cortesán.
No terreo musical continua a maduración do Barroco de mans de Vivaldi, Albinoni, Bach e Händel. Pero cara mediados do século, tamén no terreo musical o Barroco deixa paso ao clasicismo, que ten entre os seus máximos representante a Mozart e Haydn. Finalmente, a cabalo entre os séculos XVIII e XIX, Beethoven comeza a transición ao romanticismo.