Celso Emilio Ferreiro: Biografía, Obra Poética e Estilo Literario
Celso Emilio Ferreiro é unha figura fundamental dentro da nosa literatura, non só pola importancia da súa obra, senón tamén pola fonda influencia que exerceu noutros poetas.
Nace na vila ourensá de Celanova, no ano 1914.
Traxectoria vital e literaria
Xa escribe antes da Guerra Civil, pero non publicará o seu primeiro libro de importancia ata o ano 1954: O soño sulagado. Anos máis tarde aparece o que ía ser o seu libro máis coñecido: Longa noite de pedra, que acadou unha popularidade moi grande nos anos posteriores. Ambos escribiunos na súa maior parte despois da Guerra Civil.
No ano 1966 emigra a Venezuela, pensando que ía atopar aló unha colonia galega libre e preocupada polo país. Volve desilusionado e publica Viaxe ao país dos ananos, onde critica a cativeza mental dos emigrantes enriquecidos, desleigados e egoístas. Na década dos 70 foi publicando unha serie de libros que deron a medida da súa calidade: A terra de ningures, Antipoemas… Na súa poesía, amais da denuncia social, son destacables a ironía e o humor que usaba para facer crítica dos vicios da sociedade.
Liñas temáticas da súa poesía
Na súa poesía diferéncianse tres grandes liñas temáticas:
Poesía social
Denuncia as inxustizas sociais, expresa a súa solidariedade cos oprimidos, e o seu compromiso antibelicista e antifascista.
Poesía intimista
Expresa o seu desacougo existencial, lembra un tempo pasado e feliz, evoca con nostalxia a súa terra natal, reflexiona sobre a fugacidade da vida, o amor, a morte, etc.
Poesía satírica
Denuncia cun ton acedo fortemente crítico, cheo de humor e sarcasmo, a mesquindade humana e canta as traxedias do home en xeral.
Estilo e simboloxía
Celso Emilio escribe os seus versos nunha lingua coloquial e popular, na procura dun discurso directo e claro.
A súa poesía caracterízase pola presenza de metáforas e imaxes simbólicas, organizadas en dúas series opositivas:
Elementos positivos
Son termos referidos á claridade (luz, alborada, amencer, branco, lume...) e á altura (pomba, vento, bandeira...) que connotan as ideas de esperanza, liberdade e xustiza. Evocan un pasado feliz ou expresan a esperanza nun futuro en liberdade.
Elementos negativos
Son termos referidos á escuridade (noite, sombra, negro, corvo, cinza...), a espazos pechados e profundos (pozo, túnel, cadea...) e á pedra. Aluden ao presente da ditadura franquista e expresan as ideas de medo, opresión, inxustiza, rabia e impotencia.