Conceptos Económicos Fundamentais e a Crise de 1929
Clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en
con un tamaño de 6,96 KB
Conceptos Económicos Fundamentais
1. Padrón-ouro: É un sistema que establece o valor da moeda en relación cunha cantidade fixa de ouro. Ese ouro serve como base para os intercambios internacionais e como reserva monetaria dos países. Así, o valor da moeda dun país depende do ouro que teña.
2. Inflación: Descenso no valor do diñeiro debido á subida continuada dos prezos. Normalmente supón unha perda de poder adquisitivo, xa que os prezos suben pero os salarios non.
3. Deflación: É o descenso continuado dos prezos. Despois da I Guerra Mundial, os prezos baixaron porque había menos diñeiro, menos gasto e máis produtos dispoñibles.
4. Hiperinflación: Subida extrema e moi rápida dos prezos, na que o diñeiro perde case todo o seu valor. Tras a I Guerra Mundial, algúns países europeos, como Alemaña, sufriron hiperinflación e o troco volveu ser un medio habitual de comercio.
5. Especulación bursátil: Práctica que consiste en comprar accións esperando que suban de prezo para vender rápido e obter beneficio; aínda que tamén pode causar perdas se baixan.
6. Taylorismo: Sistema de organización do traballo creado por Frederick Taylor, que busca aumentar a produtividade mediante a especialización das tarefas, o control estrito do tempo e métodos científicos de traballo.
7. Fordismo: Sistema de organización do traballo creado por Henry Ford, baseado no traballo en cadea e na estandarización. Permite fabricar moitas unidades rapidamente e con custos baixos.
8. Burbulla especulativa: Situación na que o prezo dun activo (como accións ou inmobles) sobe moito e rapidamente máis aló do seu valor real. Cando se rompe a burbulla, os prezos caen bruscamente, xerando grandes perdas.
9. Lei arancelaria Smoot-Hawley: Lei estadounidense de 1930 que aumentou fortemente os aranceis sobre produtos importados, co obxectivo de protexer a industria nacional, pero que provocou represalias doutras nacións e agravou a crise económica mundial.
10. Neoliberalismo: Corrente que promove o libre mercado, a redución de impostos e a non intervención do Estado, deixando a maior parte da economía en mans privadas e fomentando a flexibilización laboral.
A recuperación económica dos anos 20 e os seus problemas
A economía mundial expandiuse na segunda metade da década de 1920, pero en realidade esta "ERA DE PROSPERIDADE" limitouse a EEUU. Entre 1922 e 1929, EEUU viviu un espectacular crecemento da súa industria e exportación e converteuse na primeira potencia económica mundial:
- Pasou do 35% ao 45% da produción mundial.
- Pasou a ter o 12% do mercado mundial.
- Controlaba o 60% do capital mundial.
Características dos felices anos vinte:
- Gran transformación da produción de bens e servizos, debido á:
- Aparición de novas industrias (automóbil, electrodomésticos, cine, etc.).
- Aparición de novas fontes de enerxía (electricidade, petróleo).
- Influencia de Taylor e Ford, que coas súas teorías conseguían reducir os custos e aumentar a produtividade.
- Creación de grandes grupos empresariais.
- Desenvolvemento da publicidade, a prensa e a radio.
- Desenvolvemento de novos sistemas de compras a prazos.
- Inicio da era do consumo de masas.
Situación en Europa:
Europa recuperouse da crise de posguerra de 1920-1921, pero deixou de ser o centro da economía mundial. Das potencias europeas, só Francia e Alemaña tiveron un importante crecemento industrial, debido a que foron os países cunha maior necesidade de reconstrución tras a guerra. O Reino Unido, en cambio, caracterizouse por un estancamento na economía.
Problemas derivados da prosperidade de EEUU:
- A crise dos sectores tradicionais: Sectores como o agrícola investiron en modernizarse e aumentaron a produción, pero o mercado era incapaz de absorber toda a oferta. Aumentaron os stocks, os prezos baixaron e os campesiños víronse en dificultades económicas.
- O descenso da capacidade de consumo: Había grupos de poboación que podían consumir moi pouco xa que estaban en dificultades, por exemplo, os campesiños e os desempregados.
- O estancamento do comercio mundial: Debido, por exemplo, ás políticas proteccionistas.
- A inestabilidade do sistema monetario internacional.
- O descenso dos investimentos de capital nas actividades produtivas e o emprego destes capitais para a especulación en Bolsa.
O proceso do Crack do 29 e a súa extensión mundial
O 24 de outubro de 1929, na Bolsa de Nova York, deuse unha grande ondada vendedora, na que todos os inversores querían vender as súas accións, o que fixo que o seu valor caese en picado. Isto ocasionou o "crack" bolsista do 29 ou "xoves negro".
Case 13 millóns de accións ofrecéronse á venda e a demanda foi case nula. O pánico estendeuse e, nese mesmo mes, puxéronse á venda 16,5 millóns de accións que tampouco tiveron compradores. Este afundimento continuou ata 1933.
Causas principais:
- A crise de sobreprodución agraria e industrial (Oferta > Demanda).
- A especulación bursátil e o emprego de créditos para investir na Bolsa.
Consecuencias inmediatas:
- Moitos inversores arruináronse.
- Os cidadáns acudiron aos bancos a retirar o seu diñeiro e moitos bancos quebraron.
A Gran Depresión e a expansión da crise:
Nos seguintes anos produciuse a Gran Depresión, unha recesión económica xeralizada. O consumo diminuíu e moitas fábricas pecharon. Desde EEUU, a crise estendeuse ao resto do mundo por dúas vías principais:
1. O comercio internacional
Entre 1929 e 1932 o comercio mundial reduciuse nuns 2/3 porque Estados Unidos baixou as súas importacións e aprobou a Lei Smoot-Hawley, que aumentaba os aranceis. Outros países imitaron esta política proteccionista, elevando tamén os seus aranceis. Como consecuencia, o comercio internacional colapsou e a crise agravouse e prolongouse durante os anos 30.
2. As finanzas internacionais
A segunda canle de propagación da crise foi a repatriación de capitais. Tras o crac de Nova York, Estados Unidos deixou de conceder préstamos e reclamou o diñeiro investido noutros países. Isto provocou graves problemas nas economías máis endebedadas e agravou a crise mundial.